Patrocinado por

Veciños de Bermés atopan petróglifos inéditos ao ensanchar unha pista

daniel gonzález alén LALÍN

VEN A GALICIA

Daniel González Alén

A estación rupestre ten interese pola cantidade e calidade dos gravados

22 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Os traballos de ensanche da pista que vai dende a estrada de Lalín a Vila de Cruces ata os lugares de Lamela e O Regado, na parroquia lalinense de Bermés, deixaron a vista unha estación rupestre descoñecida ata o de agora, con máis dun centenar de gravados con formas xeométricas, os máis deles cazoletas, coviñas e liñas e un único circular concéntrico, en dúas rochas ateigadas de petróglifos. Con este achádeo as parroquias lindeiras coa Serra do Carrio contan con media ducia de estacións rupestres, que xunto con outros valores patrimoniais os seus veciños andan nos últimos tempos a poñer en valor.

Logo de ser avisados para facer un primeiro análise destes petróglifos, confirmamos que se trata de petróglifos prehistóricos, de grande interese pola cantidade e calidade dos gravados, que se atopan nun cotarelo rochoso, que en tempos remotos foi rachado en varios anacos para construír ou ampliar un antigo camiño, nun punto equidistante dos lugares de Rego do Prado e O Regado (coordenadas: X-570.029,Y-4.729.792). Na parte máis alta da rocha que está ao descuberto, pódese ollar un pano de 1,40 x 1,50 metros, no que destaca unha combinación circular formada por un circulo duns 12 cm. de diámetro, cunha cazoleta central de 3, da que sae un radio moi alterado que pode pasar dos 20. Este gravado ten moita semellanza co que atopamos hai anos na Fonte da Anella II do Carrio, nesta mesma parroquia de Bermés.

Debuxos a interpretar

O redor desta combinación circular, atópanse mais dunha vintena de cazoletas de varios diámetros e profundidades, a maior na parte superior da rocha, duns 10 centímetros de diámetro por 3 de profundidade, así coma numerosas liñas insinuando debuxos que non acertamos interpretar. Na parte inferior, formando parte do valado que dá ao camiño, pode ollarse unha grande laxe de 1,70 x 1,20 x 0,50 metros, parte dela chantada verticalmente no terreo, con máis dun cento de cazoletas e coviñas de diferentes tamaños, algunhas enlazadas mediante pequenas canles, semellantes as que temos ollado noutros petróglifos emprazados en terras de Agolada, por Gurgueiro e Ventosa.

Destaca unha cazoleta de maior tamaño, o que anda polos 12 centímetros de diámetro por 6 de fondo, que ocupa a parte superior dereita desta parede. No valado poden ollarse outros anacos da peneda fendida de varios tamaños, que poden ter petróglifos ocultos polos recheos de cachotes e terra, que cumpría escavar e examinar con detalle.

Do achádeo dounos razón Norma Fernández Rodríguez, que na compaña do seu pai Manuel e do seu esposo Salvador Lorenzo Silva, atinaron a pasar polo lugar, logo de que os veciños puxeran os chitos para marcar a ampliación do camiño, decatándose da existencia dunhas cazoletas que agochaban as silvas.

Urxe que o Concello de Lalín pare as obras neste punto e avise á Dirección Xeral de Patrimonio, para que proceda a facer o estudo e catalogación destes petróglifos, e xa os responsables Escola Superior de Conservación e Restauración de Galicia, que ven realizando traballos semellantes na Serra do Carrio, para a Comunidade de Montes de Bermés, mostraron interese por ocuparse deste interesante xacemento arqueolóxico.