Patrocinado por

Día histórico para O Grove: Adro Vello xa é unha zona arqueolóxica protexida

leticia castro O GROVE / LA VOZ

VEN A GALICIA

MONICA IRAGO

O Diario Oficial de Galicia dá inicio á declaración do xacemento coma Ben de Interese Cultural

10 feb 2022 . Actualizado a las 14:00 h.

Onte foi un día histórico para os veciños de San Vicente, pois chegou o momento no que a Xunta iniciou os trámites para declarar Ben de Interese Cultural a Adro Vello. Así o recolle o Diario Oficial de Galicia, ao catalogar a zona que vai dende os Castriños ata Punta Barcela como zona arqueolóxica, e na que inclúe tamén o conxunto parroquial de San Vicente do Grove e a Casa Reitoral. Trátase do primeiro paso en firme para protexer o xacemento.

Un fito que marcará o rumbo a seguir para a posta en valor da Historia do Grove, e polo que hoxe se felicitan todos aqueles que batallaron para facelo realidade. E así o fixo saber a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, que xustifica a súa decisión en base ao interese científico e á «importancia histórica e arqueolóxica no panorama da arqueoloxía clásica en Galicia», posto que no lugar existen restos de tipoloxía moi distinta, tales como unha factoría romana de salgadura e unha vila romana do século I ao IV.

No expediente tamén se dá conta dunha necrópole de inhumación e dos restos dunha igrexa altomedieval, así como dun conxunto defensivo baixomedieval. A súa situación, a carón do areal de O Carreiro defínea ademais como «unha localización prototípica dos xacementos romanos costeiros». Unha riqueza que sen dúbida debe ser protexida e estudada, e que ademais require dun plan especial que deberá ser elaborado polo Concello do Grove, como ben explican dende Patrimonio, así que o goberno local debe prepararse de agora en diante para un arduo traballo.

Unha revisión do informe

Ao parecer a tardanza en incoar o BIC responde a unha revisión do informe preliminar, que fixo necesario que se redactase unha nova proposta. Así as cousas, este trámite permitirá aplicar de xeito inmediato o réxime de protección que establece a lei para os bens de interese cultural, a pesar de que a partir de agora aínda exista un prazo de 24 meses para que a declaración en si mesma se faga efectiva.

Será a burocracia a que marque os tempos. Trala proposta, avalada por diferentes organismos técnicos, chega o momento de traballar en firme. Será preciso levar a cabo multitude de tarefas antes de seguir facendo novas prospeccións, posto que o terreo afectado é máis amplo do que nun principio se concibía, e abrangue a estrada provincial e algún terreo privado. Pero antes de todo iso, o Goberno autonómico considera prioritaria a conservación das estruturas e restos exhumados, xa que a súa exposición á intemperie así o require.

Será preciso, entón, acometer labores de limpeza, consolidación e protección, o que incluirá medidas como a vixilancia e o mantemento regular do propio xacemento e as zonas adxacentes incorporadas a esta catalogación, na que a maiores do Castriño, a Casa Reitoral e o hórreo que nela se atopa, xunto co conxunto parroquial, tamén se inclúen o cruceiro fronte á Igrexa, o cruceiro de Xoán Vidal e varias fábricas de salga: as de Pons, de Ferrer, de Carreiró e de Triñanes. Elementos actualmente xa catalogados como bens patrimoniais. 

 José Cacabelos I Alcalde do Grove (PSOE)

Martina Miser

  • «É un trámite, pero se hai vontade sacaremos Adro Vello adiante». O alcalde do Grove amosábase cauto coa incoación do BIC, xa que, tal e como manifestou en máis dunha ocasión, o inicio do procedemento non é motivo de xúbilo, dado que ata agora «tan só se trata dun trámite administrativo que comeza». Para o rexedor, o xacemento precisa de acción e de compromiso por parte das Administracións, e se iso sucede e todos reman na mesma dirección será unha boa nova: «Se hai vontade poderemos sacar Adro Vello adiante».

Beatriz Castro I Portavoz do PP

Martina Miser

  • «Este é o momento de facer ben as cousas e corrixir os erros». O PP celebra o feito de que se avance co expediente, a pesares de ser un trámite burocrático máis. «Aplaudimos a decisión da Xunta, como non pode ser doutra maneira», explicaba onte Beatriz Castro, a responsable dos populares no Grove, quen considera que é o momento de que o Concello asuma responsabilidades «e deixe de botar balóns fóra»: «Non lle teñen que dar o traballo feito —subliña— este é o intre de comezar a facer ben as cousas e corrixir os erros cometidos».

José Antonio Otero I Portavoz de EU

Martina Miser

  • «Que o xacemento sexa protexido xa é unha boa nova». Dende Esquerda Unida felicitábanse onte polo paso dado, «pois é o inicio de algo», sinalaba José Antonio Otero, voceiro da formación. Otero considera que hai que deixarse de guerras estériles e deixar de botarse culpas uns a outros. Para a súa agrupación, «que se protexa a zona xa é unha boa nova», e unha razón de peso para comezar a traballar no asunto a fin de que o espazo sexa por fin recuperado e musealizado. Son conscientes, con todo, de que o expediente será longo.

David Torres I Portavoz do BNG

Martina Miser
 

  • «É un trámite que pode resolverse de forma positiva ou negativa». Para o BNG, o anuncio da Xunta tan só é o inicio dun expediente «que ademais leva como mínimo dous anos de retraso no proceso», explica David Torres, voceiro dos nacionalistas. Por este motivo, dende a súa formación van a estudar polo miúdo esta incoación, «que pode resolverse ben de forma positiva ou negativa», sinala. Para o Bloque, é o momento de comezar a andar e batallar para musealizar Adro Vello, e para iso é necesario que as promesas se materialicen.