Patrocinado por

Carlos Gómez, psicólogo e experto no Camiño de Santiago: «O peregrino pasa moitas horas en soidade consigo mesmo, sen máscaras»

Ramón Loureiro Calvo
ramón loureiro FERROL / LA VOZ

VEN A GALICIA

JOSE PARDO

Vén de publicar un novo libro, coa peregrinación a Compostela como eixo central

11 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Carlos Gómez Iglesias (Neda, 48 anos) vén de publicar Encuentro, diálogo y relación de ayuda. Un volume que sae á luz da man de institucións como o Cabildo da Catedral de Santiago, a Fundación Catedral, a Xunta e o Xacobeo, e no que se dan a coñecer, cunha vocación claramente didáctica, as súas propostas para facer da acollida aos peregrinos unha verdadeira invitación ao diálogo, á búsqueda espiritual da transcendencia e ao reencontro cun mesmo. Unha invitación, en síntese, a escoitar a voz do corazón. «O peregrino -di Carlos, que é cura de Santa Rita de Xuvia e que acaba de facer o Camiño de Santiago coa xente da súa parroquia- pasa moitas horas en soidade e en silencio consigo mesmo, sen máscaras». E é fundamental, engade, entender que «cada persoa ten a súa propia realidade».

-«Os camiños dan as xentes», dicía Cunqueiro, tan entusiasta defensor da peregrinación a Santiago...

-Si. E cada peregrino é un mundo. Cada persoa trae consigo, polo Camiño, a súa propia historia. Na verdadeira peregrinación un vaise descubrindo a un mesmo, non só aos demais, e á vez está descubrindo a Deus. E iso é algo que temos que ter moi presente cando falamos da acollida aos peregrinos. Avanzar para conseguir que esa acollida sexa cada día mellor require actitude, pero tamén apostar pola formación.

-Non todo o mundo fai o Camiño por razóns espirituais...

-Hai moita xente que o fai porque lle gusta o sendeirismo, ou por razóns culturais. Pero a espiritualidade está moi presente.

 

«Quen acolle tamén precisa ter unha verdadeira vida interior e saber escoitar»

O teólogo Segundo Leonardo Pérez López, Delegado de Peregrinacións da Catedral de Santiago e un dos grandes expertos europeos no fenómeno xacobeo, prologa o libro de Carlos Iglesias subliñando, entre outras cousas, que o Camiño de Santiago xa non é, a día de hoxe, un fenómeno meramente europeo ou occidental, senón directamente «universal».

-¿Que se precisa para brindarlles aos peregrinos unha acollida que estea á altura do que hoxe require o fenómeno xacobeo?

-En primeiro lugar, o que acolle tamén precisa ter el mesmo unha verdadeira vida interior. E ademais ten que saber escoitar. Se escoitamos de verdade, a acollida que podemos ofrecer sempre é moitísimo mellor. Nunca podes esquecer que o fundamental é a persoa. A persoa e, por suposto, as súas circunstancias.

-O Camiño é unha metáfora da vida. E camiñar é duro, como tamén é duro vivir.

-Naturalmente. E hai feridas. En todos. Porque todos somos persoas feridas. Cada un coa súas vivencias. Esa é a razón pola que resulta tan importante saber escoitar, e saber poñerse nos zapatos da persoa que tes ante ti. A mellor maneira de axudar sempre é tratar de comprender. Temos que adquirir unha perspectiva distinta.

-¿En que sentido?

-Quero dicir que hai que buscar unha verdadeira cercanía coas persoas que fan o Camiño. Unha acollida autenticamente cristiá.

 

«Cando te dirixes a Santiago ves o xenerosa que é a xente cos que fan o Camiño»

«Cando te dirixes a Santiago, cando ti mesmo vas andando cara ao Sepulcro do Apóstolo, é cando de verdade te das conta —di Carlos Gómez Iglesias— do xenerosa que é a xente cos que fan co Camiño».

—¿A súa experiencia como peregrino marcouno tamén no ámbito persoal?

—Moitísimo. Ninguén é o mesmo despois de facer o Camiño. E iso é algo que non é doado de explicar, porque hai que vivilo. O Camiño de Santiago é unha experiencia de encontro con nós mesmos, cos outros e, sobre todo, con Deus.

—Din que para coñecer de verdade un país é preciso percorrelo a pé, e probablemente sexa así, ¿non lle parece?

—É así. Cando camiñas ver as cousas dun xeito completamente diferente. O Camiño de Santiago, por exemplo, permíteche coñecer lugares que en realidade non coñecías. E o encontro coa xente é algo fabuloso. Vas peregrinando, e a cada paso vaste atopando con persoas que lle ofrecen aos peregrinos, día tras día, todo o seu apoio: ofrécenche auga, ofrécenche froita...

—Galicia é un país acolledor.

—Si que o é. E cos peregrinos, moitísimo. A sociedade galega, que sempre é acolledora e cercana, recibe cos brazos abertos aos que se dirixen ao encontro co sepulcro do Apóstolo.

—Conforme a pandemia vai quedando atrás, os camiños de Santiago reviven con moita forza.

—Así é. Pensabamos que quizais o fenómeno da peregrinación non se ía recuperar tan rápido, pero estabamos equivocados. Parece que a un momento de parálise total, obrigado polas circunstancias, sígueo outro, afortunadamente, de total entusiasmo. Sen dúbida a celebración do Xacobeo tamén terá moito que ver con iso. É algo que vemos moito na nosa parroquia, en Xuvia.