Patrocinado por

«Albariño no Camiño» encherá tres días de música, catas, charlas e teatro en Cambados

Bea Costa
Bea Costa CAMBADOS

VEN A GALICIA

Martina Miser

A oferta é gratuíta, do 3 ao 5 de setembro e concentrarase na praza de Fefiñáns e en Torrado

26 ago 2021 . Actualizado a las 14:33 h.

A pandemia retrasouno, pero non vai impedir que Cambados quede sen catar o «Albariño no Camiño». Este é o título escollido para o programa de actividades que se vai desenvolver os días 3, 4 e 5 de setembro baixo o fío condutor que proporciona a alianza entre o albariño, a cultura e a historia ligada ao fenómeno xacobeo. Porque, aínda que é algo descoñecido para o gran público, Cambados ten unha importante tradición xacobea que se plasma nos camiños reais e os hospitais para peregrinos que houbo na vila.

No Concello opinan que chegou o momento de explorar e explotar esta vía con fines culturais e turísticos e da man da Xunta de Galicia e do Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas emprenden o seu particular camiño. «A intención é visibilizar Cambados como unha vila de importancia e tradición xacobea, dando coñecer os importantes monumentos que nela se atopan, como a Torre de San Sadurniño, as ruínas de Santa Mariña, a igrexa de San Bieito ou a praza e o pazo de Fefináns. Rememorar figuras como a de Francisco Asorey e Ramón Cabanillas ou os escritos sobre a Ruta Xacobea do Pai Sarmiento en Cambados e conñecer as importantes adegas e viñedos da comarca», segundo explican desde a organización. Para elo haberá tres días de actividades nos que se inclúen catas, exposicións, obradoiros para os nenos, concertos e teatro ao aire libre, «nun programa moi digno, completo e diverso», en palabras do concelleiro de Cultura, Tino Cordal. A gran incógnita a día de hoxe é saber se o tempo acompañará e permitirá celebrar todas as actividades ao aire libre como está previsto, segundo se puxo de manifesto na rolda de prensa celebrada este mediodía coa participación de Tino Cordal, o secretario xeral do Consello Rías Baixas, Ramón Huidobro, e a directora de Promoción de Turismo da Xunta, Carmen Pita.

Aínda que o Albariño no Camiño non empeza ata o venres 3, o día anterior xa haberá un aperitivo musical con Mad Martin Trío, que actuará na praza de Fefiñáns ás 20 horas da man da adega Paco & Lola. Ao día seguinte ás 11 horas inaugurarase no Museo do Viño a exposición A historia do Albariño en carteis, que aglutina o material das 69 edicións da festa, que irá acompañada dunha cata inaugural co viño premiado no concurso deste ano.

Ás 12 horas inaugurarase en Expolsalnés Albariño Rías Baixas coa mostra dos caldos gañadores da Cata Concurso Rías Baixas ao longo dos seus 32 anos de historia.

Media hora despois celebrarase nos xardíns de Torrado un Foro Voz baixo o título O Camiño sabe a Albariño; a pegada do patrimonio de Cambados no Camiño, coa participación dos historiadores Sindo Mosteiro e Maribel Iglesias, o ex alcalde Xoán Antonio Pillado e a arquitecta Paula Alfonso. Ás 16 horas toca asomarzse ás rúas de San Tomé, entre o pazo Montesacro e A Torre, para desfrutar das andainas teatralizadas protagonizadas por Teatro do Garaxe. No mesmo horario volverán saír, o sábado desde a Casa das Cunchas ata as ruínas de Santa Mariña, e o domingo, desde Fefiñáns ao Muíño da Seca.

De 17.30 e 19.30 terán lugar, tamén os tres días pero nos xardíns de Torrrado, unhas catas de viños da denominación de orixe Rías Baixas nas que se poderá participar de forma gratuíta, previa inscrición uns minutos antes no mesmo xardín. O aforo está limitado a trinta persoas por sesión —dez por cada posto— e está prevista a degustación de quince viños doutras tantas adegas.

A música tamén soará a diario a primeira fin de semana de setembro. O cartel abrirao Zeltia o venres 3 ás 18.30 horas no parque de Torrado e ás 20 horas daralle o relevo Sabela na praza de Fefiñáns dentro do ciclo Os camiños da música.

O sábado arrincará ás 12 horas en Torrado cunha nova mesa redonda baixo o título Abrindo camiño, a presenza da muller na contorna do Albariño, coa participación de Laura Cachón, responsable de márketing de Paco&Lola; Katia Álvarez, enóloga de Martín Códax; Sonia Costa, de Lagar de Costa, e Marisol Bueno, de Pazo de Señoráns.

A esa hora empezará unha nova cata e os máis pequenos poderán asistir aos obradoiros infantís, todo sen saír de Torrado. Alí mesmo volverán as catas e os xogos infantís a partir das cinco de tarde.

A sesión vermú (13 horas) estará amenizada por Sabela Trigo, as sete da tarde o Capitán Garfo ofrecerá un concerto no parque de Torrado e unha hora despois subiranse ao escenario de Fefiñáns a saga de músicos cambadeses, Os Xesteira.

O domingo ás 12 volverá a abrirse unha porta para a reflexión e o debate, desta volta para falar de O albariño no mundo; mercados chave na internacionalización da identidade, coa participación de Ramón Huidobro, secretario xeral do Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas; Carlos Carrión, presidente de Paco & Lola; María Dolores Calvo, presidenta de Condes de Albarei, e Xoán Antonio Allegue, presidente de Martín Códax.

Volverán as catas e obradoiros en horario de mañá e tarde, Teatro no Garaxe rematará os seus espectáculos ao aire libre e Naomi porá nota musical na sesión vermú en Torrado. O broche de «Albariño no Camiño» será musical, ás oito en Fefiñáns, coa actuación de Rojuu. As entradas poden reservarse e recollerse de forma gratuita na biblioteca municipal Luis Rei, a través do correo biblioteca@cambados.es e o teléfono 986 520 008. Para os concertos instalaranse 500 cadeiras, que será o límite de aforo sentados. A programación poderase consultar en material en formato de papel e dixital que distribuirá o Concello.