A autora do miradoiro de Bóveda explica as razóns do seu espectacular aspecto
14 feb 2022 . Actualizado a las 11:20 h.Bóveda inaugurou este venres un novo miradoiro no Alto do Coto, una localización elevada próxima á capitalidade do municipio desde a que se domina unha paisaxe moi ampla. O miradoiro ten unha factura moi pouco común e chama a atención polo seu tamaño e polo seu deseño, cun perfil que pode recordar a unha catapulta. A principal responsable técnica dese deseño é a arquitecta municipal, Consuelo Rodríguez, que sostén que o resultado é froito dun traballo de equipo.
—Como lle chegou este encargo?
—Xosé Manuel [Arias, o alcalde de Bóveda] é moi hábil con estas cousas. Díxome: «Hai isto, a ver que se che ocorre e a ver que me ofreces». A partir de aí comezamos a traballar, a botar números e a tratar de conseguir o material. Sobre todo iso, porque non foi fácil localizar as pezas coas que construílo. Leva pezas especiais que non as hai en todas as serrarías. Estas veñen en concreto dunha serra de Baralla, na que o rapaz tiña bastante material como o que nós precisabamos. Fomos un día alí pola mañá e estivemos catro horas revolvendo vigas cunha grúa ata atopar as que nos facían falta.
—Tiña experiencia previa nun traballo como este?
—Ningunha.
—Pois non lle sería fácil.
—Tivo a súa complicación. Non puiden facer todo o traballo exclusivamente en papel, houbo que facer maquetas para ir vendo como quedaba. No papel non conseguíamos plasmar a realidade do miradoiro. Ao non ter unha peza coa magnitude verdadeira nunca consegues ver nun plano a realidade do obxecto. Houbo que traballar moito sobre maqueta para facer comprobacións. Non sobre os pesos, que iso sabémolo calcular sobre o papel, pero si a estética do trebello, que sen maqueta non eramos capaces de vela de todo.
—Así que o miradoiro ten unha versión en maqueta?
—Ten varias. A primeira fíxenas eu rudimentariamente, que de carpintería sei o xusto. Ensineilla ao alcalde e gustoulle, e despois as demais xa as foi facendo o carpinteiro, eran xa maquetas de traballo. A definitiva é unha a escala 1:20.
—Pódese ver no Concello?
—Téñoa eu no despacho, non a fixemos pensando en expoñela.
—Bóveda non ten as paisaxes que se poden ver noutros puntos da Ribeira Sacra xunto ao Sil ou o Miño. Tratábase de compensar iso con miradoiro espectacular?
—Non se trataba diso, senón de situar un elemento que pode ser un fito na paisaxe, pero xogando coas ferramentas que nós temos. Porque efectivamente non temos o canón do Sil, pero si unha paisaxe inmensa arredor. Precisamos separarnos un pouco do chan para esa paisaxe colla toda a súa grandeza e ofreza ben o que ten. Porque abaixo podes ter unha árbores, toxos, xestas e vannos estorbar. Haise que separar do chan para ver a paisaxe. Non tes canón, río, unha parede vertical, pero tes unha paisaxe enorme. Ves case desde Lugo ata Os Ancares. Ves O Courel, os montes de Quiroga, Sober, O Saviñao, Cabeza de Manzaneda, o perfil dos montes de León... Ter en conta esa idea e a decisión de utilizar materiais tradicionais son o que nos permitiu facer ese deseño.
—Hai quen lle ve aspecto de catapulta. Buscaban que tivese esa forma?
—Non. Non buscamos unha forma en concreto. O que se buscou foi a función, pero da función que persegues sae unha forma. Tamén hai quen di que lle parece unha cadeira. En todo caso, non é buscado.
—Canto tempo lles levou?
—Penso que foron case dous meses e medio, e dous meses e medio moi intensos. O esforzo de encontrar o material, de deseñalo e de ver como se executaban as pezas da unión, con que podíamos facer os furados... É que incluso houbo que fabricar unha broca específica para facer as unións. Non había unha axeitada para iso. Todo eran situacións novas e había que ir respondendo a todas unha por unha.
—Foille divertido?
—Moito, foi una experiencia apaixonante. Oxalá tivésemos que facer todos os días traballos destes, que requiren investigación e que teñen o seu risco.
—Houbo que facer moitos axustes?
—As cousas foron saíndo porque houbo un entendemento perfecto con Félix Méndez Nogueira, da da empresa Valiño, de Mondoñedo, adxudicataria do proxecto. Foron moitas horas de despacho con eles, nas que iamos resolvendo paso a paso como levantar unha viga, como suxeitar cada elemento ou que tipo de parafuso usar. Non se fixo un movemento que non estivese previsto inicialmente. Houbo un momento no que na obra había catro máquinas elevadoras ao mesmo tempo, tres para persoas facendo furados e a cuarta para as vigas. Nun traballo así non pode haber improvisación, ten que estar todo calculado, porque ademais haino que facer sen se estender demasiado no tempo. Foi un traballo de equipo no que resultou fundamental a participación de profesionais que poden manexar maquinaria e saben de carpintería, como Hipólito, Rubén, Javier Lorigados ou Manuel López Armesto. Houbo apoio desde a administración pública e ademais estiveron estes rapaces que se botan o traballo enriba e fan o que faga falta. As ancoraxes ao chan, por exemplo, foron deseñados por min e por eles e feitas por eles. Unha empresa de Lugo cortóullelas con láser, pero despois galvanizáronas eles e fixeron todo o demais eles.