Patrocinado por

Florencio Delgado Gurriarán a través da arte

Lúa Rodríguez / R. N. OURENSE / LA VOZ

VEN A GALICIA

A comarca de Valdeorras honra ao escritor galego con diferentes proxectos

25 jul 2021 . Actualizado a las 10:35 h.

Os veciños de Córgomo, no concello de Vilamartín de Valdeorras, levaban máis de dúas décadas pedindo que se honrase a Florencio Delgado Gurriarán co Día das Letras Galegas.

Dende o ano 2001, o artista Anxo Baranga encargábase de organizar unhas xornadas de teatro precisamente para reivindicar a figura do poeta valdeorrés. Despois do accidente ferroviario en Santiago de Compostela no 2013, deixáronse de facer porque coincidían as datas co aniversario do tráxico suceso. Aínda así, a petición non cesou e os veciños implicáronse para enxalzar ao autor doutras maneiras.

Agora a comarca de Valdeorras permite coñecer a figura do poeta cun percorrido polas súas rúas visitando as obras realizadas por diferentes artistas locais.

A casa de Anxo Baranga

Ao deixar de organizar as xornadas de teatro, Anxo Baranga decidiu converter a súa casa no que el mesmo nomea como «proxecto en construción». Considera que a sociedade e o mundo están cambiando constantemente e, polo tanto, este proxecto tamén.

Toda a fachada está recuberta coas caras dalgúns persoeiros importantes da cultura galega. Son facilmente recoñecibles Rosalía de Castro, Castelao ou Celso Emilio Ferreiro. Tamén aparece a figura de Florencio Delgado para reivindicar a homenaxe nas Letras Galegas. Unha peculiaridade é que na base da casa están pintados os veciños do pobo. «Son os que o sosteñen todo», aclara o artista.

A súa intención é conseguir que cada ano se engadan máis persoas. «Este ano quero poñer ás cinco mulleres ás que dedicaron as Letras Galegas», recoñece. Ademais, pretende crear una liña temporal pola fachada cos momentos máis importantes da historia.

Un Florencio de papel maché

Anxo Baranga fixo unha escultura de papel maché, pintada simulando madeira, de Florencio Delgado. A súa construción levoulle máis de tres anos.

«A idea é recorrer os lugares polos que pasou o artista con esta escultura», asegura Baranga. Mentres, poderase gozar da creación petando na casa da fachada de ilustres. «Os que queiran vela solo teñen que pedirmo e eu sácoa encantado», recoñece Baranga.

Escultura de Roi Domínguez

A árbore que percorre a fachada da biblioteca municipal de O Barco de Valdeorras está cargada dun gran simbolismo. «A intención era buscar elementos significativos da vida e obra de Florencio Delgado», aclara Roi Domínguez, autor da escultura. Tamén hai compoñentes propios de Valdeorras. A primeira rama desta vide de aceiro cortén representa a silueta do río Sil. As súas follas teñen gravada a contorna tanto da comarca como de Galicia. A figura de Florencio aparece representada a través dun libro tallado nunha das ramas, no que está escrito un poema do avogado valdeorrés, que foi doado por Ángel Fernández, expresidente do Instituto de Estudios Valdeorreses.

Mural de Orde Caos

Despois de ver unhas pintadas na fachada dun edificio de Vilamartín, Orde Caos —que é o nome artístico co que se coñece a Pedro Álvarez— decidiu presentar un proxecto ao Concello para cubrilas. De momento, só puido tapar unha parte co mural de Florencio, que se pode ver dende o pasado 17 de Maio na zona do Bañadoiro. «Fíxeno como un regalo para o pobo por todo o que reclamaban para as Letras Galegas», asegura o artista. A súa idea é engadir a máis escritores.

Trala decisión da Real Academia Galega de dedicarlle o próximo 17 de Maio visitar estes puntos é máis acaído que nunca.