As rutas científicas fanse un oco na Estación Fitopatolóxica de Areeiro, en Pontevedra
VEN A GALICIA
Dende fai algunhas semanas, a Deputación de Pontevedra impulsa un proxecto piloto de turismos científico que busca achegar os valores medioambientais e científicos á cidadanía, así como poñer en valor o patrimonio vexetal existente na Estación Fitopatolóxica de Areeiro. Deste modo e baixo o nome de Ruta da Ciencia Areeiro realízanse visitas guiadas todos os martes, xoves e sábados alternos coas que Areeiro acada o selo Observer de turismo científico, o mesmo certificado que tamén ten o Castelo de Soutomaior.
«Con este selo xa somos unha provincia de ciencia certificada e a finca do Areeiro vai ter moitísima presenza e recoñecemento», destacou a presidenta de Deputación de Pontevedra na visita inaugural. Carmela Silva incidiu en que esta iniciativa vai servir para dar a coñecer a Estación Fitopatolóxica pontevedresa «moito máis e facelo cara o público xeral para que a sociedade tome conciencia da importancia de manter a biodiversidade».
Neste sentido, puxo o aceno na relevancia que tería o feito de atraer ás familias e aos nenos para, deste xeito, espertar neles «o amor polo coñecemento vinculado á natureza, así como pola súa preservación».
En todo caso, a Ruta da Ciencia Areeiro non está só dirixida a un público familiar ou xeneralista, senón que tamén poden realizalo persoal do eido científico, para quen se realizará un itinerario máis específico, precisaron dende a Deputación.
As visitas, en principio, estarán conducidas por un guía que amosará aos asistentes os distintos lugares da Estación, como o Xardín Pedro Mansilla, o insectario ou o xardín das aromáticas. Deste xeito, a ruta centrarase na investigación botánica en Galicia, a camelia —unha flor que ten usos alén do ornamental como a extracción de aceite das súas sementes— ou a relación entre a tecnoloxía e os cultivos de árbores froiteiras. Tamén se abordarán as plantacións de té —a segunda bebida máis consumida do mundo despois da auga—, as feixoas, os fentos ou as plantas aromáticas, coas que se fará unha pequena actividade na horta.
Hai previstas dos quendas de visitas concertadas, ás 12 e ás 14 horas, polo que é preciso reservar en www.observersciencetourism.com/es/experiencia/ruta-de-ciencia-a-areeiro.