Festexar o medio ambiente na aula da natureza máis visitada de Galicia
VEN A GALICIA
O ano pasado recibiu arredor de seis mil visitas, sendo o mes de agosto o que se levou a palma, con setecentas persoas que se achegaron ata o centro
27 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.O 26 de xaneiro é unha data importante no calendario para todos aqueles que aman o medio ambiente e a natureza, xa que é cando se celebra o Día Internacional da Educación Ambiental, cita que se ven rememorando dende o ano 1975. Co gallo deste festexo, a directora xeral de Patrimonio Natural da Xunta, Belén do Campo, visitaba onte a aula da natureza da Siradella, no Grove, un espazo multidisciplinar onde, ademais de descubrir os segredos da contorna e observar a fauna e flora existentes, se realizan todo tipo de iniciativas, dende obradoiros ata rutas polas inmediacións do monte.
Das tres aulas da natureza existentes en Galicia, a da Siradella é de lonxe a máis visitada, de seguro polo privilexiado do seu entorno. A ela acoden a miúdo grupos de escolares, e tamén familias ás que non só se lles fala da importancia de coidar o medio, senón que se lles imparten tamén actividades coas que gozar na natureza e se lles axuda a poñer en valor os espazos naturais, unha tarefa de divulgación que realizan á perfección as dúas biólogas encargadas deste pequeno museo. Así o salientaba tamén Do Campo, que aproveitou a visita para gabar as calidades do lugar: «Unha contorna cunha especial conservación e ademais un espazo intermareal único».
Seis mil visitas
De feito, é tal o atractivo desta aula que o ano pasado recibiu arredor de seis mil visitas, sendo o mes de agosto o que se levou a palma, con setecentas persoas que se achegaron ata o centro. Moitas delas puideron observar de preto as variadas especies do monte a través do telescopio, ou facer uso das cámaras de foto trampeo existentes no inmoble. De feito, as rutas polo exterior, como a dos Miradoiros, preto da Figueira do Meco, teñen unha estupenda acollida entre o público, tal e como sinalan as biólogas. E se o tempo non acompaña, no interior do edificio as actividades propostas para concienciar sobre o problema dos microplásticos ou os xogos para distinguir os tamaños dos peixes son sempre unha boa opción. A da Siradella ten, a pesares de que non o pareza, un incrible magnetismo para o turismo familiar, razón pola cal a Consellería de Medio Ambiente non escatima esforzos en investir para que o persoal estea ben formado na materia.
De seguro que as outras aulas que da natureza que funcionan en Galicia, a do Courel e a de Veral, son moi interesantes, pero O Grove ten ese algo especial que sempre tira máis.