Distancia, aforos e a implantación do seguro covid gratuíto, que cobre os gastos médicos e de estancia en caso de corentena, son as medidas máis destacadas
26 jul 2021 . Actualizado a las 13:31 h.Camiño Seguro é o programa posto en marcha pola Xunta para adaptar a peregrinaxe á nova situación sanitaria derivada da pandemia do covid-19. Trátase dun protocolo integral de actuación en todos os itinerarios da ruta xacobea que establece unha serie de medidas, tanto para os camiñantes como para os profesionais, entidades xestoras e voluntarios, co fin de que os peregrinos gocen do traxecto con todas as garantías sanitarias. «Seguimos unha dobre liña: un plan de seguridade en todos os albergues coa formación do persoal sobre as restriccións e as súas variacións en función do avance da pandemia, e as medidas físicas nos propios albergues», indica Emilio de la Iglesia, xerente da secretaría de Turismo da Xunta, que engade: «Aproveitamos todo o tempo da pandemia de escasa actividade para implantalas, pensando en que houbese seguridade cando viñesen os peregrinos». A continuación, a desagregación das mesmas.
Distancia e aforos
Separación e menos prazas
A distancia social marca todo o Camiño, tanto durante o transcurso das propias etapas como logo de chegar ao albergue, onde as camas e o mobiliario estarán debidamente separados. O aforo total nos albergues é do 30 % da súa capacidade, con separación para o uso das camas e liteiras, polo que se reduce tamén a capacidade en cada habitación, en función do seu espazo.
Zonas comúns
Precintado de espazos.
As áreas de uso común, que teñen un aforo do 50 %, contan con precintos. «Nelas, retiráronse cadeiras para rebaixar o aforo mantendo a distancia tanto entre elas como entre as mesas», indica De la Iglesia, que recorda a disposición de xel hidroalcohólico nas instalacións, pero tamén a presenza de persoal de limpeza e de instrumentos a tal efecto para o seu uso por parte do peregrino cando desexe desinfectar a súa zona de descanso.
Enxoval nos cuartos
Sabas dun só uso nos albergues públicos, pero é mellor levar saco de durmir propio.
Os aloxamentos públicos dispoñen de sabas refugables, pero De la Iglesia sinala que o comité clínico da Xunta recomenda que cada camiñante leve o seu propio saco de durmir, así como os seus propios útiles, como poden ser os cubertos, o prato da comida ou o bolígrafo.
Seguro covid
Cobre os gastos médicos e a estancia en caso de corentena.
O conxunto de medidas inclúe a posta en marcha dun seguro covid gratuíto, voluntario e de aplicación automática a todos os peregrinos polo simple feito de estar hospedado nun albergue, unha condición que pode acreditarse incluso coa propia credencial. «Ante un eventual caso de covid, co seguro terán cubertos os gastos sanitarios, farmacolóxicos, médicos, de repatriación ou de estancia con gastos de hotel, no caso de que teñan que prolongala para facer corentena por ser positivo ou estar en contacto con un». Unha ferramenta que aporta tranquilidade e seguridade, sen dúbida, á hora de emprender a ruta xacobea.
Reservas
Xa non está operativo o sistema de reserva previa «online».
Ata o pasado 9 de xullo, o peregrino tiña á súa disposición un sistema de reserva previa dos albergues a través de Internet. Desde entón, este deixou de estar operativo e o Camiño recuperou o seu espírito. O camiñante chega ao albergue, pregunta dispoñibilidade e rexístrase. «A pasada semana enviouse aos aloxamentos turísticos e aos albergues toda a información sobre o seguro covid e o protocolo a seguir. Xa non existe o concepto de grupo burbulla nin a necesidade de acreditarse como tal no caso de facer o camiño varios integrantes xuntos», informan desde a secretaría de Turismo.
Medidas ante un caso
O protocolo se un peregrino da positivo ou é contacto estreito.
O albergue comunica a situación ao Sergas para habilitar o seguro covid do peregrino e inmediatamente ponse en funcionamento o protocolo sanitario para facer as probas pertinentes e localizar aos contactos estreitos. O peregrino ten que comunicar con quen estaba facendo o Camiño, e a maiores o albergue en cuestión facilitaría os datos das persoas que compartiron aloxamento con el consultando a súa información de rexistro.
Máscara
Durante o Camiño pode retirarse estando só, no albergue non.
Durante a camiñada, di De la Iglesia, «o Camiño responde a esas necesidades que se mencionan cando se fala da posibilidade de retirar a máscara, porque estás na natureza, ao aire libre, e non adoita haber aglomeracións». Non obstante, en canto nos alcancen outros peregrinos e cando non se poida manter a distancia de seguridade, hai que volver camiñar con ela posta. No interior dos albergues, o peregrino ten que levala.
Albergues dispoñibles
Todos os albergues seguen abertos ao público.
A totalidade dos albergues están xa en funcionamento, incluídos os 71 albergues da rede pública. «Nun primeiro momento abriron a metade dos públicos. Isto respondeu a un consenso cos albergues privados, para que recibisen a demanda primeiro, xa que o pasaron moi mal», explica o xerente.
Recomendacións xerais
Coidado coa mochila e co aparcamento.
O Ministerio de Cultura e Deporte tamén fai unha serie de recomendacións ao peregrino, que debe priorizar o pago vía aplicación de móbil ou tarxeta, «pero non esquezas levar metálico para o donativo en albergues de acollida», engaden. Do mesmo xeito, indican que debe levarse un kit hixiénico con máscaras, hidroxel e pulverizador desinfectante. Durante a etapa, o camiñante sempre debe depositar a mochila no exterior dos recintos pechados se dispoñen de espazos ao afecto, e no caso de facer o Camiño en bicicleta e facer unha parada, o mellor é deixala aparcada nun lugar axeitado no que non estea en contacto con outras.
Na chegada
Sen manipular o selo e con planificación.
Na chegada ao albergue, indican tamén desde o ministerio, o ideal é que o camiñante lle pida ao persoal do local que lle selen a credencial, para evitar a manipulación do selo. A consulta de folletos ou menús de restaurantes debe facerse a través do móbil, sen entrar en contacto con papeis impresos, e para evitar sorpresas co precintado de espazos ou os aforos, o ideal é planificar tamén a comida. Ademais, unha vez dentro do aloxamento, é mellor evitar que a mochila toque a outras doutros camiñantes, e é importante desinfectala cun pulverizador ou ben introducila nunha bolsa de plástico limpa. As pertenzas deben estar sempre dentro da mesma, e cómpre lembrar que o cansazo non debe traducirse na relaxación destas medidas.