Patrocinado por

Un libro documenta o proceso de restauración do pórtico da Gloria

x. f. LA VOZ

VEN A GALICIA

A Fundación Barrié e Assouline editan a historia de doce anos de traballos

25 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Un proceso de doce anos con 50.000 horas de traballo, oitenta expertos e un investimento de 6,2 millóns de euros. As cifras que sintetizan o reto que supuxo a restauración do pórtico da Gloria caben agora noutras, as 220 páxinas e 150 imaxes do libro que publican a Fundación Barrié e a editorial especializada Assouline. Pórtico de la Gloria. Una restauración, conta con dúas versións, unha de coleccionista de gran formato e outra máis accesible, e ambas relatan o reto artístico e tecnolóxico que supuxo abordar a intervención na alfaia románica da catedral compostelá. As dúas xa están dispoñibles en castelán na Barrié, tanto na súa librería física como na web, mentres que a edición inglesa pode adquirirse en Assouline.

O volume conta con imaxes inéditas que, ademais de ofrecer unha visión fascinante do pórtico, permite facerse unha idea visual da restauración a través do contraste entre o estado inicial e posterior das pezas. Pola súa banda, os textos proceden dos informes finais da intervención e neles atópase o relato da construción do pórtico, os efectos do paso do tempo sobre a estrutura e as súas esculturas e as claves da intervención desenvolvida. Unha actuación guiada por tres principios, segundo enuncia no prólogo o especialista Gaël de Guichen, pertencente ao comité científico implicado no proceso: «restauración, conservación curativa e conservación preventiva».

A restauración fixo fronte aos estragos que danaron o pórtico. A humidade e as filtracións de auga afectaron á instalación, como tamén o po, a colonización biolóxica —algas, fungos e bacterias— ou a erosión. Xa no século XIX era evidente o estado de deterioro e as intervencións que se desenvolveron a mediados e a finais do XX lonxe de remediar a situación, segundo se consigna no libro, en algúns casos agravaron o problema. No 2006 Arcebispado, Cabido e Fundación Barrié puxeron en marcha o Programa Catedral, que impulsou a restauración.

Ademais da actuación física, o proceso deixou unha cantidade valiosísima de información sobre o pórtico que permitiu aos especialistas coñecelo mellor e que agora, a través deste libro, se comparte co público en xeral, que ten acceso a numerosos datos que contribúen ao seu entendemento e valoración. Por exemplo, que a primeira capa de policromía, aplicada en tempos do mestre Mateo, tiña como cores predominantes o azul e o ouro. A segunda chegou no século XVII, século no que tamén se volveron a pintar as partes de carne das figuras, as máis traballadas e as que resistiron mellor o paso do tempo, en parte pola presenza de chumbo na pintura, necesaria para acadar esa tonalidade.

Os traballos dos restauradores tamén transformaron a percepción das figuras do pórtico, porque as cores cambian a súa aparencia, estabiliza as esculturas, que semellan cobrar vida. Así, o sorriso do profeta Daniel vese doutro xeito, máis aberto, grazas a que a restauración revelou o delicado debuxo de dentes e lingua, como tamén gañaron en dramatismo Isaaías e serenidade o apóstolo. Son os efectos dun proceso que, como di De Guichen, non só retirou o po físico, senón tamén o do descoñecemento. A Barrié —que dedica este libro a Carmela Arias— tamén difunde unha visión detallada do pórtico a través dunha app gratuíta.