A exposición «A historia da Galiza, a golpe de click», pode visitarse ata o 16 de setembro no MIHL. Os dioramas fan un percorrido didáctico e en clave de humor dende o Xurásico ata o Medievo
07 jul 2021 . Actualizado a las 13:20 h.Nada máis ameno para achegarse á nosa historia que facelo a través de xoguetes, cunha coidada posta en escena chea de detalles. Así se presenta a exposición A historia da Galiza, a golpe de click, que recrea diferentes episodios do pasado galego, desde o Xurásico ata o Medievo, cos famosos clicks (como se lles coñece aos bonecos playmóbil), e da que se pode gozar no Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL) ata o 16 de setembro, aínda que esta data podería ampliarse ante o éxito que está tendo a mostra. A entrada é de balde, e todas as persoas que visiten a exposición poderán escoitar unha audioguía escaneando o código QR habilitado en cada zona.
A mostra é inédita e foi especialmente creada para Lugo, aínda que non se descarta que se poida contemplar máis adiante noutras vilas. Son uns mil bonecos -e innumerables pezas máis- os que compoñen os cinco dioramas nos que se divide a exposición, organizada por Aesclick (Asociación Española de Coleccionistas de Playmóbil), unha proposta lúdica e formativa para toda a familia.
A idea partiu da concellería de Cultura de Lugo. «Encargáronnos recrear, en diferentes etapas, a historia de Galicia ata o Medievo, utilizando elementos de playmóbil», explica Xabi Salgueiro, de Aesclick. Deste xeito, os visitantes poden percorrer, dunha maneira espectacular e divertida, a historia galega a través dun dos xoguetes máis populares da infancia: o Xurásico, o Paleolítico, a época castrexa, a romanización e, no diorama máis grande, de 20 metros cadrados, a Galicia baixomedieval (arredor do ano 1.000).
Pezas de elaboración propia
Para recrear o pasado galego, os organizadores tiveron que levar a cabo un longo traballo de documentación e despois unha labor de moitos meses de recollida de pezas entre os socios coleccionistas, pero tamén de elaboración propia. «A escenografía levounos moito tempo e algunhas pezas foron creadas por impresora 3D. A basílica, por exemplo, foi de elaboración propia, e hai moitas pezas custom, como os cascos dos musulmáns que están atacando un castelo... A colocación dos bonecos na exposición xa foi o último paso e o máis sinxelo, e fixémolo nunhas dez horas. O apoio e a axuda da concellería de Cultura e dos traballadores do MIHL foi esencial en todo este proceso e por iso estamos moi agradecidos», explica Salgueiro.
As escenas recrean desde episodios da vida cotiá (cazas, reunións sociais, comida...) ata batallas, sobre todo no Medievo, «unha etapa de grande inestabilidade, na que recreamos os ataques vikingos e normandos ou as subidas dos mouros», sinala Salgueiro.
Os organizadores souberon combinar o relato histórico con certas licencias: «O xoguete deixa recrear a historia ata certo punto, e ademais gústanos incorporar pequenos detalles graciosos, como a presenza dunha motoserra, unha cámara de fotos, un paisano vestido de San Fermín correndo entre os mamuts...».
Estes detalles, ademais, son aproveitados polo propio MIHL, que organiza diferentes obradoiros para cativos arredor da exposición, nos que os participantes, por exemplo, teñen que intentar descubrir os elementos que están descontextualizados.
A exposición conta, ademais, cun carácter solidario. Aesclick é unha asociación sen ánimo de lucro que organiza exposicións por todo o estado. No caso de Galicia -onde suman máis dunha trintena de socios-, contan cunha liña de colaboración con diferentes oenegués e tamén co HULA: «Parte do diñeiro que nos doan empregámolo en xoguetes para os nenos da planta de Pediatría do HULA, onde temos montada unha exposición permanente, aínda que cada tres meses, aproximadamente, cambiamos a temática. Nestes momentos, a mostra é sobre fantasía, con fadas, dragóns e cabaleiros. É unha labor útil e créase un feedback moi bonito cos nenos», recoñece o coleccionista de Aesclick.