A provincia alberga 38 exemplares nesta categoría debido ás súas singularidades físicas ou culturais
22 ago 2021 . Actualizado a las 21:40 h.A paisaxe, a gastronomía e a riqueza cultural definen a provincia de Lugo. Mais os paraxes naturais da zona tamén albergan un patrimonio botánico formado por especies únicas que ás veces pasan desapercibidas. Algunhas delas atópanse dentro da categoría «árbores senlleiras» xa que destacan por características como a idade, a altura, a rareza na súa situación ou a súa relevancia cultural. Estas reliquias botánicas están dispersas por toda a provincia. Actualmente, son 38 as árbores lucenses que lograron esta consideración, o que tamén lles asegura unha protección legal, pois a catalogación implica a prohibición de calquera acción que poida afectar á integridade da especie. Por concellos, Carballedo, na comarca de Chantada, con seis e exemplares e Castro de Rei con cinco son os municipios lucenses que rexistran máis formacións arbóreas na listaxe oficial. En canto ás especies, o quercus robur, é dicir, o carballo é a máis común, xa que o catálogo autonómico rexistra 23 en todo Galicia, dos cales sete se atopan na provincia.
O carballo máis antigo
Moitas delas constitúen auténticas rarezas botánicas como o Carballo do Pazo de Cartelos, en Carballedo, considerado o máis antigo de Galicia, xa que pode ter ao redor de 2.000 anos, segundo un cálculo realizado en 1967 por especialistas do Instituto de Investigadores Forestales de Madrid. Ademais de destacar polas súas dimensións, xa que ten case 40 metros de altura, está vinculado con feitos históricos pois está situado á carón dunha antiga calzada romana que unía Lugo con Braga.
Entre as especies centenarias, tamén está a Sobreira da Casa do Tristo, na aldea de Santiorxo (Pobra do Brollón). Cunha antigüidade difícil de calcular pero que probablemente supera os 300 anos, presenta unha malformación, causada por algunha enfermidade, á que debe gran parte do seu atractivo. A relación coas tradicións locais é outro dos criterios que o Comité das Árbores Senlleiras ten en conta, por iso, a asociación de veciños da parroquia de Vilachá de Salvadur, tamén na Pobra do Brollón, pediu a inclusión do Carballo de Chá na listaxe xa que, aínda que non destaca nin pola súa lonxevidade nin polas súas dimensións, está nun lugar sobre o que recae unha lenda sobre un personaxe mitolóxico, o aláparo, que raptaba ás mulleres da zona.
Árbores coma obras de arte
Algunhas especies do catálogo actual conteñen auténticas obras artísticas, como o Castiñeiro da Capela, en Baamonde, que alberga no seu interior un altar en honor á Virxe do Rosario, patroa da parroquia, esculpida polo artista Víctor Corral. Outras están preto de edificios relixiosos, como a Carballeira de Muimenta, situada no campo vello da igrexa vella de Cospeito. A formación componse de catro carballos e un freixo que medran de forma conxunta, o que supón unha das súas singularidades. A Mariña tamén esconde algún que outro tesouro arbóreo. Un deles é o Souto da Retorta, un enclave natural situado na ribeira do río Landro, na parroquia de Chavín, en Viveiro, onde está O Avó, un dos eucaliptos máis grandes de todo Europa.
A cidade amurallada só presenta unha formación arbórea na categoría de senlleira. Son os dous carballos centenarios situados no Campo de Golf. Porén, algúns investigadores como o enxeñeiro forestal, Gaspar Bernández Villegas, realizaron unha revisión do compendio oficial e ofreceron novas propostas. Na súa tese de doutoramento Bernández recolleu ata nove árbores na provincia de Lugo candidatas a formar parte do catálogo, dúas delas na capital provincial. Son o pinsapo situado no parque de Rosalía de Castro, do que non hai outro exemplar semellante catalogado e a picea azul, tamén no pulmón verde da cidade. Polo momento, ningunha delas se incorporou á listaxe oficial.