Patrocinado por

De incunables a publicacións dixitais, a Biblioteca de Galicia exhibe os seus fondos ao cumprir dez anos

m. G. Iglesias SANTIAGO / LA VOZ

VEN A GALICIA

PACO RODRÍGUEZ

Máis de setenta pezas conforman a exposición conmemorativa da década de funcionamento da institución, que pode visitarse ata maio do 2022

15 nov 2021 . Actualizado a las 13:33 h.

Unha colección de etiquetas, un cartel de Díaz Baliño, o disco «O tren» de Andrés do Barro, a revista «Nós», un incunable do século XIV, cabeceiras de xornais e un mapa que empregaron os aliados ao final da Segunda Guerra Mundial para invadir Francia. O seu nexo común é a Biblioteca de Galicia. Todos eles forman parte dos fondos que custodia esta institución da Xunta de Galicia que este ano festexa o seu décimo aniversario. Precisamente, para conmemoralo organizou a exposición «10 anos de Biblioteca de Galicia. As pegadas dunha década» no vestíbulo da súa sede na Cidade da Cultura. A mostra, que poderá visitarse ata o 31 de maio, reúne máis de setenta pezas para dar a coñecer a variedade de coleccións e elementos que custodia, así como para difundir algúns dos seus servizos. «Queremos que a cidadanía coñeza os nosos fondos», asegurou na xornada inaugural Noelia Bascuas, xefa do Servizo da Biblioteca de Galicia e comisaria da mostra.

A exposición, que ofrece un percorrido desde o século XV ata a actualidade, articúlase en oito seccións diferentes, non en orde cronolóxica, senón vinculadas ás grandes áreas nas que traballa a institución. O percorrido comeza polo Catálogo Colectivo do Patrimonio Bibliográfico de Galicia, onde se recollen fondos de diferentes séculos. Non só son libros, senón que tamén hai algúns folletos e panfletos, como un en contra das corridas de touros. Na década de funcionamento da Biblioteca, pasouse de 227.219 exemplares catalogados no 2011 ata os 349.834 que se poden consultar no 2021.

O percorrido expositivo segue por Galiciana, o repositorio do patrimonio bibliográfico dixitalizado. Na actualidade pódense consultar más de 2,5 millóns de páxinas. Na vitrina dedicada a este espazo, ademais dunha demostración de como funciona o servizo, tamén se atopan incunables, así como pezas do fondo Camilo Díaz Baliño —un dos máis consultados—, ou a revista Nós.

Despois chega outra das seccións estrela da Biblioteca de Galicia en canto a consultas: a hemeroteca. A entidade custodia a maior colección de prensa de Galicia. Os periódicos, revistas e boletíns ocupan catro quilómetros de andeis nas súas instalacións e abarcan un período de 235 anos, desde o Mercurio de España de 1737 ata a actualidade. Entre elas atópase unha das primeiras cabeceiras de prensa galega que conservan, o Diario de La Coruña, de 1808, que se pode ver na mostra. Tamén se poden atopar publicacións que non chegan aos quioscos. Outro dos apartados pon o foco na cartografía, onde destaca a colección Núñez de las Cuevas, con mapas como o da batalla de Rande. Como non todo é bibliografía, a exposición dedícalle un apartado a materiais especiais, onde se pode apreciar o cartel máis antigo, correspondente a unha corrida de touros de finais do século XIX en Vigo, ou un dos primeiros carteis das Letras Galegas, colección de etiquetas, postais e gravacións de discos e audiovisuais. No remate, hai un apartado dedicado a doazóns e depósitos, que xogan un papel importante nos fondos da Biblioteca de Galicia, con achegas tanto de institucións como de particulares.

Non podía faltar unha vitrina sobre unha das funcións da entidade: a de depósito legal, xa que téñenlle que remitir exemplares de todo o que se edita. E xa non só en papel, senón tamén as dixitais. Para pechar a mostra hai un repaso pola actividade de difusión que desenvolve.

Apertura o 11 de xaneiro do 2011

A Biblioteca de Galicia celebra agora o décimo aniversario da súa apertura na Cidade da Cultura un 11 de xaneiro. Pero o seu cerne haino que buscar antes. A súa creación plásmase por primeira vez na Lei de Bibliotecas de Galicia de 1989, que crea o Centro Superior Bibliográfico de Galicia. Co paso dos anos, esta institución converteuse nun dos instrumentos indispensables para a investigación da historia de Galicia, como o amosa, por exemplo, o volume de consultas que recibe a hemeroteca.

Talleres, encontros e xornadas para complementar a súa actividade

O feito de contar con espazo propio durante esta década, permitiulle á Biblioteca de Galicia levar a cabo un constante labor de difusión, incluíndo exposicións ao longo de todo o ano, ademais da celebración de obradoiros, encontros ou xornadas, dirixidas tanto ao público infantil como adulto. Entre as propostas máis destacadas nos últimos meses, estivo o encontro con dez referentes das letras en Galicia, como Ledicia Costas, Arantza Portabales e Domingo Villar, nos que os autores conversaban en torno a obras que lle marcaran a súa traxectoria. Foi, ademais, unha das actividades principais con motivo do seu décimo aniversario.