Patrocinado por

«Vai haber sitio para varios festivais, músicos e historias sobre o Camiño»

andrea otero / R. G. LALÍN / LA VOZ

VEN A GALICIA

E CUIÑA

A webserie tratará sobre a influencia da ruta xacobea na música

15 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Baixo o paraugas da peregrinación xacobea chegaron a Galicia durante séculos músicas de tódolos xéneros. Dende os cancioneiros cultos franceses da abadía de Cluny ata o rock & roll de Bruce Springsteen. A webserie documental, Melodía a Compostela, afonda no papel fundamental do Camiño como vehículo transmisor de cultura musical. Ao longo de seis capítulos de dez minutos cada un, Benxamín Otero percorre diferentes localizacións dos camiños de Santiago para dar a coñecer o parecer de diferentes profesionais. A serie, producida por No Majors, contará coa dirección de Anxo Álvarez, a fotografía de Fernando García e a música de Calero para a banda sonora.

-Que importancia ten a música no Camiño?

-É curioso como no pasado moitas melodías contaban cousas dos sitios que se ían visitando. Cando estudas música son moi interesantes os tránsitos de xente. Agora estamos afeitos a que soe música constantemente de calquera artista do mundo, pero antes os medios de transmisión eran as persoas nas viaxes. Eses movementos de persoas son moi importantes porque trasladan a música con eles e dalgún xeito nútrese dos lugares polos que pasa. É moi interesante ver como vai mudando cos anos e como son transmisores de información. Un estranxeiro que non coñeza o idioma ten dificultade para comunicarse, pero pode cantar ou tocar, é unha linguaxe universal.

-En que vai consistir esta miniserie?

-A idea é visitar diferentes lugares e entrevistarnos con persoas do mundo musical. Tamén hai unha intención de falar do pasado e do que foi o Camiño anos atrás. Temos que pensar que é algo moi importante para Galicia dende hai séculos. Antigamente, cando non había Internet, o Camiño era unha canle de información e comunicación moi importante. Viña xente de todas as partes do mundo. A idea é falar do pasado e do presente. Trátase de que sexa unha serie documental para todos os públicos, non busca ser un documento musicolóxico. Tamén vai haber sitio para varios festivais, músicos e historias relacionadas co Camiño.

-Cal é o fío condutor dos capítulos?

-Eu diría que a música en todas as súas variantes e as melodías que falan do Camiño de Santiago. É algo que queremos reivindicar e poñer en valor, pero dun xeito amable e para todos os públicos, sen afondar en exceso. Responder á realidade e sen esquecernos de anécdotas graciosas e do pasado.

-Algún festival ou artista que sexa importante neste ámbito?

-O Son do Camiño é un evidente porque é moi potente, pero hai festivais máis pequenos que son moi curiosos dos que tamén imos falar. Que contan con instrumentos peculiares ou formacións máis atípicas. Falaremos por exemplo con Germán Díaz que é un dos grandísimos zanfoñistas.

-Algún posible escenario?

-Urueña, un pobo preto de Valladolid ao que lle chaman «a vila do libro». Sempre se dicía que tiña máis librarías ca bares. Ten un museo de instrumentos musicais e hai moitas anécdotas. E por suposto tamén visitaremos moitos lugares da xeografía galega.

-Tamén gravaredes pola zona.

-Polo Deza imos gravar. Imos contar con xente de aquí que traballou e fixo espectáculos no Camiño e que tiveron relación co mundo do espectáculo.

-Como te sintes ao ser o presentador?

-Teño ganas. Levo un tempo con ganas de facer cousas. Recentemente acabo de participar nunha curta dunha directora libanesa. Son profesor no conservatorio de Lalín e son músico. Currei en teatro nalgún momento e é algo que me gusta, polo que teño ganas deste proxecto. Pero sempre me gusta algo relacionado con música e isto faime moita ilusión.

-Como vai a rodaxe?

-A serie está en proceso xa que Anxo e eu aínda estamos escribindo cousas e comezarase a rodar pronto. Estamos rematando todo para comezar a gravar o vindeiro mes de setembro. Vai saír algo moi bonito.