Patrocinado por

O legado das ordes relixiosas en Ourense

x. m. r. OURENSE / LA VOZ

VEN A GALICIA

Os vellos mosteiros acollen hoteis, concellos, centros de interpretación e mesmo vivendas

19 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A provincia mantén entre o seu amplo e valioso legado patrimonial un conxunto de mosteiros e edificacións relixiosas que son testemuña do poder e a presenza das ordes católicas dende hai séculos polas comarcas de Ourense. A desamortización marcou un punto de inflexión no dominio que exercían sobre o territorio e os seus habitantes e abriu unha nova realidade, a que foi derivando co paso dos anos na gran variedade de tipoloxía que se dá no que son os usos e a titularidade dos vellos centros que marcaron a vida dos ourensáns durante séculos. Unha historia que hai tempo quedou esnaquizada, pasando a ser materia de arquivos e bibliotecas. As seguintes son algunhas desas novas realidades do que foron os referentes da importante presenza das ordes relixiosas na provincia de Ourense.

Oseira, a tradición

Logo da desamortización de Mendizábal o mosteiro das terras de Cea ficou abandonado, e mesmo foi escenario dunha traxedia cando a Garda Civil matou a varios dos veciños que se opoñían ao traslado do baldaquino para Ourense. En outubro de 1929 chegaban a Oseira un fato de monxes cistercienses para retomar a vida monástica ao pé da Serra Martiñá e ir restaurando, aos poucos, o conxunto monumental. O máis grande e monumental dos mosteiros da provincia mantén o uso para o que foi creado e constitúe un caso singular en Ourense.

Da relixión ao turismo

Dous son os espazos de tradición secular relixiosa que hai tempo que deixaron o seu uso tradicional -non tanto no caso do situado nas terras do Ribeiro- para se converter en referencias obrigadas á hora de falar das infraestruturas turísticas da provincia ourensá. O primeiro en abrir esa nova alternativa para os vellos conxuntos relixiosos imposibles de manter e restaurar polos antigos moradores foi o hotel monumento de San Clodio (Leiro). Santo Estevo de Ribas de Sil (Nogueira de Ramuín) rematou por ser o buque insignia do sector ao ficar convertido en parador ao non materializarse a alternativa de facer del un centro arquivístico de competencia galega.

Espazos administrativos

Varios son os casos de antigos mosteiros ou edificios vencellados ás ordes relixiosas que acollen na actualidade espazos de xestión pública. O de San Salvador de Celanova garda entre os seus muros o Concello, o instituto e a Biblioteca, entre outros servizos. O de Xunqueira de Espadanedo é a sede da administración local. Na cidade o de San Francisco rematou por ser Arquivo Histórico Provincial e o claustro en espazo municipal. Nalgún caso, Ramirás, a reforma do conxunto serviu para crear una residencia de maiores. Tamén en San Domingos de Ribadavia mudaron nesta mesma liña.

Centro para a Ribeira Sacra

San Pedro de Rocas reivindica a súa singularidade como Centro de Interpretación da Ribeira Sacra -sempre pendente de novos achegas e interpretacións- e Santa Cristina mantense como a xoia agochada no medio das fragas ao pé do Sil.

Titularidade privada

Nalgúns casos a histórica levou consigo que rematasen por acoller usos privados e públicos compartidos -caso do mosteiro de Montederramo- ou convertidos en propiedades privadas -O Priorato de Amoeiro-.

Reforma ou espera

Tamén hai mosteiros coa obra parada -Melón-, en estado de abandono, e algún -Abeleda- con proxecto nunca iniciado.