Víctor Barbeito: «No museo de Neixón hai 30.000 pezas arqueolóxicas depositadas»
VEN A GALICIA
Alberga a primeira colección de restos de xacementos declarada visitable en Galicia
30 nov 2021 . Actualizado a las 11:46 h.A pandemia que revolucionou o mundo semella que mudou tamén hábitos cotiás. Confírmao Víctor Barbeito, o responsable do Centro Arqueolóxico do Barbanza, que a diferenza de outros outonos, guía cada semana a varios grupos de escolares polas instalacións do museo situado en Neixón (Boiro). Os fins de semana, os visitantes habituais son turistas e familias da contorna. Por iso ten para cada tipo de usuario unha ruta preparada.
—Como é a visita que lle brinda aos escolares?
—Depende da idade, pero o noso discurso está especialmente orientado cara a prehistoria recente de Barbanza: túmulos, mámoas, dolmens, petróglifos e castros. Cando veñen grupos de escolares, complétase a visita cun vídeo e tamén se amosan reproducións de ferramentas.
—E cando os visitantes son adultos?
—Aos escolares só lles amosamos a exposición permanente, pero aos adultos levámolos tamén á sala onde están os materiais arqueolóxicos procedentes do xacemento de aquí de Neixón. No caso dos rapaces non é viable, porque é unha sala moi pequena e hai risco para as pezas.
—Que é o que máis chama a atención dos nenos?
—Sen dúbida, as reproducións das ferramentas e a recreación da cabana castrexa.
—E dos maiores?
—A visita guiada, na que se lles formulan unha serie de interrogantes que chaman a súa atención. Por exemplo, por que as cabanas castrexas son redondas? Ou para que servía o pivote que teñen as ánforas?
—Cales son os puntos fortes deste centro?
—O principal, manter un horario regular desde hai moitos anos. Este museo é, xunto co Marea de Porto do Son, o único de Barbanza que abre os fins de semana, mañá e tarde. Eu sempre defendín que este tipo de servizos teñen que estar a disposición do público cando a xente dispón de tempo libre.
—E a nivel museístico?
—A particularidade deste museo é que ten a primeira colección de natureza arqueolóxica visitable que se creou en Galicia, alá polo 2010. Actualmente somos o centro depositario dos restos das escavacións que se levan a cabo en toda a contorna. Aquí están as pezas que se atoparon no Castro da Cidade de Ribeira ou nos últimos traballos que se efectuaron no xacemento de Baroña. Por iso, entre as nosas competencias, está a de facer as actas de depósito de todo ese material. É un traballo arduo, porque nunha intervención normal poden resultar catro mil ou cinco mil pezas. A maiores, aquí chegan un bo número de investigadores e hai que facilitarlles o acceso á información.
—Cales son os grandes tesouros que garda este museo?
—Para min, os restos romanos que apareceron nunha vivenda de Rianxo, porque non é frecuente atopar ósos humanos tan antigos. Saíron á luz durante a rehabilitación dunha casa na praza Rafael Dieste hai un par de décadas.
—Algunha xoia destacable das escavacións levadas a cabo nos xacementos da zona?
—Desde o Castro da Cidade ribeirense chegaron uns coitelos, procedentes probablemente do Mediterráneo. Aquí, no museo de Neixón, hai 30.000 pezas arqueolóxicas depositas, pero só están expostas unhas 300, que constitúen unha pequena representación do material que saíu á luz nos castros que están preto do centro.
—Hai previsión de aumentar esa interesante exposición?
—O ideal sería ter un gran museo de carácter comarcal no que se puidera expoñer máis material. Ese era o obxectivo cando se proxectou a ampliación do centro, que quedou parada hai máis dunha década. A nivel arqueolóxico, penso que debe haber unha visión comarcal e considero que cada concello podería especializarse nunha temática cultural concreta. Non podemos seguir vendo a cultura desde o minifundismo.
—Hai previstas novas escavacións nos castros de Neixón?
—De momento estamos nunha paréntese, á espera de determinar cales van ser os seguintes pasos. A xente que chega ao museo pode visitar a zona por libre.