Os 7 soportes do novo plan, impulsado polo concello, serán valos e redes
08 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.Lalín lanzará en redes e en distintos puntos estratéxicos do municipio a partir da próxima semana a nova campaña de turismo Lalín Sabe, que foi presentada onte pola concelleira de Cultura e Turismo Begoña Blanco xunto á directora de contas da empresa Wecom, encargada de desenvolver o plan turístico, Marga Pazos. Unha nova estratexia que se poderá ollar en soportes fixos; en valos sitos en distintas ubicacións do casco urbano como a zona da Corredoira, Agruchave, rotonda de Willy, en parques como o da estación de autobuses e o de Loriga, prazas de Abastos e das Pipas, e mesmo na proximidade do estadio Manuel Anxo Cortizo. A maiores, según explicou a titular municipal de Turismo, a campaña lanzarase a través das redes e con insercións publicitarias en medios. Unha novidosa campaña que non é específica para esta tempada de outono-inverno, «senón que ten un enfoque atemporal e con posibilidade de ampliala», comentou Blanco.
Turismo de sensacións ou de experiencias. Ese é o encadre que se lle deu a esta campaña, que protagonizan a lalinense Luisa María Zuloaga -Miss Grand Galicia 2020- e o silledense Javier Estévez; unha parella ficticia que en sete imaxes diferentes mostran unha ampla diversidade de opcións que ofrece o municipio para disfrutar. Lalín Sabe comer, terracear, desconectar, namorar, camiñar, gozar e selfiear son as sete propostas turísticas desta nova campaña. «Verbos en infinitivo para unha campaña aberta e desestacionalizada», comentou Marga Pazos na que se lle fai unha chiscadela á hostalaría «coas terrazas que gañaron terreo e protagonismo ao longo desta situación sanitaria». Imaxes na que se focaliza un spa asociado ao disfrute e á relaxación, desconectar de todo o cotiá a través de múltiples opcións, aproveitar para coñecer e percorrer os dous camiños a Compostela que pasan por Lalín: Camiño de Inverno e Vía da Prata, nun Xacobeo que se prolongará no ano 2022, ou adentrarse nalgunha ruta de sendeirismo. «Quixemos tamén facer unha chiscadela aos máis novos co selfiear, un verbo de novo cuño, de querer dicir que estamos aquí e convidar a amigos ou familia a compartir esa experiencia turística», explicou Marga Pazos.
A nova campaña Lalín Sabe, cuxo nome acuña o dobre sentido de sabor e coñecemento, poderá usarse en calquera das concellerías lalinenses, co gallo de «fomentar as políticas transversais», dixo Blanco; que anunciou a presentación dun novo vídeo turístico de outono-inverno, centrado na gastronomía de tempada e nos sendeiros, que probablemente se poida visualizar na próxima semana.