«Aquí trouxo a marea ó noso Santo Cristo de Fisterra, o da barba dourada, que un barco inglés guindou ó océano para ficar connosco eternamente», escribe o poeta e guía do Museo da Pesca de Fisterra
22 ago 2021 . Actualizado a las 20:50 h.O meu recuncho da infancia foi a praíña de Corveiro, a «Ribeira das Canas», así a nomearon os nosos devanceiros. É unha arnela recóndita, un coído das crebas.
Aquí trouxo a marea ó noso Santo Cristo de Fisterra, o da barba dourada, que un barco inglés guindou ó océano para ficar connosco eternamente.
Aquí, nesta xanela cara ó mar, en 1840, saíran á costa as primeiras latas de conserva, e, ó pouco tempo, quizais un ano, reconverteron as fábricas de salga en conserveiras.
Aquí, os balóns a Corveiro!, se é que o equipo de fútbol de Fisterra ía gañando.
Aquí, nesta pequerrechiña cala, quen non se lembra daquela branquísima cadea humana de solidariedade sacando o galipote dos rochedos?
Eterno areal de sombra
Aquí, neste eterno areal de sombra e de sosego, ó socairo das axadas do nordeste, a quentura do estío pasabamos, nadabamos até abicar o Faro, até a Pena de Corvos, iamos de resollo coma mascatos e, ás veces, sufriamos a picadura dos escorpións de mar que curabamos o seu veleno coa urina dalgún rapaz e co incandescente ardor dunha cabicha e cando saiamos da auga, conxelados, cubriamos o corpo coa area tan quentiña para sacar o frío.
Aquí, nesta Ribeira das Canas que tanto rememoro veñen purificarse agora os peregrinos.