Patrocinado por

Carlos Quiroga: «Foi para min un asombro o ver tanta xente nova no Camiño de Fisterra»

Joel Gómez SANTIAGO DE COMPOSTELA

VEN A GALICIA

Carlos Quiroga combina na súa máis recente narración a profesión na USC e a produción literaria
Carlos Quiroga combina na súa máis recente narración a profesión na USC e a produción literaria XOAN A. SOLER

O profesor da USC publica en Brasil unha narración experimental centrada na cultura galega e xacobea

04 ene 2022 . Actualizado a las 00:00 h.

A editora Faria e Silva, de São Paulo, publicou en outubro Fractal, unha narrativa experimental do profesor Carlos Quiroga, da USC, centrada na lingua e na cultura galega e na experiencia xacobea. Divide en catro etapas o traxecto entre Compostela e a Costa da Morte: a primeira de Santiago a Negreira, e as seguintes con final en Olveira, Fisterra e Muxía, e con outras referencias ao Camiño: «É un espazo que xa coñecía ben, xa tiña publicados traballos sobre o naufraxio do Prestige ou a morte de Man en Camelle, que retomei agora. Fractal é un libro que me pediu o ano pasado o editor brasileiro. Levaba traballando nel varios anos e decidín finalizar a escrita porque o vin como a oportunidade de realizar un proxecto que teño hai tempo, de construír unha ponte máis sólida con Brasil para colaborarmos con experiencias literarias conxuntas, o que facilita a moderna tecnoloxía de impresión e a dixitalización», explica. Na súa traxectoria literaria, Carlos Quiroga ten tamén precedentes de algunha proposta semellante con Portugal.

Nesta narrativa, de 166 páxinas que divide en 39 capítulos e un posfacio explicativo, hai personaxes brasileiras, como Luiz Alberto de Freitas Lazzarini, que é o nexo de unión, e galegas. A estrutura lembra Scórpio, de Carvalho Calero. Carlos Quiroga utiliza «as variedades da lingua que leva no mundo o nome de portuguesa», entre elas a galega, como resalta a editora, o que é outra das singularidades deste traballo. Hai unha referencia constante á cultura que xira sobre os camiños a Compostela. «Aínda que xa coñecía esa zona, un mes antes de que se publicase o libro decidín facer o Camiño de Fisterra, en setembro do ano pasado, en bicicleta, e foi para min un asombro o ver tanta xente nova que facía esa ruta», di.

Aínda que a relación do Camiño coa cultura galega é un asunto que a Quiroga lle interesa hai tempo e sobre o que está presente nas súas publicacións. Entre elas lembra Paisagem urbana de Compostela que «presentei no festival literario Correntes d'Escrita, na Póvoa do Varzim, sobre o primeiro libro de Urbano Tavares Rodrigues, cando este ilustre escritor e xornalista portugués veu a Santiago para facer cobertura do primeiro ano santo despois da Guerra de España de 1936; é un traballo moi interesante, que ofrece a imaxe dunha Compostela que hoxe sorprende e que sería valioso recuperar».

Fractal reivindica no título unha palabra proposta polo matemático Benoît Mandelbrot a partir do adxectivo latino fractus, para relacionar a xeometría coa formas irregulares. Quiroga indica no final que calquera parecido deste texto con persoas ou acontecementos reais non é casualidade, e esclarece que emprega confidencias alleas, elementos biográficos e experiencias. Nestas páxinas están tamén Rosalía de Castro, Luís de Camões, Fernando Pessoa, Eça de Queirós, Petrarca, Seteinbeck, Edgar Allan Poe, Borges e outras figuras literarias.

Carlos Quiroga é un dos escritores que máis ten traballado pola proxección literaria de Compostela. Desde revistas como O Mono da Tinta, xa en 1987, e despois Agália; a iniciativas como o encontro Galego no Mundo. Latim em Po na Capitalidade europea da Cultura, no ano 2000; de onde emerxeu mais tarde O crânio de Castelao, unha narración que el coordinou e na que participaron autores de varios países. Máis recentemente participou na Selic, no ano 2017, onde recuperou O cavaleiro do Monte Pedroso, texto ambientado en Compostela e que publicou antes en Brasil, país onde Fractal é o seu terceiro libro e onde o lingüista, o filólogo e o estudoso da literatura da súa profesión na USC dialogan coa súa faceta de produtor literario para conformar un traballo singular e ben atractivo.