Patrocinado por

O CDG impulsa pezas improvisadas sobre a súa nova montaxe, «A peste»

La Voz

VEN A GALICIA

Sandra Alonso

Serán todos os luns ata o 13 de marzo

22 ene 2022 . Actualizado a las 04:50 h.

De mércores a domingo, ata o 13 de marzo, sobre o Salón Teatro pode verse a adaptación que Cándido Pazó fixo da novela «A peste», de Albert Camus. Un elenco conformado por quince artistas encárgase de darlle vida a esa particular cidade de Orán. A novidade respecto aos últimos anos na montaxe do Centro Dramático Galego (CDG) non só está en que a peza non xirará por outras cidades e estará case dous meses en Santiago, incluíndo servizo de autobuses desde unha ducia de concellos. Nesta ocasión, a compañía pública incorpora unha nova actividade á súa montaxe: un programa de improvisacións, que se levará a cabo todos os luns do 24 de xaneiro ao 7 de marzo, ás 20.00 horas.

En «Improversións», así se chama esta nova proposta, Antía Costas, Marta Doviro, Arturo Cobas, Pablo Navas, Antón Coucheiro e Cayetano Lledó ofrecerán pezas teatrais improvisadas a partir da temática e da atmosfera da montaxe dirixida por Cándido Pazó.

Este proxecto centrado na improvisación está dirixido por Antón Coucheiro e conta con Alfonso Medina na dirección escénica e con Aitor Garuz como técnico de luz e son. As entradas para asistir a «Improversións» pódense adquirir tanto en Ataquilla como no propio Salón Teatro.

Por outra parte, dentro das case 40 funcións de «A peste», as dos mércores serán descontraídas, isto é, coa luz acendida e as portas abertas para facilitarlles a asistencia ao teatro ás persoas con diversidade funcional. Ademais, a derradeira representación contará con interpretación en lingua de signos, audiodescrición e programa de lectura fácil.