Patrocinado por

Un mural a toda cor no centro de San Sadurniño

A. F. C. SAN SADURNIÑO / LA VOZ

VEN A GALICIA

Os autores agradecen a axuda dos veciños e din que o único que os molestou algo foi o sol
Os autores agradecen a axuda dos veciños e din que o único que os molestou algo foi o sol CÉSAR GALDO

Carlos García e Marina Goti, da empresa 2Duendes, son os autores desta obra, feita por encargo do Concello

23 ago 2021 . Actualizado a las 21:49 h.

As cores do río e do paseo fluvial, as froiteiras, os paxaros e mesmo o castelo de Naraío son o primeiro que vai atopar quen se achegue a San Sadurniño. Carlos García e Marina Goti, da empresa de decoración e deseño 2Duendes, pintaron, en oito xornadas, un fermoso mural de 30 metros de longo, co nome de San Sadurniño en letras ben grandes. Fixérono por encargo do Concello, máis tarde do que estaba previsto por mor dos efectos da pandemia. Comezaron o 11 de agosto e o 20, a media tarde, remataron.

«A idea era representar o municipio dun xeito colorido, rechamante e alegre, despois de todo o do covid, centrado na natureza», conta Carlos. O traballo comezou co saneado do muro. «Eu fixen o deseño, que despois fun modificando, improvisando segundo mo ía pedindo o muro. Marco o debuxo cun aerógrafo, en liñas negras, a man alzada, e despois Marina, peza fundamental nesta empresa, vai coloreando. Despois, vou por detrás perfilando e metendo as sombras», describe. Carlos e Marina son parella, levan dezasete anos traballando xuntos e nove vivindo en San Sadurniño. O concelleiro de Desenvolvemento Local e Turismo, Manolo Varela, aplaude o resultado: «Dentro da liña artística tan persoal de Carlos e Marina, o mural reflicte perfectamente o que queriamos expresar, e ademais, polo que nos comentaron, gustou moito aos veciños».