Patrocinado por

Camiñadas do Barbanza: Os pés que percorren toda a comarca

L. Veiga RIBEIRA / LA VOZ

VEN A GALICIA

CARMELA QUEIJEIRO

Esperan retomar as saídas mensuais, incluíndo algunha nocturna e a das castañas

11 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Un calzado axeitado e ganas de andar é o único que fai falta para percorrer a serra, así como todas as rutas que se espallan polo conxunto da comarca. Esta é a zona onde nace Camiñadas do Barbanza, co obxectivo de promover o sendeirismo como unha forma de turismo e tamén de deporte, así como a boa compañía á hora de lanzarse aos camiños. O pobrense Suso Dieste, un dos integrantes do colectivo e quen organiza estas saídas xunto con Pepe Moure, salienta que «a nosa intención é que a xente o pase ben. Andamos moito, pero non buscamos competir nin chegar cos pés esnaquizados á casa».

A situación pandémica foi un obstáculo para poder levar a cabo estas actividades, que se foron recuperando pouco a pouco ao longo de todo o 2021. Agora, coas pilas cargadas e sen poder conter as ganas de realizar novas saídas, Dieste apunta a retomar a constancia habitual do colectivo: «Durante o ano facíamos entre dez e doce rutas, normalmente os domingos porque é cando a xente ten máis dispoñibilidade. Saímos da Pobra sobre as 10.00 horas e ás 19.00 estamos de volta. Agora pechamos inscricións cando chegamos ás 50 ou 60 persoas, se vamos en autobús depende do que nos permitan, pero eu lembro unha saída nocturna que fixemos partindo do alto da Curotiña e xuntamos máis de 200».

Estas rutas, que adoitan ser de 25 quilómetros, non sempre son as estabelecidas. Dieste e Moure son os encargados de deseñar e estudar as que máis tarde realizarán todos os integrantes de Camiñadas, unindo puntos e lugares de interese que cren que poden chamar a atención dos afeccionados. «Ademais de andar, que é algo que nos une a todos, tamén queremos que a xente coñeza lugares novos e descubra a riqueza que temos», comenta o pobrense. Unha vez sinalizadas as vías, os camiñantes comezan a súa comitiva, cun dos organizadores abrindo e outro pechando, á vez que recolle estas marcas para non alterar o medio ambiente.

Rutas favoritas

Para Dieste, o Barbanza é «o mellor que hai no mundo», destacando especialmente o contacto que hai na serra entre o monte e o mar. «Para min é moi difícil de cualificar, simplemente é algo digno de ver. Non fai falta ir moi lonxe para poder observar a natureza no seu estado salvaxe, precisamente o ano pasado vin medio centenar de voitres alí mesmo». É tal a admiración que sente pola zona este afeccionado ao sendeirismo que quere permanecer nela, inclusive cando xa non poda percorrela cos seus propios pés: «Gustaríame morrer e que me botaran polo monte».

Alén das rutas que fan pola serra, outra das favoritas dos integrantes de Camiñadas do Barbanza é a que coñecen como a das castañas, en Lousame: «Esta foi unha saída que xa se converteu nunha especie de tradición durante o outono. Partimos dende o inicio do río Vilacoba e seguimos o seu percorrido. Aínda así cada ano tamén varía un pouco, ás veces rematamos en Noia e outras en San Roquiño, e nunha ocasión saímos das minas de San Finx. Démoslle este nome porque é un lugar onde abundan os castiñeiros e, aínda que non imos apañar, a xente sempre colle algunha. Mesmo dende o Concello un ano agardaron a que pasáramos por alí para darnos algunhas asadas, portáronse moi ben».

O colectivo supón un aliciente para moitas persoas que gozan de pasar o seu tempo libre camiñando na natureza, posto que unha das normas básicas, e na que Dieste pon especial atención, é non ir nunca só ao monte. «Ao ir en grupo a xente tamén vai máis despreocupada, saben que estamos pendentes deles e que non vai quedar ninguén atrás. Hai a quen lle gusta sacar fotos e se para moito e non pasa nada, o importante é pasalo ben, non chegar antes ou despois».

Neste sentido, o pobrense anima a todas aquelas persoas interesadas nestas saídas a anotarse na páxina de Facebook do colectivo e non ten dúbida de que repetirán e acabarán enganchadas ao sendeirismo: «Que se apunte todo o mundo que queira, e unha vez alí xa me encargo eu de que o pasen ben».