Patrocinado por

O festival de Ourense acollerá a estrea mundial de dez obras audiovisuais

Ourense / La Voz

VEN A GALICIA

El director Dani de la Torre con el elenco de la película «Live is life»
El director Dani de la Torre con el elenco de la película «Live is life»

As cintas galegas «Malencolía» e «Live is life» abrirán e pecharán o OUFF

22 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O Festival de Cine Internacional de Ourense, OUFF, celebrará a súa edición deste ano cunha aposta decidida polo audiovisual galego e por ofrecer unha escolla de calidade do mellor que se está a realizar na actualidade por todo o mundo. O cinema de México e Portugal terá un protagonismo especial, como aconteceu o pasado ano co francés, e do 24 de outubro ao 2 de febreiro poderanse ver no festival de cine de Ourense un total de 71 títulos, pertencentes a 24 países. Dezaseis dos títulos son estreas -10 delas mundiais e o resto en seccións oficiais, no Estado e mesmo no circuíto dos festivais-.

Un dos compromisos firmes pasa polas rodaxes realizadas, total ou parcialmente, na provincia e nesa liña van os dous títulos que protagonizarán as galas de apertura e de clausura: Malencolía, de Alfonso Zarauza, pasarase o día 24, e Live is life, de Dani de la Torre, o 2 de outubro.

O OUFF 2021, que organiza a Fundación Carlos Velo co patrocinio da Deputación de Ourense, foi presentado onte no Centro Cultural Marcos Valcárcel. O director do certame, Miguel Anxo Fernández, salientou na súa intervención o compromiso co audiovisual galego, incidindo no feito de que «das 71 producións audiovisuais con presenza no OUFF 33 delas teñen participación galega».

Musa de Manuel de Oliveira

O OUFF 26 contará cun amplo abano de premios honoríficos, entre outros os que recibirán Leonor Silveira -actriz portuguesa que participou en 15 películas de Manoel de Oliveira-, Gonzalo Suárez ou José Coronado. Na sección oficial a competición figuran títulos como Benedetta, Eles transportan a morte, Mediterráneo, Pleasure, Nido de víboras, Palyground, Mi mejor amigo ou La ruleta de la fortuna y la fantasía, entre outros. O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, lembrou na presentación que o sector audiovisual galego está formado por 133 empresas, que dan traballo a preto de 2.000 persoas, e que move 130 millóns de euros.