Patrocinado por

O recuncho favorito de David Amor

La Voz

VEN A GALICIA

Un peregrino en bicicleta recorre un tramo del Camino Portugués por Valga.
Un peregrino en bicicleta recorre un tramo del Camino Portugués por Valga. Martina Miser

O actor e humorista de Salceda de Caselas desvela o lugar que máis lle gusta de Galicia

19 ene 2022 . Actualizado a las 13:34 h.

O meu recuncho favorito é o Camiño de Santiago. Son afeccionado á bicicleta e hai un recorrido que fago moito porque sempre hai xente. Se pasa algo, sempre hai algún peregrino que che pode botar unha man. Ou esa é a miña teoría. Por sorte aínda non me pasou, pero penso que me axudarían.

Fago un tramo do Camiño Portugués desde Pontevedra. Ás veces chego a Santiago, ás veces só ata Caldas… E nese traxecto hai dous tramos especialmente fermosos. Forman parte do Camiño de Santiago, pero saír a dar unha volta é unha excusa fantástica para coñecelos. Estou seguro de que hai moita xente que non os coñece. A min pasoume e os teño ao lado.

Un está xusto na saída de Pontevedra, un pouco antes de Barro, e vai entre castiñeiros. É igual de bonito en calquera estación do ano. No verán ten unha vexetación fermosa e no inverno ten a auga do río, que é espectacular. A auga sempre tengo algo hipnótico.

O outro é chegando a Valga. Ten unha paisaxe coma de conto, cun sedeiro que vai entre un túnel de árbores. Por momentos recorda a libros coma O Señor dos Aneis. É espectacular polo que transmite. Cando un pensa en facer o Camiño, fantasea co que se vai atopar e creo que este tramo cumpre coa expectativa.

É curioso porque temos vilas grandes e cidades e, de súpeto, en dez minutos atopamos eses recunchos tan máxicos. De súpeto, parece que un se alonxou da vida, cando realmente a vida está aí ao lado ou está no propio Camiño.

O Camiño pasa por vilas porque imaxino que o Apóstolo tería que ir por tabaco e acercarse a un estanco. Pero xa cando estás nese discurrir tranquilo, de meditación, sentes que ten algo de máxico. Podo entender á xente á que o Camiño lle cambia a vida. Pasa por lugares que invitan a pensar, a recapacitar, a reflexionar… Cousas que non facemos moito no día a día.

Intentei facer o Camiño de pequeno desde a casa da miña avoa, pero me pasou unha cousa moi rara. Non estaba tan de moda e varios veciños decidimos ir. Fixemos unha burrada, 66 quilómetros nunha xornada, e botei dous días durmindo. Parecía unha competeción. Despois fixen algúns tramos, pero nunca xuntei os días necesarios para ir a Roncesvalles. A miña nai o fixo desde alí en 23 días ela sola e tiña máis de 60 anos. Deberían chamala a Forrest Gump do Camiño.

Creo que o Camiño é algo que temos en valor, que debemos coidalo moito e tratar de manter a súa esencia. É moi bonito desfrutalo. Penso que, cando se fai o Camiño, hai que facelo con tempo suficiente para poder apartarse. Todas as ramificacións que saen do Camiño pagan a pena. Por exemplo, no Francés, chegando a Santiago e saíndo un pouco da ruta, está o castelo de Pambre.

Ás veces é interesante apartarse porque hai moito que descubrir. Eu sigo descubrindo lugares a día de hoxe. Moitas veces as miñas vacacións son por Galicia e estou encantado. Creo que o Camiño é unha boa excusa para empezar e, a partir do Camiño, ir apartándose e buscando que hai cerca. Hai moito que ver.

David Amor é actor e humorista