Patrocinado por

Estos son os motivos polos que tes que coñecer os parques naturais de Ourense

x. m. r. OURENSE / LA VOZ

VEN A GALICIA

A provincia acolle a metade dos espazos protexidos que hai en Galicia

26 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A comunidade autónoma vén de sumar un novo territorio aos espazos naturais protexidos. O pasado día 15 o presidente da Xunta de Galicia anunciaba no mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil a concesión dunha nova reserva da biosfera para a comunidade. A zona distinguida, según desvelou Alberto Núñez Feijoo na súa comparecencia no parador de Nogueira de Ramuín, é a comprendida pola Ribeira Sacra, Oribio e O Courel. Esta séptima reserva da biosfera galega servirá, segundo o responsable do Goberno galego, para reforzar a candidatura da Ribeira Sacra para optar á declaración de Patrimonio da Humanidade que concede a Unesco.

Varias son as figuras de protección para espazos territoriais, sendo a categoría de parque natural a que dá unha maior importancia e a que serve para potenciar a zona, canalizar investimentos e espallar a riqueza patrimonial e natural da mesma. No caso galego son seis os parques naturais recoñecidos ata o de agora, contando a provincia de Ourense con tres deles. Son os de Baixa Limia-Serra do Xurés, O Invernadeiro e o da Serra da Enciña da Lastra. Xunto a eles hai varias reservas da biosfera e territorios ZEPA (Zona de Especial Protección de Aves).

 

Baixa Limia-Serra do Xurés

É o parque natural máis grande de Galicia, abrangue 30.000 hectáreas, e caracterízase por unha paisaxe na que se mesturan as serras máis agrestes e moderadas, cunha altitude media que se sitúa por riba dos 1.000 metros. Conta co recoñecemento dende o ano 1993 e ten o valor engadido de formar un grande espazo natural protexido ao lindar co Parque Nacional Peneda-Gerês, que fai desta zona un territorio transfronteirizo que se reparte por dous países. Entre os atractivos do Baixa Limia-Xurés figuran as súas once rutas de sendeirismo -hai acondicionados 130 quilómetros para as mesmas-, as 150 especies de aves que viven na zona ou a presenza de animais como corzos, cervos, cabra montesa, cabalos de raza galego-portuguesa ou a vaca cachena, entre outros.

 

O Invernadeiro

Esta zona de montaña agochada na parte sur do Macizo Central ourensán ten a categoría de parque natural dende o ano 1997 Marcan o seu territorio os ríos Ribeira Grande e Ribeira Pequena, afluentes do Camba, e as serras de Queixa e Fial das Cordas. Hai cimas de máis de 1.600 metros e as 5.722 hectáreas protexidas están repartidas pola comarca de Viana, lindando coas Terras de Trives e Verín. Garda, xunto a una ampla variedade de flora e fauna, as rutas de senderismo e outros atractivos, un patrimonio etnográfico e industrial vencellado á época na que esta zona pertencía á firma Papelera Española. O parque conta con instalacións para poder pasar varios días aloxado no mesmo.

 

Serra da Enciña da Lastra

É o máis singular e descoñecido dos parques naturais de Galicia. Un espazo protexido de escaso territorio, só 3.151 hectáreas, que se caracteriza polo grande número de especies mediterráneas, polos seu farallóns calcáreos ou pola ampla variedade de orquídeas que se dan aquí: 25, a maior representación no territorio galego.

Este parque da comarca de Valdeorras conta ademais co valor engadido das aldeas que están integradas no mesmo ou a posibilidade de gozar das vistas panorámicas dende algúns dos nove miradoiros que están repartidos pola zona. No Enciña da Lastra contan con dez rutas acondicionadas e señalizadas, ademais de áreas de descanso e espazos de observación da avifauna.