PATRIMONIO RELIXIOSO | Nas igrexas de Bergantiños é bastante común atoparse con pequeniñas imaxes, colocadas polos recunchos das sancristías ou nos distintos retabloS
12 feb 2022 . Actualizado a las 01:45 h.Nas igrexas de Bergantiños é bastante común atoparse con pequeniñas imaxes de santos, colocadas polos recunchos das sancristías ou nos distintos retablos. Polo normal, estas efixies non miden máis quince ou vinte centímetros e caracterízanse por ser tallas populares, non moi elaboradas e máis ben bastas. No pasado, estas representacións do santoral, con gran devoción na zona, eran portadas por algún veciño para recoller esmolas, por iso presentan unha asa na súa parte posterior co fin de poder trasladalas con maior comodidade.
Os donativos que se xuntaban ían destinados a sustentar o culto do santo ou, do mesmo xeito, para poder sufragar os gastos da función da festa. Moitas destas imaxes perdéronse co paso do tempo e, aínda que a meirande parte son do século pasado, algunhas teñen certo valor artístico, xa que foron realizadas nos anos centrais do século XVIII, como por exemplo unha réplica que se fixo de san Ramón de Couso (Coristanco).
Aparte de ser portadas para pedir, ás veces levadas a zonas bastantes lonxe do seu lugar de orixe, eran dadas a bicar no día da súa festa. Aínda hoxe en Verdes, por exemplo, o día de san Adrián dáse a venerar unha pequena reprodución do santo, recitando a oración «santo bendito le dé sanidad, le quite la enfermedad con poder de Dios y de su santa Madre. Amén». Xuntamente, o sancristán pasa o coitelo do santo, feito de madeira, por aquelas partes afectadas polas verrugas, xa que san Adrián é especial protector contra elas.
Nos concellos de Coristanco e Carballo temos, por citar algunhas, imaxes esmoleiras na parroquia de Castro, como unha Virxe das Dores, san Eutelo (incluso se levou nalgún tempo a torre de santa Bárbara para pedir); en Verdes a xa mencionada imaxe de san Adrián; en Coristanco un san Antonio, san Ramón e san Paio; a Virxe do Corpiño, san Brais e a Candeloria en Oca; unha pequena santa Ana, na capela da Rabadeira; un san Paio, na capela que ten este santo en Entrecruces; un relevo da Inmaculada en Oza; unha réplica bastante elaborada de san Adrián na súa capela da Piña, ou un san Campio xacente na ermida de san Pedro de Cances. En Goiáns, finalmente, existen dúas réplicas de san Ramón e un altorrelevo de san Paio ermitán.
No século pasado tamén se puxeron de moda as capelas domiciliarias, pequenas urnas de madeira onde vai colocada unha imaxe, xeralmente de escaiola e realizada polos talleres de arte sacro de Olot, que van percorrendo as distintas casas da parroquia polo prazo dun día en cada fogar. Aínda hoxe circulan capelas domiciliarias en Entrecruces, dedicada á Sagrada Familia, ou na parroquia de Carballo: con motivo do Ano Xubilar Mariano da Milagrosa bendicíronse unha ducia delas que foron posteriormente repartidas polas freguesías que forman a unidade pastoral.