Patrocinado por

Xosé Lois Piñeiro, presidente de Barbanza Arousa: «Catro concellos sumando recursos chegan máis lonxe que por separado»

Francisco Brea
Fran Brea RIBEIRA / LA VOZ

VEN A GALICIA

Piñeiro apunta que o camiño A Orixe é unha das grandes apostas da mancomunidade.
Piñeiro apunta que o camiño A Orixe é unha das grandes apostas da mancomunidade. CARMELA QUEIJEIRO

Afirma que a entidade ten un proxecto ambicioso para impulsar o turismo náutico

13 feb 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Xosé Lois Piñeiro (A Pobra, 1971) acaba de coller a presidencia da Mancomunidade Barbanza Arousa nun momento no que a sexta ola debería comezar a remitir e debuxar un panorama máis alentador, de regreso á normalidade. Iso permitiría impulsar máis actividades e, tamén, que a mobilidade aumente e que ata a cara norte da ría arousá se despracen máis visitantes.

—Que impacto tivo a pandemia? Quedaron moitas cousas sen facer que hai que retomar?

—O impacto foi grave, notouse na hostalaría e no comercio e as empresas de turismo sufrírono. Houbo momentos nos que foi posible retomar actividades, pero encaramos os próximos meses coa intención de poñelas todas en marcha outra vez, e de xeito prioritario no turismo.

—A pesar da crise sanitaria, saíu Barbanza fortalecida como destino para atraer visitantes?

—Seguramente si. Percibiuse en aspectos como o urbanismo, xa que aumentaron as licenzas para rehabilitar e construír casas no rural, así como polo incremento de ocupación das segundas vivendas. Incluso se notou nos censos.

—Volve ser ano xacobeo e o Camiño A Orixe segue a dar pasos. Está claro que é unha das grandes apostas.

—Por suposto, e hai que mellorar aspectos e os concellos estámolo a facer todas as semanas. Hai que promocionalo, dalo a coñecer. No verán haberá visitas masivas de mozos que farán. Temos que avanzar en cousas. E quedará, para máis longo prazo, a dotación de albergues.

—Fai unhas semanas foi o protagonista en Fitur, estas citas son fundamentais?

—Levamos dous ou tres anos levando o Camiño a Fitur e é importante estar alí, pero hai máis feiras ás que asistimos. Catro concellos sumando recursos chegan máis lonxe que por separado. O retorno? Pensamos que o hai e por iso continuaremos indo a este tipo de eventos.

—Como valora a coordinación entre os concellos, mellorou ou aínda se pode facer máis?

—Sempre se pode facer máis, iso é certo. Pero tamén que a mancomunidade é moi valorada fóra pola cooperación entre os concellos que a formamos. Iso, tendo en conta que cada un está dirixido por un grupo político distinto e o entendemento é moi bo. Sabemos que, por exemplo, se alguén vén 15 días a Ribeira non só vai estar alí e temos que ofertarlle actividades de ocio. Temos moi boa colaboración e pódese chegar máis alá. Estamos facendo cousas que antes non se facían.

—Fai uns anos, a mancomunidade viviu un momento complexo. Agora está clara a folla de ruta a seguir?

—Penso que si. Este ano estamos a asentar o que vimos facendo nos anteriores, como o Parque Arqueolóxico da Idade de Ferro, os paquetes turísticos ou potenciar as empresas especializadas no turismo. Por exemplo, o que me din as técnicas de turismo da Pobra é que no verán os visitantes demandan moitas actividades náuticas, sobre todo os que veñen de fóra de Galicia, e hai que darllas.

—Precisamente do turismo náutico tense falado moito, está entre os obxectivos o seu impulso?

—Claramente. Hai un proceso ambicioso que xa se presentou a subvencións. Os concellos ás veces pecamos un pouco de independentes e hai opcións, desde veleiros, motor, surf...

—E tendo en conta, ademais, os bos clubs náuticos que hai.

—Temos unha colaboración plena cos portos deportivos que, por se fose pouco, están nunha das mellores rías para navegar. Hai que potencialo ao máximo, porque as entidades están a funcionar ben e teñen un potencial tremendo.

—E falando de deporte, outro campo que seguro queren tocar.

—Claro, os campionatos de campo a través que se celebraron na Pobra a semana pasada tiveron impacto na hostalaría ou, por exemplo, nótase moito a regata da ACT. Pero tamén hai que ofrecer rutas de BTT nos municipios ou sendas peonís, recursos que axuden a conseguir que pasen aquí a noite ou a fin de semana.

«Eu teño un empeño, que é que o Parque Arqueolóxico Idade de Ferro avance»

Recibir visitantes máis alá do verán sempre é unha das metas que persegue a mancomunidade Barbanza Arousa.

—Conséguese que veña xente á comarca en todas as épocas do ano?

—O que sei é que nos esforzamos en facelo e en ter actividades para turistas fóra do verán. Hai proxectos, como o camiño A Orixe ou o parque arqueolóxico que se poden gozar en calquera época, e os paquetes turísticos tamén o prevén. Debemos ofrecer recursos fóra de verán, aínda que sempre vai ser o momento forte, pero hai quen planifica as súas fins de semana e o seu ocio sen ser na época estival.

—Moitas veces comentouse que un dos problemas era a falta de prazas hoteleiras, está de acordo?

—A cantidade de prazas que hai é alta, pero si que é certo que, ás veces, hai dificultades para traer un evento dun número elevado de persoas que queren estar nun mesmo lugar. Cando se fai algo na comarca que atrae xente, como pode ser a ACT que vén cada equipo por separado, repártese entre os concellos

—Cales considera que son as carencias en materia turística?

—A liña a seguir é ofertar actividades de todo tipo, que alguén cheque aquí e na oficina de turismo lle dean un abano de propostas para que quede na comarca todo o tempo. Iso é importante e estámolo conseguindo pouco a pouco. Temos que diversificar para abarcar a todos e iso supón traballo e leva tempo.

—Algún obxectivo persoal para o seu tempo na presidencia?

—Eu teño un empeño, que é que o Parque Arqueolóxico da Idade de Ferro avance. Creo que é un recurso que paga a pena ter, e, ademais, entran os concellos de Porto do Son e Dodro. Tamén consolidar o proxecto dun festival na comarca. Estamos debatendo continuar o Paisaxes Sonoros. O último foi tres días, cun concerto en cada municipio e hai que ver se queda ese formato ou se concentra cada ano nunha localidade.