Patrocinado por

Antonio Rodríguez: «O parque de Corrubedo ten mil plantas en mil hectáreas, iso non é corrente»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

VEN A GALICIA

Destaca a diversidade da flora e da fauna como o principal tesouro do complexo

14 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Aínda que recibe a maioría dos seus visitantes na tempada de verán, tamén no inverno o complexo medioambiental de Corrubedo ofrece interesantes atractivos. O principal é a gran cantidade de especies de flora e fauna que se concentran en só mil hectáreas de terreo. Así o destaca Antonio Rodríguez, unha das persoas que mellor coñecen esta e outras zonas de similares características en Galicia, pois é o xefe do servizo de parques naturais da comunidade.

—Que fai especial o parque natural de Corrubedo?

—Estamos diante dun parque natural pequeno, con 996,25 hectáreas (hai que ter en conta que o do Xurés, o máis grande de Galicia, conta con 29.000), pero cunha riqueza natural excepcional. Hai case mil especies de plantas diferentes, nove delas en perigo de extinción. En canto á fauna, temos medio milleiro de invertebrados diferentes, catro deles de especial interese para a súa conservación. Logo están os anfibios, entre os que destacan o sapoconcho europeo. Tamén hai unha gran diversidade de avifauna, con especies coma o alacrán común ou a píllara, e de mamíferos, coma morcegos, esquíos ou xabarís. Por se fora pouco, en Corrubedo hai 8 dos 18 hábitats galegos considerados prioritarios pola Unión Europea.

—Cantas persoas pasaron no que vai de ano polo parque?

—É complicado determinalo, porque temos moitos visitantes que acoden á praia, que fan as rutas de sendeirismo que están sinalizadas ou que pasean pola zona e non se contabilizan. De feito, este verán instalamos unha caseta preto da duna e tivo case o triplo de visitas ca o centro de recepción de turistas. En total foron vinte mil as persoas que fixeron consultas, pero calculamos que a cifra de visitantes rolda os 300.000.

—Cales son as grandes ameazas do parque natural?

—Por unha banda está o cambio climático, que fai que suba o nivel do mar e a praia da duna sexa cada vez máis pequena; logo a contaminación dos fondos mariños debido aos residuos plásticos; e despois a masificación. Tamén estamos en loita contra as especies exóticas invasoras, pero neste sentido o parque de Corrubedo está mellor ca outros de Galicia. Preservar os valores da zona foi o que motivou a súa declaración como parque natural. A xente pensa que o importante é a duna móbil, pero nas chamadas dunas grises, as que teñen vexetación, é onde están os hábitats prioritarios.

—Cales son as principais actividades que se levan a cabo no complexo?

—Temos un sistema de visitas guiadas gratuítas e sempre promovemos as excursións de escolares, porque entendemos que é importante divulgar o parque entre os máis pequenos, que se dean conta dos valores que atesoura. Hai rutas guiadas que teñen moito éxito; por exemplo, na primavera é posible ver máis dunha ducia de orquídeas. Ás veces facemos actividades para chamar a atención sobre o perigo dos microplásticos.

—Cal é para vostede o punto forte deste parque con respecto aos outros de Galicia?

—A súa diversidade. O parque de Corrubedo ten mil plantas en mil hectáreas, iso non é corrente. Agora ben, esa riqueza hai que coidala e por iso se publicou o PRUX, unha ferramenta para xestionar os usos do parque e limitar as actividades que se poden levar a cabo nel.

—Que supuxo a nivel turístico a entrada en vigor dese plan?

—Xa se deseñou un novo mapa de rutas que se vai lanzar en breve e tamén se está levando a cabo un plan para engadirlle ao parque o gran valor que ten a nivel arquitectónico, pois está cheo de testemuñas moi antigas, como as ruínas do castro de Porto de Abaixo, os muíños de auga de Amendo, unha canteira antiga de granito rosa ou unha pequena mina de volframio que hai detrás do centro de interpretación, onde puxemos en valor un miradoiro. Unha das liñas de traballo que temos é a elaboración dunha publicación sobre todo o patrimonio cultural, tanto material como inmaterial, pois hai moitas lendas sobre esta zona.

—E desde hai pouco, o parque natural de Corrubedo é tamén lugar de paso de peregrinos?

—Si, o Camiño de Santiago A Orixe, impulsado desde a mancomunidade Barbanza Arousa, pasa polo parque natural de Corrubedo. Nós instalamos unha sinalización con frechas amarelas sobre tacos de madeira para que encaixe o mellor posible no parque natural. Tamén os peregrinos poderán coñecer os tesouros que agocha o complexo medioambiental de Corrubedo.