A provincia de Ourense conta cun amplo conxunto de estacións de ferrocarril
05 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.O Consello da Cultura Galega acollerá este mércores, día 8, unha xornada dedicada a O patrimonio industrial ferroviario no Ano Europeo do Ferrocarril. Unha celebración, a do ano europeo, que o Consello da UE fixou para este 2021. No caso de Galicia, e de xeito destacado en Ourense, estamos a falar dunha data histórica ao cumprirse os 140 anos da chegada da primeira locomotora de vapor á cidade. Acontecemento que foi a orixe do coñecido poema de Curros Enríquez Na chegada a Ourense da primeira locomotora (1881). Logo desa celebración histórica, a da chegada do tren dende a meseta a Galicia, a outra data que tamén figura como xornada destacada na historia do ferrocarril na nosa comunidade chegou en 1958: foi o remate da conexión coa Meseta ao inaugurar o tramo O Carballiño-Santiago de Compostela, da liña Zamora-Ourense-A Coruña. O Consello da Cultura Galega celebra o encontro «o día 8 de setembro de 2021, por ser a data que coincide coa inauguración, en 1958, do último tramo da conexión da Galicia coa meseta».
A orografía galega converteu o proxecto do ferrocarril nunha obra pública de extrema complexidade, que nalgunhas zonas da provincia custou moitas vidas na construción de túneles e viadutos.
A rede ferroviaria que atravesa a provincia, cara a Vigo ou camiño de Compostela-A Coruña, conta cun importante patrimonio vencellado a estes trazados nas súas estacións. Algunhas delas están abandonadas, outras foron reconvertidas para usos que conseguiron dinamizar o entorno e varias quedarán definitivamente fóra de circulación coa chegada do AVE antes de rematar o ano. Algúns dos espazos, que dende o Consello da Cultura se reclama pór en valor como patrimonio industrial, son os seguintes.
O Carballiño
A vila conta cun conxunto singular que xa foi reconvertido en parte -na zona de carga hai dous edificios e no futuro instalarase un hipermercado- e que mantén o seu edificio central como un dos sinais de identidade. En 1958 acolleu a viaxe histórica da conexión entre Galicia e a meseta.
Ribadavia
Hai anos que non existe o emblemático quiosco no que as irmáns Touza agochaban aos xudeus que fuxían do nazismo. O edificio que en tempos viu como se cargaban milleiros de pipotes de viño con destino a Vigo, nalgúns casos para embarcar logo cara a América, está chamado a ser reformado para funcionar como albergue.
Barbantes
A de Cenlle foi pioneira no camiño dos novos usos. Hai xa anos que a zona do molle de carga foi reformada para acoller unha adega dun importante grupo de empresas do sector vitivinícola.
Baños de Molgas
O Proxecto Estacións, do Inorde, recuperou varias estacións de ferrocarril abandonadas para darlle un novo uso. Na de Baños de Molgas contan co Museo Moncho Borrajo, un restaurante e un albergue. A de Santa Cruz de Arrabaldo acolle o museo da Fundación Estanislao Reverter e o do traxe galego. Campobecerros está pendente de rematar o proxecto para ser a porta de entrada a O Invernadeiro. Foron varias das rehabilitadas.
Boborás
Os edificios de Boborás e O Irixo ían formar parte da segunda fase do proxecto do Inorde. Como moitos outros situados nos trazados ferroviarios -da entrada na provincia a Dozón- seguen á espera dun novo uso. Nalgúns casos houbo iniciativas frustradas.