O novo percorrido unirá lugares relacionados coa vida de oito autores
30 oct 2021 . Actualizado a las 16:49 h.O Concello de Quiroga creará unha ruta cultural baseada nos escritores naturais do municipio ou relacionados con el. O goberno local solicitou a inclusión desta iniciativa no plan de turismo sostible do consorcio da Ribeira Sacra. Segundo as previsións dos responsables municipais, a ruta discorrerá por unha serie de lugares vinculados coa vida de oito escritores que naceron en Quiroga ou que tiveron unha importante relación con municipio por diversos motivos.
O proxecto, segundo explican desde o Concello, comprenderá a instalación de paneis informativos nos lugares onde naceron ou viviron estes autores. A sinalización incluirá códigos QR que permitirán acceder a gravacións sonoras de textos literarios representativos de cada un destes autores. A idea de crear esta ruta remóntase a hai cinco anos, cando se reeditou un libro de poemas de Manuel María dedicado ao val de Quiroga, pero ata agora o proxecto non se chegou a realizar. Estes son os autores elixidos para protagonizar a ruta literaria quiroguesa:
Luis de Losada. Naceu en 1681 en San Vitorio -unha localidade da parroquia da Ermida- e morreu en 1748. Pertenceu á Compañía de Xesús e estudou nas universidades de Santiago e Salamanca, onde foi profesor de filosofía e teoloxía. Escribiu en latín e en castelán arredor de oitenta obras de filosofía, comentarios bíblicos, poesía e teatro, que asinou cunha trintena de pseudónimos. En 1727 publicou La juventud triunfante, unha obra que escribiu conxuntamente co tamén xesuíta José Francisco de Isla, autor da coñecida novela satírica Fray Gerundio de Campazas.
Eduardo Moreiras e Luz Pozo Garza. O escritor quirogués Eduardo Moreiras, nado en 1914 e morto en 1991, ambientou na súa comarca natal o libro de relatos Primavera no Lor, aparecido en 1974. Na ruta tamén será incluída a escritora ribadense Luz Pozo Garza, falecida no 2020, que estivo casada con Moreiras.
Ernesto Guerra da Cal. Nado en Ferrol en 1911 e falecido en Lisboa en 1994, pasou a súa infancia en Quiroga, que considerou sempre como a súa terra natal. A paisaxe e os motivos quirogueses aparecen en varias obras deste autor, como os poemarios Lua de além-mar e Rio de sonho e tempo.
Ánxel Fole. O escritor lucense, ao que se dedicou o Día das Letras Galegas de 1997, pasou varios anos da súa vida en Quiroga durante a posguerra. A comarca quiroguesa é o escenario dos relatos do libro Á lus do candil, publicado por primeira vez en 1953, unha das súas obras máis coñecidas.
Manuel María. O poeta de Outeiro de Rei tivo un importante vínculo familiar con Quiroga, xa que a súa avoa Consuelo Casanova era natural da parroquia de Hospital, onde Manuel María tiña tamén outros parentes. Ao longo da súa vida visitou Quiroga en múltiples ocasións e publicou numerosos artigos sobre este municipio. En 1988 publicouse o seu libro Sonetos ao val de Quiroga, que foi reeditado no 2016 -cando se dedicou a este escritor o Día das Letras Galegas- por iniciativa dos concellos de Quiroga e Ribas de Sil. Un dos relatos do seu libro Os ontes do silencio está ambientado na aldea quiroguesa do Cereixal, actualmente deshabitada.
Dora e Pura Vázquez. As irmás escritoras -nadas en Ourense en 1913 e 1918, respectivamente- pasaron unha parte da infancia en Quiroga, onde o seu pai traballou durante un tempo. Nas súas obras literarias hai algunhas referencias a Quiroga, aínda que menos abundantes que as doutros autores incluídos na ruta.
Sinalizan un itinerario de 5,7 quilómetros en torno ao castro de Penadominga
A creación da ruta literaria, segundo explican desde o Concello de Quiroga, forma parte dunha serie de accións de mellora dos recursos turísticos locais que se pretende incluír no plan de sostibilidade do consorcio da Ribeira Sacra. Outras tres iniciativas comprendidas neste bloque xa foron levadas. a cabo Unha delas consistiu en sinalizar unha ruta de sendeirismo creada recentemente en torno ao castro de Penadominga. O itinerario, de 5,7 quilómetros de lonxitude, xa está incluído na conta do Concello no portal dixital Wikiloc. Desde o goberno local precisan que a ruta non está homologada e que a súa sinalización é limitada, polo que recomendan aos usuarios que se informen ben sobre o seu trazado antes de percorrela.
Por outro lado, nos últimos días instaláronse en cinco puntos do municipio outros tantos bancos con grandes frechas amarelas que indican o trazado do Camino de Inverno. Estes elementos foron colocados en Montefurado, O Castelo, a capital municipal, Carballo de Lor e a ponte de Barxa de Lor. As instalación destes bancos foi revisada polo alcalde Julio Álvarez e o concelleiro de Cultura José Luis Rivera.
Nova web para os museos
Entre as iniciativas turísticas previstas polo Concello de Quiroga figura tamén a renovación das páxinas web dos museos municipais de xeoloxía e etnografía. Outra acción que se espera levar a cabo proximamente consiste en renovar os paneis informativos do miradoiro de Campodola, un dos puntos de interese máis coñecidos do xeoparque Montañas do Courel.