Patrocinado por

A marea dorneira pospandemia encherá de festa durante nove días as rúas de Ribeira

Ana Gerpe Varela
A. Gerpe RIBEIRA / LA VOZ

VEN A GALICIA

Juan José Segade, Sara Sevilla y Marta Varela
Juan José Segade, Sara Sevilla y Marta Varela Marcos Creo

O amarelo é a cor elixida para unha singradura que partirá o 16 de xullo

13 feb 2022 . Actualizado a las 19:01 h.

«Queremos que Ribeira se encha, que haxa ambiente nas rúas», manifestaba onte Sara Sevilla, presidenta da Real e Ilustre Cofradía da Dorna, tras concretar que a primeira singradura pospandemia durará nove días. A Festa da Dorna partirá o 16 de xullo e rematará o 24 coa tradicional Rejata de Embarcacións o Top Secret e, aínda que está sen determinar, seguramente un concerto a modo de gran colofón.

Non será a travesía máis prolongada das que se teñen feito, xa que Sara Sevilla lembrou que a do 2016 prolongouse durante dez xornadas. Sen embargo, recoñeceu que tras dous anos sen celebración, hai gañas de diversión: «Ten que vir ben».

A decisión adoptouse na asemblea que as peñas dorneiras celebraron a noite do sábado na casa do mar de Ribeira. A partir de agora comeza o proceso para confeccionar o programa, aínda que Sevilla adiantou que «haberá actividades tódolos días».

O Jran Prix será o domingo 17, pero a data do Voo sen Motor, outra das citas importantes, está sen definir polo momento.

Amarelo para o suadoiro

Outra das decisións adoptadas foi a cor do suadoiro, que este ano será amarelo.

Os concursos para o deseño do suadoiro, o cartel, os trofeos e o Xite dorneiro xa están abertos. As bases e prazos de presentación de propostas detallaranse dende hoxe na páxina web e nas redes sociais da Real e Ilustre.

A maquinaria dorneira está xa en pleno funcionamento, á espera de que se vaian sucedendo as asembleas para ir concretando aspectos do programa. A directiva, pola súa banda, tamén comezou a traballar co obxectivo de que esta celebración teña un carácter especial. Unha das cousas que non perde de vista a organización é que o covid continúa estando presente, polo que ata o mes de xullo poden afectar aspectos como o dos aforos que, incidirán na organización das actividades que se fagan.

Nesta reunión tamén se abordaron aspectos relativos á realización do baile de gala, que terá lugar o 30 de xullo no restaurante Baiuca de Artes.

Outra das citas que a Real e Ilustre efectúa cada ano é a Sea Solidaria Dorneira, que foi fixada para o 2 de abril. Será tamén en Artes e os que desexen asistir deberán estar atentos ás redes sociais da entidade para coñecer cales serán os prazos para poder anotarse.