Patrocinado por

Trasdeza Máxica a través das lendas

alfredo abeledo penas SILLEDA

VEN A GALICIA

rober amado

Os lugares onde sucederon os acontecementos extranaturais poden ser visitados

31 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Dicía Leandro Carré Alvarellos que as lendas son «o relato dun feito real adobiado ou desfigurado pola fantasía e as veces tamén simplemente desvirtuado pola tradición oral que vai modificando os detalles, ao pasar de boca en boca por xeracións sucesivas». Hainas de moitos tipos, xa relixiosas, xa fantásticas e de encantamentos , xa históricas, e en definitiva, reflicten unha predisposición lírica do noso pobo galego a deixar constancia duns feitos, ou acaecidos ou que sería desexable que ocorreran.

As lendas que eu traio e deixo por escrito, son precisamente iso, feitos, xa reais, xa froito da imaxinación, coa súa carga de retranca e dobre sentido, incluso, coma no caso das de Carboeiro, con distinto escenario anque tratan de transmitir, a forza e intelixencia do home sobre o demo, quen por certo sempre cumpre coa palabra dada. Hai moitas, e as veces ata se repiten como a dos arrieiros no salto de Férveda de Escuadro, que se escoita noutros sitios, pero en calquera caso, vaia por diante o meu respecto a todos os contos que saen do pobo de Trasdeza, sexa cal sexa a procedencia, causa e destino, detalles nos que non quero entrar. Hai que estar, como di Carlos Gabriel Fernández, con que Galicia é unha terra máxica, entendendo a maxia como a crenza de que se poidan producir feitos que escapan das leis naturais.

Como non podía seren menos o Concello tamén ten as súas connotacións extranaturais. En todos os casos poden ser visitados os lugares onde sucederon os acontecementos e incluso noutros a vixencia e os poderes están moi vivos como a enerxía positiva dos Castros de Toiriz ou as curacións das espullas (verrugas), pola Sta. Sabela de Escuadro, onde o poder da mente de cada ofrecido é un elemento que vai máis alá do mundano.

Silleda

Lenda da Serpe dos Castros de Toiriz. Conta unha lenda que nos Castros de Toiriz de Silleda, aparecía todas as noites unha muller moi fermosa, cunha tenda moi bonita, que era toda de follas.

Un día pasaba a un home por alí, e a muller preguntóulle:

-Que queres da tenda?

-Unha peineta-díxolle el.

-Dobráchesme o encanto- respondéulle ela.

Ao día seguinte, volve aparecerlle en forma de serpe. Ela preguntóulle de novo:

-Que queres?

-Unhas tesoiras, díxolle el.

-Dobráchesme o encanto- repondéulle ela.

O terceiro día, apareceu en forma de muller, e pasou un home, ao que lle dixo:

-Que queres da tenda?

El respondéulle que estaba namorado da tendeira.

Antes de dicir estas verdades, no lugar quedou todo convertido en ouro.

Esta lenda popular figuraba nunha torada de madeira , colocada nos Castros de Toiriz. Foi gravada por Toño González do Colectivo pola Recuperación dos Castros e hoxe está desaparecida. Esta torada ten unha historia moi interesante. Formaba parte con outras oito dun eucalipto moi grande nacido dunha carabuña que procedía de Cuba. Desa época tan só había dous exemplares en toda Galicia. Tirouno o temporal do ano 2010, e doado polo Concello de Rodeiro foi empregado en varios mesados dos Castros.

Escuadro

O Trato cos Mouros de Férveda. Conta a lenda que nalgún tempo en Escuadro un arrieiro fixo un pacto cos mouros que habitaban a coñecida como Eira dos Mouros, próxima ao Salto. O trato consistía en que, se o arrieiro levaba as mulas a un descampado da zona cargadas de viño, a cambio recibiría nas alforxas moedas de ouro e adobíos. Este pacto supoñía gardar estes trocos con total segredo.

A muller do arrieiro, sospeitando das cousas que traía para a casa, comezou a sacarlle información ata que el lle contou todo o que estaba a acontecer. A muller, así mesmo, contoullo á súa comadre que tamén llo contou a outras persoas, e así o segredo pasou a seren público.

Un día, coma sempre, el acudiu ao descampado para recoller o tesouro, pero nesta ocasión as alforxas quedaron baleiras, e noutra ocasión máis e todas as veces en que o arrieiro o intentou. O pacto quedou anulado.

(Recollida en Escuadro no ano 2016 de Manuel Iglesias, que llo contaban os seus avós nas noites de inverno a beira da lareira. Colocóuse nunha parede da sala do Centro de Interpretación de Escuadro (antiga escola).

Escuadro

A Lenda da Penadauga. A Romaría da Santa Sabela ou Santa Isabel, como se lle coñece popularmente, como tódalas desta categoría, pérdese na memoria do tempo. Ten data fixa, porque o seu día sinalado, o 2 de xullo, é o que marca o festivo. É unha festa profundamente relixiosa, da Galicia máis profunda, que mestura o animismo, paganismo e cristianización. Onde o motivo da fe está na sanación de doenzas relacionadas coa pel, vista e ósos a través da invocación da Santa e da realización do ritual duns actos na pedra sagrada, a Penadauga, con poderes curativos.

Lenda: Conta a lenda popular, que a orixe da festa vén de cando unha muller ía tódolos días a lavarse á parroquia próxima de Graba e no camiño quedaba a durmir na parte de enriba dunha peneda, existente no lugar de Penadauga. Un día esta muller desapareceu, pero no seu sitio chantouse a súa figura feita en pedra. Os veciños de Graba reclamaron a estatua declarando que era súa, pero aínda que a levaron, ela sempre volvía para a rocha. Despois de moitas discusións entre os veciños, chegouse a un acordo de maneira que a estatua quedou en Escuadro a cambio dunha campá. A figura de pedra en cuestión resultou ser a Sta. Sabela que agora se venera na igrexa de parroquia de Escuadro, aínda que tamén quedou o seu perfil na concavidade da rocha de Penadauga.

Todo en Escuadro está relacionado. Os romeiros, que son milleiros, con doenzas de pel (soriase, espullas (verrugas), dermatite), de vista ou de ósos, teñen un protocolo que seguir. Asistir a unha misa na honra da Santa, pasar por debaixo da imaxe cando sae a procesión e acudir á Penadauga para lavar as partes danadas na auga que está sobre a rocha, ou ben, refregarse coa parte do corpo doente. Para completar o programa terapéutico e na medida das posibilidades, pode doar en ofrenda un animal, ou calquera outra cousa, á igrexa para que sexa poxada publicamente entre os asistentes, no adro do santuario.

No mes de abril do ano 2017, teño rexistrado o caso dun veciño da parroquia lalinense de Prado, cuxas iniciais son M. O. S., que se ofreceu se curaba dunha lesión sufrida en Francia nun xeonllo, cando traballaba na construción. Daquelas fixo como doazón a cruz que se ve na foto que aparece enriba do texto. Está situada ao pé das escaleiras que soben enriba da Pena.

Posteriormente grazas a outra curación, o mesmo home de Prado fixo outra doazón que se transformou na restauración de dúas figuras.

A figura do demo en Carboeiro protagoniza dúas lendas

Hai dúas lendas coñecidas. Unha, a publicada por Armando Vázquez na súa obra, quizáis a máis completa escolma sobre o cenobio e contorna, Carboeiro, el arte que renace de sus cenizas, e outra, que aparece nun panel, elaborada polo Concello das Cruces. A primeira refírese á reconstrución da ponte, por mor da desfeita debida a unha enchenta do río Deza. A segunda incide na reconstrución do mosteiro. En definitiva, todo ten que ver co pacto dos frades para as obras de urxente rehabilitación, xa da ponte, xa do convento. De aí a intervención tan significativa do demo, pois só el podía facer algo así en tan pouco tempo.

Carboeiro

A reconstrución da Ponte. Esta que aparece na obra de Armando Vázquez é unha recreación literaria feita a partir dunha lenda coñecida como O demo de Carboeiro de Jean Markale, que aparece na súa obra Contos e lendas dos países celtas. Nun pequeno resume di así:

Contan que unha enchenta do río tirou a ponte, véndose o abade na idea de facer outra indestrutible, cousa na que non se comprometeu ningún construtor.

Xa ás portas da primavera urxía unha solución urxente, e o irmán cabreiro, sabedor do que acontecía foi abordado polo demo, quen lle dixo:

-«Irmán cabreiro, non vos asustedes. Entereime de que o voso abade ten un grave problema e quero que lle digades que eu podería solucionárllelo con certas condicións, naturalmente».

Á pregunta de cales serían o demo respostou:

-Hoxe é xoves, se o abade me concede o que lle pido, o domingo pola mañá xa estará construída a ponte. Decídelle que a cambio, terá que darme permiso para quedarme con todas as almas dos vasalos do mosteiro falecidos ese día entre o rezo de Matinas e

o de Vésperas.

Despois de contárllelo o acontecemento á Comunidade, os frades quedaron aterrados diante da descarada proposición diabólica.

Entretanto, Frai Raimundo, monxe ancián disposto a dar consello a quen llo pedise foi visitado polo abade, quen recibiu indicacións de como sería a súa actuación. Reunidos en Comunidade, o abade comentou perante os presentes:

«Irmáns, non vos asustedes polo que vou a dicirvos, pero decidín aceptar a proposta feita por que non quero nomear. Imos estar en oración permanente ata a madrugada do domingo e confiemos na axuda do Noso Señor, da súa Santa Nai Nosa Señora de Belén e do noso pai San Benito».

Antes de asomar a primeira luz do domingo, o pai abade con voz tremorosa comezou o rezo de Matinas. A pregaria durou o dobre cao tempo normal porque ninguén quería que rematase e de súpeto frai Raimundo empezou o canto de Vésperas.

Cando rematou o rezo, os frades saíron cara ó río, vendo que a ponte estaba reconstruída, mentres que o demo non puido cobrar as súas almas.

Este debeu sentir tal vergonza ao verse enganado polos monxes que non hai constancia de que volvese nunca a pasar por Deza. E contan que os monxes e os viaxeiros sempre facían o sinal da cruz antes de cruzar a Ponte do Demo de Carboeiro.

Panel informativo cruces

A Lenda do Mosteiro. Disque o Mosteiro de Carboeiro, en tempos, un dos máis ricos de todo o país pasou por grandes dificultades na súa orixe. Non era doado atopar homes que soubesen traballar a pedra, o diñeiro era escaso e os monxes pasaban grandes dificultades.

Fartos de aturar estas penalidades, decidiron facer un trato co demo, do que se encargou o irmán Ramón u venres.

O demo como bo construtor, erguería un mosteiro de sólida pedra entre o venres e o domingo pola mañá, en troques, levaría consigo todas as almas que falecesen ese domingo.

O demo aceptou, con reticencias, pois era coñecedor de que os monxes posuían o salterio de San Cibrán, o cal o escorrentaba e o atormentaba si se presentaba. Pero a sinceridade do irmán

Ramón convenceuno.

O demo construíu o fermoso santuario e púxose a esperar a súa recompensa. Lonxe de cumprir o trato, o abade maior botou man do salterio.

Cando séculos máis tarde co salterio en Toledo, o demo soprou unha pavorosa tempestade convertido o mosteiro nas ruínas que vemos hoxe, cumprindo a súa vinganza.

Chapa

A curación do enganido na Virxe da Fonte. Hai unha fonte milagreira en Chapa, chamada así, A Virxe da Fonte. Hai que dicir que existe todo un ritual relacionado con esta fonte para a curación do Enganido* dos nenos, enfermidade esta relacionada coa falta da Vitamina D e consecuente afectación dos ósos, ata o punto de poder padecer deles, mesmo do raquitismo. Os nenos enfermos eran lavados na fonte e logo deixábase a roupa ao carón, para despois ir tocar a Virxe na propia capela próxima, tamén chamada de S. Brais. Claro que primeiro tiñan que ofrecerse os pais.

Algo parecido ocorre coa fonte da capela de Gundián do Concello de Vedra. Nela os nenos son espidos e mergullados nas augas da fonte coma un ritual de épocas precristiáns. Así as crianzas son tratadas contra o meigallo e outros feitizos.

*Enganido/Anganido: Enfermidade infantil relacionada cos problemas de ósos dos nenos e a consecuente falta de Vitamina D.

Chapa

A chuvia a caldeiros do Espírito Santo. Contan os vellos do lugar, que un ano de moita seca os veciños decidiron saír en procesión cara o río Toxa, coa figura do Espírito Santo, coa finalidade de rezar en favor do cambio do tempo. Nesto chegaron ata a ponte de Vende e alí entrou a discusión para ver se metían a figura na auga, ata que un voluntario, de maior idade, dixo que se metería el no canto.

Foi tal a molladura que colleron de volta prá igrexa, que desde aquelas existe na súa conmemoración unha grande devoción ao Espírito Santo. (Recollido de D. José Espiño Matos, cura párroco que foi desta feligresía de Chapa).

Relatos coma este existiron noutros lugares, anque con diferentes procederes. Como di Vitor Vaqueiro na súa Guía da Galiza Máxica de 1998, que se ben no Río Deva, afluente do Miño, que nace no Concello de Pontedeva, ao seu paso pola parroquia de san Breixo de Deva, cítase unha tradición encamiñada a consecución da chuvia librando a S. Bartolomeu de ser metido nas augas , hai outros lugares como San Pedro de Parada ou Santa Marta de Albeos onde os santos son mergullados.

Incluso noutros lugares meten a escultura de S. Antonio nun pozo colgado do pescozo durante tres días para o caso de que non conceda as peticións (Rodríguez López 1974).

Trasdeza

O poder da xesta no Trasdeza. Estando de traballo no Concello de Silleda, nunha ocasión tiven que acompañar a uns turistas para ensinarlles o Mosteiro de Carboeiro e unha das mulleres que ía connosco louvaba a nosa terra, dicindo que sorte tiñamos de vivir nunha zona chea de flores silvestres.

Aquela frase fíxome maquinar. Claro. Era o mes de maio e os montes e as beiras das estradas estaban cheas de xestas en flor. Eran brancas e amarelas e estas as máis abundantes.

A xesta ou retama en castelán, goza en Galicia de moito predicamento. Non hai máis que lembrar, as festas dos Maios de Pontevedra ou como se engalanan de ramallos as casas e coches no sur da provincia co obxecto de espantar os malos espíritos, e protexer as casas. Incluso teño entendido que a fermosa flor, acostuma ser como a testemuña das parellas, cando se comprometen.

Aquí no Trasdeza, sobre todo no camiño que vai á Ponte do Demo en Carboeiro, ou na baixada á Fervenza do Toxa é moi frecuente, durante todo ano, ver as polas das xestas anudadas tal e como se amosa na foto.

A lenda, verdadeiramente máxica e esperemos que efectiva, di que aquelas mozas que logren facer un nó coa man esquerda no ramallo dunha xesta, estará casada nun ano.

Este desexo, andando o tempo foi extrapolable a calquera persoa que logre facer este anudamento, pedindo un desexo que lle será concedido no caso positivo.

O noso benquerido poeta e escritor Ramón Cabanillas, que por certo, estivo de Secretario no Concello de Silleda, alá polos anos 40, xa escribira algún poema sobre este particular, anque aplicado ao Santuario da Franqueira da Cañiza. E dicía: «Que cores de cereixa lle saíron ás fazulas a aquela rapaciña que, ao pasar, sorpresamos atafegada en darlle voltas á ponla da xesta».

Fago este recollemento, por estar moi presente este feito…. e durante todo o ano. Se o queredes comprobar, as xestas están aí neses lugares para demostralo.

Eu xa fixen o meu nó e petición correspondente.

Alfredo Abeledo Penas No día do Samaín, 31 de outubro, do 2021