Patrocinado por

Mito e paisaxe desde a torre de Breogán

VEN A GALICIA

A mellor maneira de gardar un segredo é poñelo a vista de todos. Un paseo pola península da Torre descobre a mitoloxía da conquista de Irlanda, anacos de historia, arte e máis de 600 especies de flora e fauna.

24 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A Vaca, O Boi, O Becerro e O Becerriño son nomes de illotes que están diante da torre de Hércules. No suroeste de Irlanda tres illas teñen nomes semellantes: The Bull, The Cow e The Calf (touro, vaca e becerro). A explicación pode estar nun texto do Libro das Invasións colgado da parede do cemiterio musulmán da península da Torre: «Despois fundou Breogán unha cidade en Hispania chamada Brigantia e fixo construír ao seu carón unha torre que se chama a Torre de Breogán». Non hai tumbas neste cemiterio transformado en Casa das Palabras. Unha das posibles rutas polas 47 hectáreas da península da Torre arrinca a pouca distancia, na praia de San Amaro. O camiño vai polo Paseo Serpent e chega ao Campo da Rata. Alí está a historia das defensas militares da cidade de catro séculos atrás, o monumento aos fusilados da guerra civil, de Díaz Pardo, e os menhires de Manolo Paz.

O carreiro, pola veira do mar, leva a Agra das Pradeiras, sube un chisco para amosar o golfo Ártabro, mar aberto do que recolle os sons A Caracola, unha escultura de Moncho Amigo. Está en Punta Herminia, onde hai petróglifos, embarrancou o Mar Exeo e é escenario para historias de Urbano Lugrís: El tesoro de Punta Herminia y otros textos sumergidos (Alvarellos).

Historia, mitoloxía, arte, literatura, paisaxe... «O lugar emblemático, cheo de misterios, de lendas e de estímulos é o territorio da Torre», resume o ornitólogo Antonio Sandoval. El participou na elaboración da listaxe das máis de 600 especies de flora e fauna deste lugar. Unha noite que foi facer un recorrido para o seu libro La Torre (Kalandraka) descubriu unha nova: «Escoitei o grilo topo; fai un ruído tremendo porque cava unha galería que ten unha forma moi particular para que colla sonoridade. Estaba preto da serea de sinais acústicas da Torre».

A ese lugar chégase desde Punta Herminia por un gran campo de herba alta para arroupar especies como a lavandeira branca, a azuleta ou o lagarto arnal que teñen foto na veira dos camiños pedindo o respecto dos camiñantes.

Entre o bimilenario faro e o mar aberto está a Rosa dos ventos, un mosaico circular de Xavier Correa coas sete nacións celtas e os tartesos. Pode que de aquí saíran un día os fillos de Breogán para Irlanda: «Non sabemos de onde saíron: isto é mitoloxía», apunta Sandoval. Pero «non é so que nós collamos eses mitos e os incorporemos é que os irlandeses, cando son expulsados no século XVII, entran por Coruña e van presentar a súa condición de herdeiros daquela estirpe aos pes da torre de Hércules. Veñen os O'Donnell, os O'Sullivan...».

Os milesios, fillos de Breogán,foron conquistar Irlanda «a ritmo da poesía» de Amergin, dos versos que recitaba «cun pé na area e outro no barco», relata Sandoval. Por iso, no final deste paseo, na praia do Areal [ese é o seu nome de sempre aínda que lle chamen As Lapas] tivo lugar un recital, antes da pandemia, lembrando A canción de Amergin do Libro das Invasións. Cos seus versos calma o temporal antes da batalla. Este sería «o primeiro poema do Atlántico europeo, en termos mitolóxicos. O poema é fabuloso, moderno», di Sandoval que o recolleu no seu libro: «Yo soy el viento sobre las aguas. / Yo soy la ola del océano. (...)/ Yo soy la canción en la lanza. / Y el hechizo del viento!». E así os milesios tomaron Irlanda. E así se lembra, mito é paisaxe, desde a torre de Breogán.