Patrocinado por

A torre da igrexa de Traba, cantada por Eduardo Pondal

LUIS ÁNGEL BERMÚDEZ FERNÁNDEZ

VEN A GALICIA

BASILIO BELLO

Un raio destruíra a torre e boa parte do templo, que foi necesario reconstruír

03 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O 16 de xaneiro de 1792, o cabido compostelá acordou, nunha das súas reunións habituais, celebrar unha misa solemne en acción de grazas, xa que, estando os cóengos no coro, un raio «paseouse» polas naves da catedral coa sorte de non facer dano ningún en toda a basílica.

Esta fortuna non a tivo, anos despois, a igrexa de santa María de Traba, en Coristanco: «Manifiestan (párroco don Manuel de Castro e veciños de Traba) a V. E. que a las siete y media de la mañana del veinticuatro de diciembre último (1846) experimentaron la desgracia de que cayendo un rayo sobre la hermosa iglesia y torre de su parroquia destruyese completamente este con el gravísimo daño de aquella cuyo pavimento, cubrición y paredes fueron en gran parte resentidas o destruidas».  

Esta carta foi dirixida ao arcebispo, xa que as obras, valoradas nuns 24 mil reais, eran imposibles de sufragar polos fregueses. A restauración da igrexa dou lugar a unha fachada clásica que comparte os mesmos esquemas que a veciña parroquial de Oca: unha gran arcada central, pousada sobre fortes pilastras, acolle e enmarca a porta principal e unha ventá superior que dá luz á tribuna. Neste caso, en contraposición coa igrexa de Oca, a fachada de Traba presenta un gran movemento de volumes que dan paso a unha esvelta torre. Este mesmo campanario, relucente aínda naquela época, foi cantado por Eduardo Pondal nos versos «aquela é a torre de Traba/ que desde lonxe branquea».

  En canto ao resto da igrexa, temos unha planta en cruz latina algo desproporcionada, especialmente na capela do lado norte, onde foi colocado o antigo retablo maior. Este retablo, composto de columnas salomónicas superpostas, encádrase posiblemente a finais do século XVII, aínda que sufriu retoques ao longo da centuria seguinte, por exemplo en 1750 ou 1796. A reforma máis importante foi no momento de cambialo da capela maior a esta capela lateral, onde se pode apreciar que foi recortado nalgunha das súas partes.

En canto as imaxes que contén, no corpo inferior desta peza encontramos de esquerda a dereita a san Bartolomeu, o santo Anxo, o Neno Xesús (de feitura posterior) santa Lucía e san Sebastián; mentres, no corpo superior, atopamos unha efixie de santo Agostiño (Agustín, en castelán); un santo pertencente a orde dominica (que ben pode ser santo Domingo, san Vicente Ferrer ou san Pedro mártir) e, por último, santa Catalina de Alexandría. 

Capelas, imaxes e retablo

A outra capela lateral, no lado sur, estivo dedicada noutros tempos a san Pedro, segundo reflexa a documentación do século XVIII e XIX, aínda que hoxe encóntrase presidida por un crucifixo, acollido nun retablo ecléctico de madeira ao natural.

O retablo maior e os outros dous colaterais, que son moi semellantes, foron adquiridos a finais do século XVIII (1796 e 1797), aínda que estivéronse pagando ata ben entrado o XIX. Os informes da Visita Pastoral de 1817 achégannos a seguinte información ao respecto: «El altar mayor está fabricado ahora de próximo y por este motivo se hallaba aún sin imágenes las que asentó el cura, se estaban haciendo en la ciudad de Santiago que son Nuestra Señora de la Asunción, la de los apóstoles san Pedro y san Pablo». Nesta mesma cronoloxía foron encargados, seguramente, os tres retablos da igrexa de Oca, anexo de Traba, xa que se pode observar a simple vista que comparten máis semellanzas que diferenzas. 

Ao longo do século XIX e XX foron adquiridas, tamén, máis imaxes para a igrexa de Traba: Un Sagrado Corazón, unha Inmaculada, unha talla da Virxe do Carme ou a Virxe do Perpetuo Socorro, doazón da familia Gesto Rodríguez nos anos corenta do século pasado. Máis recentemente, foi o actual párroco, Manuel Mayo Romarís, quen mercou unha imaxe de vestir da Virxe, que foi colocada no retablo da capela sur.

Finalmente, dentro dos límites desta parroquia, existe unha pequena ermida da que temos noticia xa a principios do século XVII, e que se encontra dedicada a san Roque, topónimo co que tamén se coñece a zona onde se sitúa. A súa construción veu motivada da man dunha confraría que tiña a este santo por titular. Aínda que actualmente só hai as imaxes de san Roque e santa Marta no sinxelo retablo, a finais do século XVIII venerábanse tamén a Virxe das Neves e a Inmaculada Concepción.