Mentras estaba no hospital con covid, pensou que nunca máis podería volver á praza do Obradoiro. Pero este camiñante de récord por fin puido lograr o seu soño. Tan animado estivo que conseguiu sete compostelas en 21 días porque para el andar por estes roteiros é a súa mellor medicina
26 jul 2021 . Actualizado a las 10:54 h.Probablemente, Manolo Hernández sexa o peregrino que máis veces fixo o Camiño de Santiago. Moi poucos poden dicir que teñen feitas 101 compostelas. «O meu primeiro Camiño foi en bicicleta. Por iso, decidín facer 101 porque con 100 só levaba 99 a pé», aclara esta apaixonado camiñante. Pero ademais de lograr esta cifra inalcanzable para a maioría, tamén conseguiu o pasado mes de xuño outra gran fazaña, facer sete roteiros xacobeos en apenas 21 días: «Foi sobre a marcha. Fun para Santiago como me gusta ir. Con billete de ida, pero sen billete de volta. Fíxeno así para que, en función do que marcaran as restricións covid ou as miñas forzas, cortar e virme. Pero se me atopaba con forzas o con ánimo, pois continuar. E atopeime con moito ánimo, e cunha ledicia e unha forza enorme». E todo isto despois de ter o covid e estar ingresado con pneumonía bilateral grave, cunha afectación do 90 % en cada pulmón, e padecer as secuelas desta grave enfermidade: «Non era soamente volver ao Camiño, senón que pensaba que igual non podería volver nunca, por iso verme camiñando era más extraordinario aínda. E aínda que agora camiño máis lento que antes, saber que podo facelo xa é todo un éxito. Foi unha vitoria superar cada etapa».
Manolo elixiu para o seu camiño 95 o roteiro que vai desde Fisterra e Muxía a Santiago, saíndo de Lires, que son exactamente 103 quilómetros. No seguinte, o 96, realizou o Camiño de Sanabria, aínda que a primeira etapa de Ourense a Castro do Son fíxoa 15 días antes do confinamento, pero unha lesión obrigoulle a deixalo. Retomou agora este roteiro. Para o 97 elixiu o Camiño Inglés desde Ferrol e para o 98, o Portugués, desde Valença do Minho. O 99 volveu a empezalo en Lires, pero en lugar de ir a Muxía, foi a Fisterra e de aí a Santiago. Neste camiño estivo acompañado dunha cadea de televisión alemá que realizou un documental sobre a peregrinación a Compostela. No 100 elixiu de novo o roteiro portugués: «Quedáranme cousas pendentes da vez anterior e como era un camiño especial para min, quixen facer o Portugués porque é o que máis me gusta, aínda que foi moi duro porque ía moi lesionado dos pés e custoume moito». E despois chegou o 101, que foi polo Camiño Francés desde Sarria: «Habitualmente evito ir por el porque está demasiado masificado para o meu gusto. Pero esta vez foi un gozo, había moi pouca xente en comparación con outras e ademais os que habían eran peregrinos, no é como cando vai a xente como se fora de romaría, con guitarras e cantando, ou con radios».
Porque Manolo case sempre camiña só. O normal é que faga 40 quilómetros en cada etapa: «E claro, ninguén quere vir comigo». Pero tamén porque «os procesos de reflexión e vitalismo aprovéitanse máis se vas só que se vas falando con alguén. Vas reflexionando nas túas cousas, nas persoas, en ti mesmo, no que fas e non fas... E se vas con alguén xa non realizas ese proceso de reflexión persoal interior».
Moito calzado gastou Manolo desde que fixo o Camiño por vez primeira en 1997. Aínda que ese roteiro foi en bicicleta, gustoulle tanto a experiencia que decidiu volver a facelo a pé outras cen veces máis. E así ata hoxe: «Eu marcho para o Camiño e chego coma novo, como se estivese nun resort. Como o mindfulness este do que se fala tanto. A reflexión interior e persoal e a motivación para a vida atópoa no Camiño, que me dá a forza e dáme a vida».
Porque esa é a verdadeira razón pola que repite tantas veces. De feito, en setembro volverá de novo a camiñar, porque é como mellor se sinte. Ademais, con máis de dez mil quilómetros sobre os seus pés xa coñece a todos os hostaleiros. Por exemplo, o hostal Suso é a súa casa de Santiago: «Durmiría alí unhas 80 ou 90 veces». Mesmo acaba de publicar un libro Entre 95 e 101 emociones, sobre estes sete roteiros últimos, os seus lugares de referencia e as súas vivencias. Bo Camiño, Manolo. Por moitos anos.