Patrocinado por

«Queremos posicionar a Cambados dentro dos camiños de Santiago»

Bea Costa
bea costa CAMBADOS / LA VOZ

VEN A GALICIA

Martina Miser

«Albariño no Camiño» é unha clara aposta na procura deste obxectivo

29 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A vinculación de Cambados co albariño vén de lonxe, como pouco de hai 69 anos. Aquela cea na horta de Botana entre uns amigos derivou nunha festa catalogada de interese internacional e puxo as bases para un sector do que viven miles de persoas e xenera un volume de negocio de millóns de euros. Moito se leva dito da relación do albariño coa cultura, a historia e a tradición do país, pero pouco se ten falado dos seus lazos co fenómeno xacobeo, que os ten. O Xacobeo 2021-22 é unha boa oportunidade para pisar este terreo e o Concello de Cambados, en colaboración coa Xunta e o Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas, decidiron dar o paso co proxecto cultural «Albariño no Camiño». O concelleiro de Cultura, Tino Cordal, leva meses traballando nel, de feito, a idea era executalo en decembro, pero a pandemia impediuno. Por que no inverno? Porque o obxectivo deste plan é, precisamente, desestacionalizar a oferta cultural do municipio sen os agobios das festas do verán.

-O albariño dá para moito, tamén para coñecer máis sobre o fenómeno xacobeo en Galicia. Que ten que dicir Cambados neste eido?

-Cambados ten na súa historia moita vinculación cos itinerarios xacobeos, desde a idade Media. Aquí houbo ata tres hospitais para peregrinos e Cambados era parada importante dentro do camiño real que levaba a Santiago e viña por Pontearnelas.

-A Mancomunidade do Salnés hai tempo que está traballando neste tema, pero quizáis Cambados quedou un pouco atrás respecto a outros concellos á hora de promocionar este recurso?

-Fíxose algunha labor xa, pero intentaremos aproveitar o Xacobeo, tamén no 2022, para potenciar máis esa relevancia de Cambados no Camiño de Santiago, non só por mar, tamén por terra. Desde o lado cultural temos moito que promocionar, pois a nosa é a vila con máis atractivo histórico, artístico e patrimonial de Galicia. Iso, evidentemente, posicionanos nun lugar de privilexio para formar parte de todos estes eventos e celebracións, e aí estaremos. Queremos potenciar Cambados como unha vila importante dentro dos camiños de Santiago.

-Córrese o risco de que O Camiño morra de éxito ou queda treito por percorrer?

-Se afondamos nas claves históricas relacionadas con Compostela, aí hai un auténtico maná, hai moitas perspectivas que investigar e hai campo para levar a cabo propostas orixinais que se afasten do tradicional. O Camiño ten o seu lado espiritual e relixioso, pero tamén tivo outras connotacións porque supuxo avances importantes no relativo a arte, a historia e a economía. Hai que buscar esas referencias e poñelas en valor; aínda hai moito espazo.

-«Albariño no Camiño» ofrece tres días (3, 4 e 5 de setembro) para afondar nesta mensaxe. Terá este proxecto continuidade?

-A nosa intención é esa, trataremos de facelo o ano próximo.

-Haberá música, catas, charlas e outras actividades culturais, pero convén que ninguén se chame a engano. Isto non ven suplir a Festa do Albariño non?

-Non, este é un programa cun marcado contido cultural para potenciar Cambados, o seu patrimonio e o viño. O que non se pode pretender e que isto sexa a Festa do Albariño.

Cambados

3 de setembro

O Foro Voz «O Camiño sabe a Albariño. A pegada do patrimonio de Cambados no Camiño» celebrarase o vindeiro venres no parque de Torrado, ás 12.30 horas.