Patrocinado por

Máis de 200 locais de toda Galicia celebrarán o Día de Rosalía cun «caldo de gloria»

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

VEN A GALICIA

En Celanova ofrecerán de novo o caldo de gloria
En Celanova ofrecerán de novo o caldo de gloria xoan a. soler

Xa se sumaron máis de 130 locais hostaleiros  e máis de 60 comedores escolares

17 feb 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A Fundación Rosalía de Castro quere conmemorar o 23 de febreiro, Día de Rosalía (recén cambiado pola descuberta do día do seu nacemento), chamando á lectura dos seus textos e á participación no caldo de gloria e na alborada para Rosalía.

Ao Caldo de Gloria xa se sumaron máis de 130 locais hostaleiros —listaxe en proceso de ampliación nos vindeiros días— e máis de 60 comedores escolares, ademais de concellos e empresas de toda a xeografía galega. Trátase dunha iniciativa inspirada no poema Miña casiña, meu lar na que a poeta explica como facer un caldo humilde e no que se relata a épica diaria da supervivencia. Comezou a realizarse con éxito en 2017, cun seguimento masivo en Padrón. En 2018 converteuse nun evento seguido a nivel galego.

Nesta sexta edición, o encargado de preparar o caldo de gloria na Casa-Museo será o cociñeiro Xoanqui Ameixeiras, que protagoniza o programa da TVG Estache bo. Sen embargo, por mor do covid-19 e as súas restricións, non estará aberto ao público, pero gravarémolo en vídeo para que coñezamos a súa versión deste prato. En anteriores edicións elaborárono cociñeiros como Lucía Freitas, Pepe Solla, Chef Rivera ou Benigno Campos, ademais da escritora Ledicia Costas.