Patrocinado por

Valga proxecta en Mina Mercedes unha nova zona de xogos para a rapazada

La Voz VALGA / LA VOZ

VEN A GALICIA

MONICA IRAGO

Randeeiras, zonas de escalada e unha tirolina, entre as actividades para as que se reservará espazo

15 feb 2022 . Actualizado a las 21:07 h.

O Concello de Valga quere seguir a reforzar a área recreativa da Mina Mercedes. E para iso incorporará proximamente a ese espazo de natureza e lecer un novo servizo orientado á poboación infantil, unha área de xogos que se habilitará neste entorno para complementar as prestacións que actualmente ofrece esta zona de lecer.

O parque, segundo informou onte o Concello que preside o popular José María Bello Maneiro, terá unha superficie aproximada de trescentos metros cadrados, que se dotará de pavimento continuo de impactos de 40 milímetros e que se pechará cun valado perimetral de láminas de madeira.

Sobre esa superficie colocaranse varios xogos, pensados para que a cativade goce deles: unha superficie saltadora, un columpio, unha zona de escalada...

A cama elástica estará construída en caucho e polietileno de alta densidade. Será altamente resistente e terá unha superficie antideslizante. A randeeira estará fabricado a base de paneis de polietileno, postes de madeira de pino e cordas de rede recuberta. O montículo de escalada levará incluído, ademais, un tobogán instalado sobre unha zona de terraplén. Un balancín con resorte de espiral e un bambán dobre, acabarán de encher un espazo no que boa parte do protagonismo vai recaer nunha tirolina de vinte metros de percorrido, que cruzará polo alto unha zona de area.

O proxecto da nova zona de xogos infantís completarase coa humanización dese entorno mediante a colocación de mobiliario urbano e alumeado, así coma un cartel informativo cos usos do parque, normas e teléfonos de asistencia sanitaria.

Os traballos de execución desta obra veñen de ser licitados, cun orzamento de 102.335 euros. A actuación vaise financiar a través do programa provincial Plan Concellos 2021. As empresas teñen de prazo ata o día 9 de marzo para presentar as súas ofertas.

«Con iniciativas coma esta o goberno local dá continuidade á política de creación de espazos públicos abertos onde as familias poidan pasar o seu tempo de lecer e favorecer o contacto dos máis pequenos cos espazos naturais existentes no municipio», explican dende o Concello. Cómpre destacar que esta actuación non é a única que o goberno local ten para esta zona do municipio. De feito, veñen de presentar hai uns días un plan para actuar sobre a lagoa xemelga a da Mina Mercedes, a fin de ampliar os espazos de lecer e de esparexemento tanto da veciñanza como das persoas que visitan a vila.