Patrocinado por

James Rhodes, pianista:«Estou desexando tocar en Ferrol, Galicia é o meu sitio favorito do mundo»

Bea Abelairas
Bea abelairas FERROL / LA VOZ

VEN A GALICIA

James Rhodes en un concierto en el Auditorio de Santiago
James Rhodes en un concierto en el Auditorio de Santiago PACO RODRÍGUEZ

O 5 de febreiro interpretará no Auditorio de Ferrol obras de Beethoven e Brahms

03 feb 2022 . Actualizado a las 15:34 h.

James Rhodes naceu en Londres hai 46 anos, pero é un español namorado de Galicia. Tanto que pide, por favor, que a entrevista se transcriba ao galego. Cada día come sobre pratos de Sargadelos, agasallo do seu amigo o actor Tamar Novas, con quen onte ía tomar café en Madrid. Nun descanso de xornadas centradas en preparar os seus concertos e pensar en cómo axudar a músicos sen recursos ou rapaces que, coma el, pasaron polo inferno dos abusos, como conta no seu libro Instrumental. Unha obra que viaxa por recordos escuros e inclúe un camiño de esperanza a través da música clásica. Con Ferrol ten un concerto pendente desde hai moito tempo e cumprirá o próximo 5 de febreiro no Auditorio.

—Ferrol ten un concurso de piano moi prestixioso...

—Non o coñezo, pero estou desexando tocar en Ferrol, Galicia é o meu sitio favorito do mundo. Na miña carreira como músico hai moito traballo, pero tamén moita sorte. Cos pianistas sucede un pouco como cando alguén quere ser actor, hai tanta xente que quere e é tan difícil... Penso que a clave é que sempre me dixen que non ía tocar o piano por diñeiro, senón porque estou namorado ata o cu da música: se teño sorte, ben; e se fracaso, non pasa nada. Eu traballei en moitas cousas, ata en finanzas, pero obviamente a miña primeira amante era a música clásica e o piano. Teño toda a sorte do mundo e tamén por iso creo que os músicos que acadan éxito teñen a obriga de axudar a outros. Por exemplo, se hai un rapaz que ten a oportunidade de ir a unha audición a Nova York para a Manhattan School of Music, pago o seu billete e o hotel, porque senón nin de coña podería ir. Creo que isto é súper importante, porque a educación musical apenas existe. Se a túa familia non ten pasta nunca vas aprender a tocar o piano, nin ver un concerto en directo. Hai que compartir a sorte.

—Os teus concertos tamén democratizan, porque sobre o escenario restas esa seriedade que soe haber nos espectáculos de clásica...

—O mundo da música clásica é tan pechado! Parece que só pertence a xente que é rica ou intelixente e non quere abrir o seu círculo. Qué merda é iso! O único sagrado é a música, e todo o demais é igual: a un concerto pódese ir con vaqueiros e camiseta, como eu, aplaudir cando queres e se non sabes cantos movementos hai en cada peza non pasa nada, é totalmente irrelevante. Eu o que quero facer é ofrecer unha hora e media de música: primeiro introduzo un pouco de contexto e apago a luz e despois que a xente teña esa hora e media para desconectar dese mundo, deste ritmo frenético, desta polémica constante de políticos, redes sociais, simplemente desaparecer, para recargarse un pouquiño. E xa está, non é tan complicado.

—O teu libro «Instrumental» tamén presenta unha lista de pezas de música clásica que vas comentando ao tempo que a túa vida e o efecto terapéutico...

—Hai que ter algo para equilibrar o día a día das facturas, dos políticos... Pode ser a música, pero pode ser bailar, facer fotos... Dá igual, pero hai que ter algo, teño outra playlist en Spotify de música clásica que é como un flotador para non naufragar neste mundo e hai pezas marabillosas. Mira, se no che gusta a música clásica dá igual, pero é moi importante ter a oportunidade de pasar por esa experiencia.

—Cambiou moito a túa vida desde que escribiches «Instrumental», para empezar agora es español...

—Moitas cousas, e nunca sentín tanta paz como agora, sinto que estou en casa, non teño tantas movidas e durmo mellor, casei, de verdade que me sinto mellor que nunca. Para min o 99 % é grazas a España, non podo estar máis agradecido...

—Botas algo en falta?

—Doe moito que a educación musical, teatral e todas as artes creativas sexan algo tan difícil de acceder para a xente e os rapaces. É algo que como pai entendo, o dilema de decidir entre comer e ir a clases de saxo. Non se pode pensar en cursos de piano para os peques da casa cando non hai para calefacción, pero para min a música é un dereito humano, non só accesible para familias con cartos e cunha posición. Agardo que un día se faga realidade.

—Preparaches algo para o concerto de Ferrol, como a sorpresa final do da Coruña...

—Sempre escollo as pezas que amo, pero quero mostrar os dous lados dos compositores: un máis escuro, máis introvertido e outro máis doce. Creo que iso é moi interesante... E haberá sorpresa, claro!