O Belén de Begonte recupera a presencialidade para celebrar medio século de historia
VEN A GALICIA
Abrirá do 4 de decembro ao 29 de xaneiro. Ademais das exposicións, convócanse certames de arte, poesía, debuxo e xornalismo
30 nov 2021 . Actualizado a las 12:22 h.O Belén de Begonte celebra medio século de historia; e faino recuperando a presencialidade perdida na pasada edición por mor da pandemia. O nacemento, un clásico do Nadal galego, de aí que fose declarado de Interese Turístico Galego, abrirá as súas portas entre o 4 de decembro e o 29 de xaneiro, de 11.00 a 13.00 e de 15.00 a 19.00 horas.
Entre o 5 e o 23 e entre o 7 e o 29 de xaneiro, abrirá sábados, domingos e festivos, mentres que do 24 de decembro ao 6 de xaneiro farao todos os días. Para visitas colectivas, cómpre avisar previamente no teléfono 982 396 121, e tamén se pode reservar na web reservas.belendebegonte.es.
Porén, tamén o belén poderá ser visitado a través da súa web, que recolle a historia e outra información de interese sobre o proxecto. A versión virtual do Nacemento estará dispoñible en galego, castelán e inglés.
Concursos artísticos
Exposicións e certames culturais completan a programación de actos. Así, convócase o certame galego de arte José Domínguez Guizán; o concurso de poesía sobre o Nadal; o certame xornalístico Begonte e o Nadal; e o de debuxo infantil, ao que poden concorrer a través dos seus colexios os nenos e nenas de ata 15 anos (en dúas categorías, unha ata 10 anos e outra de 11 a 15).
Ademais, foi presentada unha publicación que recolle os traballos de xornalismo e poesía premiados na pasada edición.
Paralelamente, segue en marcha a mostra 50 Anos do Belén de Begonte, proxectada polo colectivo Egeria e o centro cultural José Domínguez Guizán co apoio da Xunta e o Concello de Begonte. Parte do contido percorre de xeito itinerante máis de trinta concellos do Camiño de Santiago; mentres que varios paneis permanecen expostos na delegación territorial da Xunta en Lugo, na Biblioteca Nodal, na Catedral de Mondoñedo, na Casa da Cultura de Begonte, e nas instalacións da SA Xacobeo e no Pazo de San Roque, en Compostela.
O programa completo de actividades é o seguinte:
SÁBADO 4
· 18.00, igrexa parroquial
Misa polos amigos do Belén falecidos
Pregón do Nadal a cargo do bispo de Mondoñedo-Ferrol, Fernando García Cadiñanos
Actuación do Orfeón Lucense, coro da Catedral de Lugo, dirixido por Marcos M. Fernández Mosquera, e a Banda Sons e Soños da Asociación Músico Crisanto, impulsada polos concellos de Begonte, Rábade, Outeiro de Rei e Friol
· De seguido, no Centro Cultural José Domínguez Guizán
Apertura do Belén Electrónico na súa 50ª edición, e do Museo José Rodríguez Varela-Museo do Belén
MARTES 28
Sala de exposicións da Delegación Territorial da Xunta en Lugo
Inauguración da exposición das obras presentadas ao XXXII Certame Galego de Arte José Domínguez Guizán
LUNS 17 DE XANEIRO
Casa da Cultura de Begonte
Inauguración da exposición das obras presentadas ao XXXII Certame Galego de Arte José Domínguez Guizán
SÁBADO 29 DE XANEIRO
· 17.00, Centro Cultural José Domínguez Guizán
Entrega de premios dos certames culturais
Clausura de actividades do Nadal de Begonte
Actuación da Agrupación das Escolas Municipais de Música de Begonte, Rábade, Outeiro de Rei e Friol