A construción da igrexa parroquial foi promovida polo párroco Benito Domínguez Piñeiro
11 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.A construción da igrexa parroquial foi promovida polo párroco Benito Domínguez Piñeiro no século pasado, ademais de trasladar e reconstruír o seu anexo, Santa María de Ferreira. Dende o adro de Couso obsérvase, nos días claros, toda a terra de Bergantiños rendida aos nosos pés, tal como cantaba Pondal dende o cume do cotón da veciña parroquia de Ferreira. Neste recinto, que busca salvar o desnivel da ladeira do monte, atopámonos coa igrexa parroquial. Presenta unha planta rectangular cunha sacristía na parte traseira. Toda a edificación foi cuberta con bóveda polo que, pasados uns anos, foi necesario engadir contrafortes nos seus laterais para contrarrestar os empuxes e evitar a ruína da construción. Da igrexa antiga sabemos, por exemplo, que debía de ser dunha fábrica moi humilde, como conta a Visita de 1817.
A fachada, toda ela realizada en granito, foi remada cunha torre-campanario de feitura posterior, grazas á iniciativa do actual párroco José Cambón, quen encargou o deseño da obra a Salvador Ares Espada.
No interior da igrexa non queda nada dos antigos retablos, e a xulgar polo sagrario (que si chegou ata os nosos días) o retablo maior debía ser unha peza de calidade, posiblemente de principios do século XVIII.
Tamén existiu, en épocas pasadas, cadanseu retablo lateral dedicados á Virxe do Socorro e a san Ramón, respectivamente. Estas dúas obras foron mandadas facer na Visita Pastoral de 1742, xunto coas imaxes dos dous santos, que aínda se conservan. Posteriormente, nun inventario do ano 1791, xa se citan os dous colaterais, incluso da efixie de san Ramón fixérase unha réplica en menor escala, para dar a bicar aos devotos e pedir esmolas con ela.
As outras imaxes do santoral atopámolas repartidas por distintas repisas do presbiterio, as máis antigas serían a de san Miguel e a da Virxe do Carme, mentres que a de san Antonio e santa Lucía foron adquiridas posteriormente, esta última puido ser tallada no século pasado.
Unha custodia, un incensario e unha capela
Na igrexa de Couso consérvase, tamén, a custodia e o incensario que servía para os cultos no só desta freguesía, senón tamén para a de Ferreira. No caso do incensario, realizado en prata, consta na súa base da inscrición alusiva de atender as dúas igrexas, así como a data da súa feitura; foi no século pasado cando se quedou para sempre en Couso, xa que en Ferreira foi adquirido un novo incensario, regalado pola «viúva de Pedro Velo», como tamén consta na dita peza.
Por último, no lugar de Brenlla existiu en tempos pasados unha capela dedicada a san Mauro e a Inmaculada Concepción, relacionada directamente coa casa do vinculeiro, e da cal hoxe non quedan restos. Temos noticias dela dende inicios do século XVII, presentando distintas etapas de abandono e recuperación ao largo da súa historia.
A mediados do século XIX, por exemplo, foi necesaria a súa restauración xa que non se encontraba en bo estado para celebrar misa decentemente.