Patrocinado por

Dez Camiños de Santiago para o Xacobeo con máis itinerarios

VEN A GALICIA

Cola de peregrinos ás portas do albergue público de Portomarin, xestionado pola Xunta, o pasado agosto.
Cola de peregrinos ás portas do albergue público de Portomarin, xestionado pola Xunta, o pasado agosto. ALBERTO LÓPEZ

As rutas oficiais, que contan co mantemento, promoción e sinalización da Xunta, incrementan os seus servizos ao tempo que crece o número de peregrinos

15 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

«Faise camiño ao andar», di o poema de Machado. E non podía ter máis razón. Polo menos no caso do Camiño de Santiago. A medida que aumentou o número de peregrinos, as rutas oficiais, que son as que contan co mantemento, promoción e sinalización da Xunta, incrementaron os seus servizos. De feito, este Xacobeo 21-22 é o que máis itinerarios suma. Por mar, río e terra. De interior ou de costa. Desde o estranxeiro ou sen saír da comunidade. Un total de dez trazados que xa reúnen máis de 70 albergues públicos.

Camiño Francés

O Camiño por excelencia e o que máis peregrinos atrae é o Francés. Xa no medievo era transitado por persoas desde calquera parte do continente. Unha tradición que se vincula co nacemento do sentimento europeo. Aínda que se pode comezar desde varios países, a ruta parte de Francia e atravesa Navarra, La Rioja, Burgos, Palencia e León ata entrar en Galicia polo Cebreiro. A partir de aí, oito etapas separan aos peregrinos da catedral: Triacastela, Sarria, Portomarín, Palas de Rei, Melide, Arzúa e O Pino.

Camiño de inverno

As neves do Cebreiro, que deixan unha postal perfecta para estas datas, poden dificultar o paso dos peregrinos. Froito diso, naceu o Camiño de Inverno, un itinerario alternativo que segue a entrada natural desde a meseta por Valdeorras, en Ourense. Unha terra vinculada ao viño que dá paso a outra zona vinícola: a Ribeira Sacra. Tras atravesar Lugo, chega á comarca de Deza, en Pontevedra, onde conflúe coa Vía da Prata para chegar á provincia da Coruña.

Vía da Prata

Antes de confluír co Camiño de Inverno, a Vía da Prata segue o trazado da famosa calzada romana desde Sevilla. Tamén coñecido coma Camiño Mozárabe, entra en Galicia pola provincia de Ourense, onde se poden seguir tres variantes (por Verín, Laza e Feces) antes de confluír na capital provincial. Desde alí, o itinerario continúa por localidades como Cea, coñecida polo seu pan. Trátase dun itinerario vinculado tamén ao viño, xa que era a ruta pola que se levaba a variedade do Ribeiro a Santiago.

CAMIÑO PRIMITIVO

Falando de historia, hai que facer mención ao Camiño Primitivo. Unha ruta á que se lle atribúe a primeira peregrinación, que segundo a tradición fixo o rei Alfonso II desde Oviedo tras coñecer o achado dos restos do Apóstolo. O itinerario entra en Galicia polo Alto do Acevo e pasa por lugares como a capital lucense antes de confuír co Camiño Francés en Melide. Forma así un eixo entre as catedrais de Oviedo, Lugo e Santiago.

CAMIÑO DO NORTE

Pola catedral de Oviedo pasa tamén unha das variantes do Camiño do Norte. Unha ruta que transcorre paralela ao Cantábrico, entra en Galicia pola ría de Ribadeo e continúa cara ao interior ata confluír en Arzúa co resto de rutas. A súa vinculación á costa fixo que fose o itinerario elixido por moitos peregrinos que chegaban por mar desde lugares como Inglaterra.

CAMIÑO INGLÉS

Eses peregrinos que chegaban a Galicia por mar facíano tamén, en moitos casos, polos portos de Ferrol ou da Coruña. Ambas cidades son punto de partida do Camiño Inglés, que transcorre de principio a fin pola provincia. A variante curta, de 73 quilómetros, que parte da capital, únese coa longa, de 113 quilómetros, na localidade de Bruma.

CAMIÑO PORTUGUÉS

Se houbo algún país que foi clave á hora de consolidar o fenómeno internacional das peregrinacións foi Portugal. A histórica vinculación con Galicia viuse fortalecida, tras a independencia lusa, polo constante fluír dos peregrinos desde cidades como Lisboa, Porto ou Valença, onde o itinerario cruza o río e entra na comunidade, pasando por Tui, O Porriño, Redondela, Pontevedra, Caldas e Padrón.

CAMIÑO PORTUGUÉS DA COSTA

O itinerario luso conta cunha variante que entra en Galicia pola Garda, tras cruzar o río Miño na súa desembocadura. Trátase do Camiño Portugués da Costa, que transcorre en paralelo ao litoral por localidades como Oia, Baiona e Vigo antes de unirse á ruta de interior en Redondela.

RUTA DO MAR DE AROUSA

A ruta máis vinculada ao mar é a do Mar de Arousa e Río Ulla. Un itinerario marítimo-fluvial que se pode facer a pé ou en barco desde os portos de Ribeira e do Grove. O camiño conmemora a chegada do corpo do Apóstolo a Padrón, onde foron achados os seus restos e desde onde continúa por terra ata Santiago.

CAMIÑO DE FISTERRA E MUXÍA

Hai unha ruta que non chega a Santiago, senón que toma a capital galega como punto de partida. O Camiño de Fisterra e Muxía é o que facían os peregrinos que, aproveitando o seu paso por Galicia, querían coñecer a «fin do mundo». O itinerario continúa ata o Santuario da Virxe da Barca.

Dos peregrinas caminan por Santiago
Dos peregrinas caminan por Santiago PACO RODRÍGUEZ

En que traballará a Xunta de cara ao ano 2027?

Co remate do primeiro ano deste Xacobeo 21-22, comezará a debuxarse a folla de ruta de cara ao próximo ano santo. O Plan Director dos Camiños de Santiago 2022-2027 marcará as actuacións da Xunta en materia de conservación, mantemento e sinalización do trazado. En que se vai traballar?

Como novidade, unha das liñas de traballo buscará de limitar aquelas rutas que presentan confusión no seu trazado. É o caso da Vía da Prata e os Camiños de Inverno, de Fisterra e Muxía, Portugués e a súa variante pola Costa. Outra das actuacións que se adaptan ás necesidades actuais centrarase na sustentabilidade cultural, económica e medioambiental dos itinerarios e na eficiencia enerxética das súas infraestruturas.

Por outra banda, haberá continuidade no resto de liñas de traballo. É o caso das actuacións de defensa, conservación, limpeza e coidado da rede de camiños. Neste sentido, prevense melloras na sinalización, información, accesibilidade, seguridade viaria e normativa sanitaria. Esta última iniciativa, froito do actual contexto de pandemia, complementarase con accións de información e actuación sanitaria nos albergues. Os aloxamentos son tamén un dos focos doutras das liñas de traballo que buscarán a excelencia na atención e nos servizos ofertados aos peregrinos.

Tamén se prevén actuacións na promoción turística a nivel nacional e internacional tanto das rutas coma da cidade de Santiago. Neste sentido, prevense accións como o impulso da gastronomía local. No ámbito científico e cultural, o foco porase na diversificación das investigacións sobre o fenómeno das peregrinacións, coa promoción de proxectos e publicacións impulsados polo Xacobeo, Turismo de Galicia e outros departamentos da Xunta. Ademais, buscarase crear un plan de coordinación entre institucións vinculadas á ruta xacobea, como a Igrexa, as Administracións públicas, provinciais e locais, as asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, os axentes sociais e diversas institucións españolas e europeas con responsabilidades directas na xestión do Camiño.