Un cruceño levou a seu fillo a coñecer Metz, o lugar onde naceu, e hoxe saen dende a cidade francesa polo Camiño con destino a Santiago
02 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.Cando chega o día das tan ansiadas vacacións, a maioría de nos adoita por saír pintando cara algún lugar, moitas veces largamente desexado ao longo dos derradeiros meses. O cruceño Manuel López Alonso, Chapi, e seu fillo Breogán López Rey, de 17 anos, no teñen esas dúbidas de praia ou montaña, o seu é subirse a bici e facer quilómetros xuntos. Este ano acaban de embarcar nunha aventura moi especial. O sábado colleron un vó a Luxemburgo. Alí os agardaba á familia e de alí marcharon a Metz, a cidade francesa onde naceu Chapi e que quería que o seu fillo coñecera. Hoxe teñen previsto emprender dende Metz o camiño de volta en bicicleta atravesando máis de 2.000 quilómetros ata chegar a Compostela. Calculan facer 100 ao día, pero «isto non é unha carreira», aquí o que vale son as experiencias e gozar do Camiño, explica Chapi.
No papel os cálculos serían de 20 a 25 días de viaxe, pero saben que a cousa pode complicarse e sempre poden xurdir imprevistos, sen contar cos atrancos que poden conlevar as restricións do covid en cada territorio polo que pasen. «Eu estou vacinado, pero el non, si vemos que nalgún sitio se nos pon moi complicado entrar nun aloxamento mercamos unha tenda desas dun quilo, un par de sacos, e para adiante».
Esta é unha viaxe que Manuel López xa tiña na cabeza fai tempo para percorrer con Breaogán «a ruta que fixen tantas veces en coche con meus pais. Lembro un R-4 e meu pai conducindo practicamente seguido, un día completo, 24 horas, ¡e polas estradas que había entonces!, sen calefacción, sen refrixeración e parando os poucos para botarlle auga o motor porque se quentaba... unha aventura. Agora apetecíame facelo de novo, máis relaxado».
De Metz percorrerán uns 300 quilómetros ata a Vézelay e alí empezarán a ruta polo Camiño que collerán seguindo a Vía Lemovicensis que pasa por Limoxes e, de alí, a Compostela.» Un itinerario que, explica Chapi, «ten moito que ver, porque a parte central de Francia que atravesaremos está repleta de historia, de monumentos, os pobos están moi ben conservados e calquera no que entres ten algo que ver».
Unha vez cheguen a España no teñen aínda moi clara a ruta. O ano pasado «viñemos dende Logroño a Santiago polo Camiño Francés e igual esta vez variamos un pouco e dende Astorga baixamos a Vía da Prata». Chapi fixo no 2008 o Camiño dende Roncesvalles co seu cuñado que morreu fai dous anos «e levarémolos con nos, estará presente na bici». Todos os percorridos foron en bicicleta. Pai e fillo son do club Tolemia Bikes de Cruces e nesta nova andaina volverán a lucir as camisetas do club.
En xullo xa mandaron as bicicletas para Francia e de equipaxe, contan, van lixeiros «calzado da bici, un de paseo e unhas chanchas, dúas mudas de ciclismo, un chándal, ferramentas, algún medicamento e pouco máis», din. Ambos están en forma. Chapi apunta que «eu fago deporte todos os días e el tamén, e vai o ximnasio. O mellor é que ten 17 anos» (risas), engade. «O máis complicado é botar tantas horas na bicicleta, pero Breogán xa o demostrou o ano pasado e facíamos unha media de 80-90 quilómetros ao día», conta.
Chapi é enfermeiro na Agolada e seu fillo, que saca moi boas notas, quere seguir os seus pasos. Co que, cando menos, os primeiros auxilios en caso de necesidade xa os teñen garantidos. De momento o plan e ir seguindo ruta e itinerario, a expensas do que lle depare esta aventura, unha desas que a bo seguro lembrarán toda a vida. Boa viaxe!.