Patrocinado por

Gaiás, unha galería de arte ao aire libre

M. G. Iglesias SANTIAGO / LA VOZ

VEN A GALICIA

Manuel G. Vicente

Obras de Franciso Leiro, Manolo Paz e Alicia Framis ligan o complexo ao Camiño

12 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Non só un paseo polo interior, senón tamén polo exterior. A arte na Cidade da Cultura transcende máis alá das paredes dos seus edificios. Ás visitas a exposicións temporais do Museo Gaiás, como a de Faraón. Rei de Exipto -que está na súa derradeira semana-, Galicia futura e a de arte contemporánea Os brancos segredos do seu ventre, engádenselle un bo número de pezas que se poden atopar ao longo das súas zonas verdes. Deste xeito o complexo convértese tamén nun museo ao aire libre con creacións de destacados artistas como Francisco Leiro, Manolo Paz, Alicia Framis e Clara Montoya, entre outros. Estas intervencións artísticas e paisaxísticas que a Xunta de Galicia está promovendo nos espazos exteriores están ligadas co feito xacobeo e con Compostela como destino de peregrinación, aproveitando deste xeito o vencello visual coa Catedral e que a Vía da Prata bordea a ladeira do monte.

Manuel G. Vicente

As obras

«Zapatos no Camiño», de Francisco Leiro. A obra realizada por un dos escultores galegos de referencia, Francisco Leiro, está situada na cima da ladeira do monte que se abre a Santiago e conformada por tres pezas que representan os zapatos do peregrino: un realizado en granito, outro en formigón e outro en ferro fundido. Cada un deles ten dous metros aproximadamente para poder contemplarse desde a distancia. Os zapatos convértense nesta creación de Leiro en obxectos humanizados que simbolizan o esforzo e a vontade do camiño percorrido. Ademais, chaman á interactividade cos visitantes, xa que poden ser empregados como obxectos de descanso por parte do público.

Manuel G. Vicente

«Espellos», de Manolo Paz. Está creación situada no Bosque de Galicia está composta por dous grandes cilindros de pedra -teñen 3,5 metros de alto por 3,8 de ancho e pesan doce toneladas- e funciona como un gran fiestra desde a que contemplar a capital galega desde unha perspectiva única. A construción en pedra obtida da cantería compostelá de Lamas de Abade remite aos numerosos valados dos sendeiros interiores das rutas xacobeas. Ademais, Manolo Paz, xunto a Leiro un dos artistas máis persoais e imaxinativos da escultura galega, utiliza na configuración o dobre arco característico do románico. Por último, Espellos alude aos castros celtas.

 

 

Manuel G. Vicente

«Reb/veladas na paisaxe». A Cidade da Cultura puxo en marcha a terceira edición desta proposta que busca darlle visibilidade e pór en valor creacións contemporáneas elaboradas por mulleres. Formando parte da programación Xacobeo 21-22 da Xunta, hai tres obras nas proximidades das Torres Hejduk. Ousadía, a liña da vida, de Amaya González Reyes, inspírase nos tratados quirománticos escritos á luz do Camiño de Santiago no século XII que interpretaban o futuro nos debuxos da liña da man. A artista, nun xiro radical, monta un valado publicitario cunha fotografía das súas propias liñas da man. Pola súa parte, a artista María Xosé Díaz en Cantas maneiras hai de poñer o corpo a penas? E cantos paxaros haberá proxecta a lembranza dunha paisaxe desaparecida. Por último, Metáforas, pegadas dun percorrido, de Alexandra R. Rey & Thomas Apostolou, supón unha escolma dos cinco camiños principais cara a Santiago, rexistrando sobre o cobre puntos de contacto coa contorna. Vinculadas a edicións pasadas de Reb/veladas pódese atopar Constelacións II, de Clara Montoya, coñecida como o banco do peregrino; e Deixa aquí os teus medos, de Alicia Framis, na contorna do Xardín Literario, na que a pirámide de metal funciona a modo de buzón.

O museo exhibe de xeito permanente un mural feito por Luis Seoane nos 70

As obras exteriores non son as únicas pezas artísticas que se poden ver de xeito permanente na Cidade da Cultura. Desde hai uns meses no Museo Gaiás exhíbese un mural realizado na Arxentina por Luis Seoane despois de que a Xunta o recuperase para o patrimonio público. A peza foi realizada na década dos 70 e mide 2,30 metros por 3,9. O seu peso acada os 200 quilos.

Programan rutas guiadas polas creacións os martes e os venres

Unha das novidades deste verán da Cidade da Cultura foi a posta en marcha das visitas comentadas especiais centradas na arte situada nos espazos exteriores, as «Andainas con arte». Son todos os martes e venres, ás 11.00 horas, e de balde. Para participar, iso si, hai que facer reserva previa na páxina web da Cidade da Cultura, onde se informa das prazas dispoñibles. Hai un número máximo de 20 participantes por quenda nestes momentos. O percorrido ten unha duración de aproximadamente 50 minutos e o lugar de partida está no punto de información do Museo Centro Gaiás.

Nestas andainas, os participantes, ademais de achegarse a intervencións de Manolo Paz, de Clara Montoya e de Alicia Framis, entre outras, para poder coñecer mellor as súas características, tamén visitarán a proposta artística O perpetuo tránsito cara ao presente, que reflexiona no interior das Torres Hejduk sobre a auga como materia capaz de adaptarse, evolucionar, purificarse e contaminarse.

Convocado un concurso para crear unha peza para o exterior da Cidade da Cultura

A Cidade da Cultura convocou no pasado xuño un concurso dirixido a artistas de entre 18 e 40 anos para crear unha obra de arte vinculada co Camiño de Santiago para ocupar un lugar onde desde o 2011 se encontraba Singularidade, a creación de Alicia Martín coñecida coloquialmente como A bóla de libros. O prazo para presentar as propostas xa rematou o pasado 2 de agosto e agora un xurado elixirá a gañadora. Pola súa banda, A bóla de libros, unha vez restaurada, está previsto que se sitúe no interior do Museo Gaiás.