Os paneis ilustrados instalados na zona botan man de vellas historias que se reforzan coas imaxes
27 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.«O lendario popular entrou a formar parte do entorno urbano». Así resume Antonio Reigosa a instalación de seis paneis ilustrados que recollen vellas lendas no barrio lucense da Ponte. A iniciativa, empurrada pola área nacionalista do Concello de Lugo, persegue ser un atractivo turístico máis ao tempo que pon de novo en contacto á veciñanza con lendas e historias que no seu momento podían estar no imaxinario común.
O proceso creativo comezou co escritor Antonio Reigosa buscando historias e temas que tiveran «algún vínculo simbólico co barrio. Os paneis son un xeito de ornato urbano, neste caso de barrio, que xogan coa cultura popular e a tradición», explica o autor, que tentou en todo momento buscar elementos que gustasen á xente e que se guiasen pola brevidade da mensaxe.
Unha vez que elixiu as historias, chegou a quenda da ilustradora local Noemí López, a outra gran responsable do proxecto, que deu vida gráfica a esas pequenas lendas.
Cunqueiro e lavandeiras
As lavandeiras son as protagonistas da primeira das lendas instaladas no barrio da Ponte e entroncan co vello lavadoiro da zona. «A lavandeira refrescou a Cristo cando padecía tormentos na cruz cunha pinga de auga que levaba no peteiro. Quen reciba na cabeza na mañanciña de San Xoán unha gota de auga do bico deste paxaro será feliz», reza o texto, acompañado dunha estrofa dun poema de Rosalía.
A segunda das lendas chega da man de Cunqueiro e conecta coa historia de Fernando Esquío cruzando o Miño un Domingo das Mozas. «E baixando á ponte, so a que vai lento o río ancho, o paternal Miño, cinguindo a nación e póndose de vez en cando espumosas rosas no peito aviva o heroico... Fácil a imaxe, e a cántiga da mañá como galo, e alegre e moza. Sería un doncel rubiado, a barba en punta, gracioso de maneiras, o falar solto e pulido», recolle.
O río Miño ten tamén é protagonista no terceiro texto. «Os da Casa da Lagariza, en Vilar de Ortelle (Pantón), sempre tiveron sona de ricos e de teren o mellor viño. O secreto era que na adega vivía unha señorita moura que tiña amores co señor da casa; coa súa maxia coidaba de que nunca faltase o viño e co seu tesouro fíxoo rico. Por iso se dicía: Cando nesta adega falte o viño, ha de faltar a auga no río Miño».
E a brétema, convidada habitual da cidade de Lugo, centra a lenda do cuarto panel. «A néboa e a vergoña eran amigas. Un día, estando de parola, preguntoulle a vergoña á brétema. E se un día nos apartamos, onde te hei buscar?
—Pois no verán búscame polos baixos e no inverno polos altos. E eu a ti, se te perdes, onde te busco?
— Ai, a min, mira de non perderme, que se me perdes — respondeu a vergoña — nunca máis me atoparás».
E de novo a climatoloxía e o Miño se dan a man nas historias tradicionais do barrio da Ponte. «Para saber o tempo que vai facer: ‘Roibén ao nacente, choiva de repente, roibén ao Miño, vellas ao niño, roibén ao sol nado, pegureiro, andarás mollado, roibas ao sol posto, pegureiro, andarás enxoito», é o recollido por X. Miranda e A. Reigosa.
O río tamén centra o último dos paneis. «De beira a beira do río Miño ao seu paso por Lugo atravesa as augas a diario un encanto, quizais un home-peixe. Vírono montado enriba dunha hucha cun pucho vermello na cabeza. Que de tanto valor pode transportar ese encanto nesa hucha para cruzar a corrente todos os días!», reza.