Patrocinado por

Unha viaxe rupestre pola Costa da Morte, por Luis Leclere

luis leclere

VEN A GALICIA

XOÁN A. SOLER

EN PRIMEIRA PERSOA | Visto este fabuloso conxunto, penso na necesidade de garantir a súa conservación

13 feb 2022 . Actualizado a las 18:47 h.

Calquera con interese en vivir experiencias das que deixan pegada na memoria ten na Costa da Morte un destino á súa medida. Non esquezamos que é o lugar intelixentemente escollido polo astro rei para o seu descanso. Conserva un patrimonio natural ben coñecido por moitos, as súas exuberantes praias, os impoñentes cantís e cabos, as pequenas illas, as fantasiosas formacións rochosas, os vizosos bosques de ribeira, os seus canóns e fervenzas son obxecto dunha ben merecida valoración social. Tampouco precisa moita presentación a súa gastronomía e hostalaría, os suculentos mariscos, pescados e carnes servidos por prestixiosos restaurantes e hoteis. Non menos interese ten o seu rico patrimonio artístico, as senlleiras arquitecturas relixiosas e civís de épocas pasadas, igrexas, capelas, santuarios, mosteiros, castelos, pazos, pontes, faros, pedras milagreiras ou o místico Camiño Xacobeo a Fisterra. E tamén os seus museos, así como o seu patrimonio etnográfico, cruceiros, hórreos, eiras, muíños, batáns, alvarizas, lavadoiros que conforman un conxunto excepcional, que, en xeral, goza dun aceptable estado de conservación. O seu patrimonio arqueolóxico non merece menos atención, os seus castros, Borneiro, As Barreiras, Mallou, os monumentos megalíticos, con Dombate á cabeza, aos que, non sen gran retraso, por fin semella que lles chegou o momento de seren achegados aos cidadáns, grazas ao impulso do tantas veces demandado Parque do megalitismo da Costa da Morte por parte da Deputación da Coruña.

É no meu caso particular a súa arte rupestre a que me leva a visitar con certa frecuencia estas terras. É esta unha manifestación cultural apenas coñecida, a pesares do seu indiscutible valor. Quizais os seus petróglifos sexan pouco coñecidos entre o público xeral mais nos últimos tempos son varias as iniciativas desenvolvidas na Costa da Morte que están a mudar pouco a pouco esta situación. Nalgunhas tiven o privilexio de participar xunto aos meus compañeiros da Rula.

En Ponteceso. a divulgación e as descubertas de Suso Lista, secundadas polo entón concelleiro de Patrimonio Carlos Penedo, tiveron como resultado A realización dunha exemplar ruta dos petróglifos de Corme, que inclúe no seu percorrido estacións tan singulares como o Petón da Campaíña, A Regadiña ou o conxunto da Fieiteira. É unha mágoa que os resultados políticos inexplicablemente detivesen esta iniciativa e, na actualidade, perigue a continuidade do mantemento, a conservación e a promoción destes bens de gran valor. Pero Suso Lista non se detivo e continúa incansable coas súas descubertas e visitas divulgativas.

As recentes descubertas do amigo David Roget no concello de Vimianzo evidencian o limitado coñecemento que aínda temos sobre os petróglifos da comarca. A fermosa estación de Prado da Cruz é quizais a máis interesante das 14 estacións localizadas por este brillante estudante vimiancés. Grazas ao sempre fundamental apoio da administración, hoxe en día, estes bens son accesibles a través da ruta dos Segredos do Val elaborada polo Concello de Vimianzo. O bo labor do seu técnico Victor Santos puxo ao dispor da cidadanía en tempo récord o desfrute destes bens patrimoniais.

JESUS ROGET

Sen saír do concello soneirán poderemos visitar outras estacións accesibles e ben sinalizadas a iniciativa tamén do concello vimiancés. Na Ruta Fidalga poderemos coñecer os conxuntos de Boallo e Os Pedrouzos estudados e divulgados polo investigador Roberto Mouzo, así como o dolmen da Casota de Freáns, o Pazo de Boallo e o conxunto etnográfico de Berdoias, bens que dan forma a unha ruta difícil de esquecer, bens que a voracidade eólica está a ameazar.

No sur á sisuda investigación de José Cernadas permitiulle ao concello de Carnota promover desde hai xa unha década o exitoso Museo Aberto de Carnota no que a arte rupestre ten un papel protagonista. Os barcos da Laxe Escrita, o suxerinte deseño do Filladuiro, ambos estudados polo Mestre Fernando Alonso Romero, e o puñal das Laxiñas, son só uns poucos exemplos das marabillas que atesoura este museo aberto.

Pero non todas os petróglifos teñen a sorte de recibir a atención conxunta de cidadanía e administracións públicas. A Pedra Ancha de Dumbría descuberta por Modesto García Quintáns, é un dos escasos exemplos de rochas panoplia da nosa arte rupestre (non chegan á decena en todo o país), con representacións de alabardas, espadas e puñais da Idade do Bronce. Nunca foi limpado o seu acceso e contorno nin sinalizada a súa localización desde a súa descuberta no ano 1991. O seu abandono e o desinterese das administracións fanse máis incompresibles si ao seu valor histórico e estético lle engadimos o feito de que se localiza á beira do Camiño de Santiago a Fisterra.

A Pedra Xestosa no concello de Laxe é unha estación moi especial que tamén esmorece entre a vexetación. Especial polo soporte escollido polos gravadores, as paredes verticais dun destacado penedo e as escondidas superficies horizontais do pequeno abrigo da súa base. E polos motivos gravados, a manda de cervos localizada máis ao norte do país. Foi publicada no ano 2010 polo Grupo para o estudo da Prehistoria do Noroeste, da Universidade compostelá.

Ana Garcia

Na Punta Nariga, en Malpica, nun estreito abrigo rochoso situado ao carón do mar consérvanse uns enigmáticos gravados, quizais o recordo dun esquecido naufraxio sucedido séculos atrás, un dos moitos afundimentos sucedidos no bravo mar desta Costa da Morte. Recentemente foron obxecto de coidados por parte da Dirección Xeral de Patrimonio a través da empresa Árbore Arqueoloxía.

Visto este fabuloso conxunto de estacións rupestres penso na imperiosa necesidade de garantir a súa conservación, de protexelos de eólicos, toxos e eucaliptos, e en facelos accesibles aos cidadáns. Estou convencido de que unha vez conseguidos estes obxectivos a súa promoción dotará á Costa da Morte dun singular recurso educativo e turístico que atraerá a moitos visitantes interesados en coñecer os seus petróglifos.

E, en resumo, estas son os causas que me atraen a miúdo a visitar a Costa da Morte, os seus petróglifos e as súas persoas, tesouros únicos sempre merecentes de mil visitas máis. É moi doado chegar ata aquí, basta con seguir o ‘camiño do sol.’

DNI

Luis Leclere. Santiagués, preside o colectivo A Rula, ligado á área de Compostela, pero moi implicado na análise e divulgación do patrimonio desta comarca.