Patrocinado por

A parroquia de Castrelo disporá dun miradoiro e zona de lecer con vistas á enseada da Toxa

La Voz CAMBADOS / LA VOZ

VEN A GALICIA

Martina Miser

A obra executare nos anos 2022 e 2023 e ten un orzamento de 23.202 euros

15 feb 2022 . Actualizado a las 16:39 h.

O Concello de Cambados vai crear unha área recreativa no miradoiro de Castrelo, situada no entorno do depósito de auga do Couto de Arriba. O proxecto, que sairá a licitación en breve, executarase en dúas anualidades, 2022 e 2023, cun orzamento de 23.202 euros, IVE incluído.

O proxecto prevé o acondicionamento do espazo mediante a retirada de lixo e a roza selectiva dunha superficie de 1.076 metros cadrados, correspondentes á parte superior do miradoiro, respectando ás árbores autóctonas, principalmente carballos e piñeiros. Posteriormente, instalaranse os primeiros elementos da área recreativa: seis mesas con bancos, un valado perimetral de 60 metros e dúas mesas con fotografías panorámicas da paisaxe que se observa desde este miradoiro que mira á enseada da Toxa.

A área contará con catro paneis interactivos de xogos ambientais nos que se interpretarán os valores naturais do espazo, así como a súa importancia social e económica.  Ademais, dotarase ao lugar dunha pequena fonte pública de auga potable de estilo rústico e pintarase o depósito de auga para adecualo á estética do entorno.

O investimento será sufragado a través da Rede Natura 2000 e cofinanciado mediante o Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural, (Feader), no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia.

O alcalde, Samuel Lago, indica que con esta actuación «pretendemos aportar unha área de lecer para mellorar a calidade de vida da veciñanza, poñendo en valor o espazo e fomentando, ao tempo, a educación ambiental e o respecto pola sostibilidade».