Falamos con dez personas vinculadas ás dez rutas oficiais
17 dic 2021 . Actualizado a las 22:06 h.Non son peregrinos ao uso. A súa vida ou, polo menos, a súa activiadade profesional, vai ligada ao Camiño de Santiago. Xa sea a través do seu traballo nas asociacións, nas oficinas de turismo, na recuperación de itinerarios ou na xestión de aloxamentos, son os protagonistas do Camiño. Os que quedan cando os peregrinos voltan a casa. Falamos con dez persoas vinculadas ás dez rutas oficiais.
Miguel Ángel Rodríguez, presidente de Agalber: «O Camiño Francés é a ruta de referencia, a que ninguén quere perderse»
A imaxe do Camiño de Santiago sempre estivo ligada ao itinerario francés. A eses peregrinos que no medievo partían desde calquera parte de Europa coas súas túnicas marróns, os seus bastóns coroados con cabazas e unha vieira no sombreiro. «É a ruta de referencia, o Camiño que ninguén quere perderse. Poden elixir outros camiños, pero nalgún momento, antes ou despois, farán o Francés», resume Miguel Ángel Rodríguez, presidente da Asociación Galega de Albergues Privados (Algaber). Unha organización que busca asegurar prazas de aloxamento a todos os peregrinos.
Ademais de liderar Agalber, dirixe un albergue en Fonfría, unha aldea situada entre O Cebreiro e Triacastela, na primeira etapa do Camiño Francés en Galicia. Como persoa que traballa a pé de ruta, asegura que esta «foi o tractor, a que tirou do resto dos camiños» cando se produciu o bum das peregrinacións na época contemporánea, alá polos anos oitenta e noventa. «Desde entón, os perfís dos peregrinos cambiaron e fanse camiños de corta distancia, pero segue sendo a referencia. Deu a imaxe ao mundo de que o Camiño é unha experiencia diferente e que lle cambia a vida á xente», sinala. «Aparte, ten un compoñente histórico moi importante. Foi unha das rutas que se di que impulsaron o nacemento do sentimento europeo», conclúe.
Sonia González, responsable do albergue de Redondela: «O Camiño Potugués da Costa é un itinerario cómodo e accesible a todas as persoas»
Ter mobilidade reducida ou peregrinar cos pequenos da casa xa non é un problema para chegar a Santiago. O impulso de rutas como a do Camiño Portugués da Costa permitiu que todo o mundo poida acadar a compostela. Iso pensa Sonia González Castro, responsable do albergue público de Redondela: «Este é un itinerario cómodo. Ten máis asfalto, que pode ser bo ou malo segundo se mire, pero que o fai accesible a todas as persoas. Para facer en bicicleta, para as persoas con discapacidade, para os nenos...».
Ademais do perfil, «sen etapas dificultosas», e dun clima suave, «que permite que se poida facer o Camiño en calquera época do ano», Sonia destaca a cantidade de servizos que se atopan ao longo de toda a ruta: «Pasa por localidades grandes e no medio sempre hai vilas onde hai cafeterías e tendas». Redondela, onde se sitúa o albergue no que traballa, é o punto de unión entre a variante interior e a da costa do Camiño Portugués. Pese a que ambos itinerarios contan coas vantaxes que comenta Sonia, se tivese que destacar algo da ruta litoral sería a paisaxe: «Ten un encanto especial porque vai todo o tempo bordeando o mar e pasa por zonas moi bonitas, como pode ser Oia». Non en vano, «a afluencia é moi alta e cada ano aumenta o número de peregrinos que veñen pola costa», conclúe.
Cristina García, xerente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés: «Pódese facer enteiro e en poucas etapas»
Cristina García Souto é xerente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés e aproveitou a ponte da Constitución para facer a ruta. «Está precioso! Con cores outonais: marróns, vermellos...», conta. Esa posibilidade de completar o itinerario en poucos días é un dos seus principais atractivos: «É un Camiño que se pode facer enteiro en poucas etapas. Se saes de Ferrol, pódelo facer en cinco ou seis días e consegues a compostela. Ademais, falo de principio a fin. Non partes de ningún punto intermedio».
O seu traballo consiste en promover e mellorar a ruta con accións como a creación da Rede Stelar, un selo que distingue os aloxamentos e establecementos de hostalaría que cumpren con requisitos de excelencia na atención aos peregrinos. «Queremos que este sexa un Camiño de calidade, non buscamos a cantidade», explica. Aínda que recoñece que o itinerario, «que une mar e terra», experimentou un bum nos últimos anos. Algo que se nota incluso ás portas do inverno, como puido comprobar durante a ponte. «Atopeime con peregrinos nacionais de Alicante, Madrid, Murcia... E tamén con galegos e con italianos! Poucos, pero atopeime», celebra.
Ricardo Polín, pioneiro na recuperación do Camiño Primitivo: «Esta ruta ten un gran valor simbólico»
Ricardo Polín é un dos pioneiros na recuperación do Camiño Primitivo e o artífice da súa denominación. «Supuxo unha marca de identidade como primeiro Camiño xacobeo a Compostela. Esta ruta ten un gran valor simbólico porque supón a alma, a orixe, dos Camiños», conta. Aínda que na actualidade son moitos os que seguen os pasos desa primeira peregrinación, hai 30 anos só era coñecida polos historiadores. Por iso, o experto recorda con emoción «ver pasar os primeiros peregrinos no Xacobeo de 1993».
Desde entón, converteuse en todo un fenómeno social, cultural e turístico. Pero que ten de especial o Camiño Primitivo para atraer a máis persoas cada ano? «Ademais do seu valor simbólico e histórico, transita por unha franxa xeográfica que conservou moi ben as tradicións ao longo do tempo. Un territorio campesiño, que mantivo os valores paisaxísticos e a cultura agraria. É posible camiñar en silencio e atoparse coa natureza. Os valores esenciais que constitúen o realizar un itinerario de carácter espiritual. Algo máis difícil de acadar en rutas máis urbanas», explica Polín, que tivo a oportunidade de falar con moitos dos peregrinos que parten de Oviedo.
Alberto Rey, encargado da Oficina de Turismo de Padrón: «A ruta portuguesa permite coñecer a orixe do Camiño»
Alberto Rey tira para a casa cando fala do Camiño Portugués. É responsable da Oficina de Turismo de Padrón, a última parada dos peregrinos antes de chegar a Santiago. «É a única ruta na que os visitantes poden coñecer a orixe do Camiño. Ata aquí chegou a barca cos restos do Apóstolo», sinala. O valor histórico da localidade é tal que ata conta co seu propio diploma: a pedronía. «Concédeselle a calquera persoa que se achegue a Padrón e visite os lugares xacobeos. Creouse en conmemoración dos peregrinos que, despois de chegar a Santiago, facían o percorrido ata aquí para coñecer o lugar a onde chegara o corpo do Apóstolo», explica.
Ademais do valor histórico da localidade, Alberto destaca o clima «agradable» e as etapas «factibles para case todas as persoas» do Camiño Portugués. «Despois, todos os recursos patrimoniais, culturais e artísticos son inmensos. Desde a catedral de Tui, pasando pola igrexa da Peregrina de Pontevedra ou as fontes termais de Caldas de Reis, onde se pode descansar e purificar as doenzas da ruta, ata chegar á orixe do Camiño e coñecer eses primeiros pasos do Apóstolo en Galicia», engade.
Rosa Sánchez, propietaria de Casa de Trillo: «O Camiño de Fisterra e Muxía xa se percorría para ver a fin do mundo»
Non todos os Camiños chegan a Santiago. Así o demostra o itinerario de Fisterra e Muxía. «É unha ruta de prolongación, ten que ver coa occidentalidade do espazo e cun fin do mundo ao que os peregrinos querían chegar na Idade Media. Hai estudosos que din que era un Camiño anterior, o que seguía ao sol e ás estrelas. Había varios espazos no litoral atlántico que eran camiños de peregrinación previos aos romanos e ao cristianismo, que se percorrían para saber onde terminaba a Terra», explica Rosa Sánchez, propietaria do aloxamento de turismo rural Casa de Trillo, en Muxía.
Aínda que agora é a súa filla quen se encarga da casa, Rosa estivo detrás de iniciativas como a creación do bono Iacobus, que permite aos peregrinos aloxarse en establecementos de turismo rural e «vivir o territorio doutra maneira, coñecer a nosa identidade rural, a nosa gastronomía, os nosos espazos e ter unha visión diferente». E é que, para ela, outra das particularidades do Camiño de Fisterra e Muxía está nese misticismo e nese contacto coa natureza que buscou sempre o ser humano. «Non era un camiño tan cargado de relixiosidade, senón de espazo natural, de espazo físico», resume.
Javier Sánchez, presidente da Fundación Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Ulla: «Aquí empezou todo, a Traslatio é a orixe»
«Aquí é onde empezou todo. É o primeiro dos Camiños porque o feito da Traslatio é previo ao achado do sepulcro do Apóstolo. É a orixe do fenómeno das peregrinacións e da propia existencia de Santiago de Compostela tal e como o coñecemos», explica Javier Sánchez Agustino, que preside a Fundación Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Ulla. Unha asociación que traballa na promoción do itinerario que segue a chegada da barca do Apóstolo a Galicia con accións como a publicación de guías turísticas ou literarias. Un exemplo é a que fai un percorrido polos cruceiros que actúan coma mouteiras á marxe do río. «Esta ruta é a única que está sinalizada por cruceiros de pedra, formando un Vía Crucis marítimo-fluvial», matiza.
Outra das iniciativas da fundación foi a creación de dous sendeiros que transcorren ás beiras da ría de Arousa e do río Ulla para aquelas persoas que prefiran facer a primeira parte da ruta a pé. Javier recomenda, iso si, facelo das dúas formas: «A visión desde o barco destas terras é formidable. Incluso é mellor facer ida e volta para ver as dúas marxes da ría. Por outra banda, facelo de forma terrestre permite apreciar as verdadeiras dimensións da ría».
José Luis Rodríguez, presidente de Amigos da Vía da Prata de Ourense: «Ata veñen persoas de Australia»
Para facer a Vía da Prata completa, desde Sevilla, precísase dun mes enteiro. Pero é un tempo ben investido porque «pasa por catro cidades patrimonio da humanidade», conta José Luis Rodríguez, un dos pioneiros da recuperación da ruta e presidente da Asociación Cultural Amigos do Camiño Mozárabe-Vía da Prata de Ourense. E algo de razón debe ter, pois non son poucos os estranxeiros que plani?can as súas vacacións para facelo. «Ata veñen peregrinos de Australia», comenta.
Para quen non dispón dese tempo, José Luis recomenda facer a ruta desde A Gudiña, «a entrada do tren e, en pouco tempo, do AVE, en Galicia», ou desde a capital provincial, «onde era tradición que os peregrinos lavasen os pés nas augas termais». Quizais así non se atravesen os catro ríos máis importantes de España, pero si se pode camiñar «de pórtico a pórtico, do da catedral de Ourense ao de Santiago, que son obra do Mestre Mateo», explica. Ademais, por este itinerario pódese entrar en Compostela pola «única porta que queda en pé da muralla, a de Mazarelos». El mesmo a atravesou o pasado fin de semana antes de cruzar a porta Santa, aberta polo Xacobeo: «É algo que só se entende se o fas, se o vives».
Juan Ramón Fernández, encargado do Centro de Interpretación do Camiño do Norte en Mondoñedo: «Aínda non está masificado e iso gusta aos peregrinos»
Andar sen aglomeracións é un dos principais atractivos que ten o Camiño do Norte. Así o conta Juan Ramón Fernández, encargado do Centro de Interpretación do Camiño do Norte en Mondoñedo: «Aínda non está masificado en comparación a outras rutas. Moitos dos peregrinos que chegan aquí coméntannos que é o bo do itinerario, o que lles gusta». Algo que, co paso do tempo, converteu a ruta en todo un éxito. Basta con facer un balance nas prazas de aloxamento para comprobalo. «A principios dos anos 2000, en Lourenzá, en Mondoñedo e en Abadín, tan só había un albergue municipal. Hoxe en día, ademais do público, hai tres albergues privados en cada unha desas localidades», explica Juan Ramón.
E ten información de primeira man, xa que no centro onde traballa encárganse de atender as necesidades dos peregrinos e proporcionarlles información da ruta e as súas variantes, dos servizos e da localidade. «Moitos non coñecen Mondoñedo e descobren que é unha cidade con moita historia. Coñecen a súa catedral, o seu patrimonio, as exposicións...», conta. Ademais do valor cultural dos municipios por onde pasa o Camiño do Norte, Juan Ramón destaca, como particularidade, que se trata «dunha ruta que vai pegada ao mar, que está vinculada ao mar en todo momento».
Aida Menéndez, presidenta da Asociación Camiño de Inverno: «Permite atravesar as catro provincias, o Sil e o Miño»
Percorrer os viñedos de Valdeorras e a Ribeira Sacra, andar á beira dos principais ríos galegos ou coñecer un patrimonio que xa existía na época dos romanos. E todo sen desviarse das frechas amarelas dunha ruta que «permite atravesar as catro provincias, o Sil e o Miño». Así resume Aida Menéndez, presidenta e fundadora da Asociación Camiño de Inverno, os atractivos do itinerario que a súa organización recuperou.
«Os peregrinos chegan pola entrada natural a Galicia. É un Camiño que ten as súas bases nas calzadas romanas que entraban por Ourense e que eran moi importantes polas explotacións mineiras, das que aínda quedan vestixios coma o túnel de Montefurado», conta.
Despois de seguir o curso do Sil por Ourense e atravesar o Miño en Lugo, chégase a outro dos lugares que destaca a pioneira desta ruta. Monte Faro, a fronteira natural entre a provincia lucense e Pontevedra é o punto desde onde se poden ver as catro provincias galegas. Algo que engade valor ao «enorme patrimonio histórico, natural e cultural» que ten un dos seus mellores exemplos na Ribeira Sacra. Onde, ademais de gozar dunha «paisaxe marcada polas grandes concas fluviais, que deron lugar aos canóns do Sil e ás terrazas de viñedos», pódense atopar mosteiros e castelos de ordes militares e relixiosas vinculadas ás peregrinacións.