Patrocinado por

O recuncho favorito de Jorge Mira

La Voz

VEN A GALICIA

A praia de Traba, en Laxe, brilla co mar de Ardora.
A praia de Traba, en Laxe, brilla co mar de Ardora. basilio bello

10 dic 2021 . Actualizado a las 09:31 h.

O meu recuncho favorito de Galicia é o que vai da praia de Traba á de Soesto, no concello de Laxe. Eu son de Baio, e esa zona está a oito quilómetros da miña casa en liña recta. Representa esa Galicia que constrúe unha fronteira moi curiosa entre o mundo do mar e o mundo agrario, onde as aldeas que están ao carón do mar parecen darlle as costas, e teñen un modo de vida con raíces na labranza.

A paisaxe parece de película. Son zonas despoboadas porque o mar é violento. De feito, son capitais do surf. É unha natureza moi salvaxe. Pensar nela evócame o verán, porque o paso nunhas praias próximas. É unha postal polo fermosa e pura que é, pouco contaminada e pouco ateigada de xente. Un chega alí e ten a sensación de estar perdido nun lugar esquecido no mundo e pensa que, ao mellor, hai 400 años todo estaba igual que agora. Abofé, unha das estampas clásicas da Costa da Morte.

Por suposto, os atardeceres son espectaculares. Son autor do artigo científico que constatou que, durante dous meses ao ano, na Costa da Morte se produce o último atardecer da Europa continental. Como podedes intuír, adoro ese momento máxico da morte do sol sobre o Atlántico, que alí posúe unha estética particular.

Son recunchos nos cales un encontra paz, nesta Galicia que cada vez está máis saturada. Tamén son sitios dunha certa violencia natural, porque o clima é duro. Non son praias aconsellables para o baño, pero é precisamente ese toque salvaxe, esa esencia da Costa da Morte, o que lles dá ese plus de beleza e as arreda da masificación (de momento).

Alí está tamén a lagoa de Traba, paraxe protexida dada a súa biodiversidade. Como escenario de fondo están os famosos penedos de Pasarela e Traba, unhas estruturas xeolóxicas naturais, auténticas esculturas feitas pola nai natureza.

Moi cerca de aí hai xa praias de uso masivo: as de Laxe e Rebordelo. A de Rebordelo é, de feito, a miña praia de cabeceira. Este ano soou bastante polo seu mar de Ardora, debido a un microorganismo que vén do estuario de Anllóns e crea unha bioluminescencia bastante peculiar. Este ano explotou con moita intensidade e fíxose viral. Durou moitas semanas e as caravanas de coches que había de noite para velo eran longuísimas.

Xa que estamos pensando na noite, cómpre salientar que é unha zona de baixa contaminación luminosa e, polo tanto, a visión do ceo estrelado é moi boa. Estou impulsando a declaración da Costa da Morte coma destino turístico Starlight, e este recuncho é un bo exemplo das súas virtudes.

Alén disto, a contorna ofrece outros atractivos. Está cerca do famoso dolmen de Dombate e do castro celta de Borneiro, que está moi ben conservado. Estamos polo tanto ante un ecosistema mental que, nun raio duns cinco quilómetros, ofrece unha profusión de sensacións, de paisaxes e enfoques distintos, que encaixan nun crebacabezas multicor e multiexperiencia que é todo un tesouro de Galicia.

Jorge Mira é físico e catedrático de electromagnetismo na Universidade de Santiago de Compostela

Twitter: @JorgeMiraUSC