A música en directo toma impulso nas salas de Santiago con máis de 20 concertos en mes e medio
VEN A GALICIA
A Xunta puxo en marcha diferentes liñas de apoio para relanzar os locais, que se viron moi afectados pola pandemia
30 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.Pouco a pouco a oferta cultural de Santiago vai semellándose máis a de antes do 13 de marzo do 2020. E para iso xogan un papel fundamental as salas de música ao vivo, onde noite tras noite era posible atopar actuacións en directo. Foron meses sen soar nin un acorde, pero nas últimas semanas están retornando os artistas e bandas para reencontrarse cara a cara co público. Para facilitar ese regreso, a Xunta de Galicia reforzou as medidas para axudar ás salas de música en directo. Deste xeito, deron apoio para a celebración de concertos. Xa se celebraron parte deles e en Santiago están programados unha vintena máis ata mediados de decembro. Algúns deles xa chegarán esta noite, cunha dobre cita na Casa das Crechas -Tato Trío (19.00 horas) e Zeltia Irevire (21.00 horas)- e un concerto en Riquela Club -Miss Evil (13.00 horas)-.
Tres locais de Santiago -Borriquita de Belém, Casa das Crechas e Sala Moon- adheriranse ao novo circuíto Música en Salas, promovido pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) en colaboración coa Asociación de Salas de Música ao Vivo Clubtura. A iniciativa comeza nesta recta final do ano con máis de 130 concertos nunha vintena de locais galegos. O orzamento ascende a 200.000 euros. Este novo circuíto sumaranse a outras iniciativas que xa puxo en marcha con anterioridade a Xunta, como son a liña extraordinaria de subvencións a salas privadas para organizar espectáculos musicais con público. A súa convocatoria supuxo un investimento de 560.000 euros. As actuacións comezaron en xuño e rematan este mes coa participación de máis de 300 solistas e grupos de todos os estilos. Entre os beneficiarios están Casa das Crechas, con quince concertos; Sala Moon, con trece; e Riquela Club, con oito. A estes programas haberá que engadirlle o ciclo Xacobeo Importa polo que recalará en Compostela a banda danesa Efterkland a vindeira semana.
Nos máis de vinte concertos que contarán co apoio da Xunta ata mediados de decembro inclúense estilos musicais moi diferentes, desde o jazz ata os ritmos tradicionais galegos, o rock e tamén traballos ligados ao audiovisual. Entre os que nas vindeiras semanas actuarán en Borriquita de Belém, Casa das Crechas, Riquela e Sala Moon atópanse Juyma Estévez Trío, Tato Trío, Sumrrá, Sabela King & The Heartbreakers, Sheila Patricia Trío, Pablo Sanmamed Trío, Belén Tajes & Banda, Adrián Costa, Miss Evil, Tony Lomba, Adrián Costa, Mundo Prestigio, S4N7, Aló Django e Habitación Vudú.
Desde a Xunta lembran que as salas de música desempeñan unha función indispensable no desenvolvemento da industria musical en Galicia que vai máis alá da dinamizadora cultural posto. Resaltan que estes establecementos funcionan como primeira plataforma para a difusión do traballo e dos músicos emerxentes, ademais de contribuír á consolidación de carreiras. Atendendo a este papel clave para a música e tendo en conta os graves efectos sanitarios da crise sanitaria neste ámbito, o goberno galego reforzou o apoio directo para relanzar as actividades dos establecementos. Unhas medidas que buscan dinamizar o sector e, ao mesmo tempo, recuperar a confianza do público na asistencia aos espectáculos musicais.
Os daneses Efterklang, o día 7 na Capitol
O cartel das actuacións musicais que contan co apoio da Xunta tamén inclúe grupos doutros países. Deste xeito, o vindeiro día 7 de novembro, a banda danesa Efterklang subirase ao escenario da Sala Capitol dentro do ciclo Xacobeo Importa, que é a súa vez unha das dezasete iniciativas que contan coa axuda da Xunta, neste caso dirixida ás promotoras musicais afectadas pola crise sanitaria. As entradas xa se poden adquirir a través de Ataquilla.com a partir de 10 euros (máis gastos).
Santiago converterase nunha das tres paradas en España do grupo indi-rock creado en 2001 en Copenhague, posto que tamén estarán en Valencia e en Madrid a principios da vindeira semana. Ademais, actuarán en Lisboa e Oporto xusto antes da súa cita na Sala Capitol. Efterklang presentará en Santiago Windflowers, que supón o sexto álbum da súa carreira e que veu a luz a principios deste mes de outubro despois de publicar tres adiantos. A banda musical danesa está formada por Mads Brauer, Casper Clausen e Rasmus Stolberg.